O CCG crea unha aplicación para explorar os últimos datos sobre a cultura galega

O Observatorio da Cultura Galega é o responsable dos contidos

O Consello da Cultura Galega presentou hoxe o novo web do Observatorio da Cultura Galega. Trátased unha potente aplicación web orientada aos programadores, investigadores e profesionais do sector cultural que permite coñecer, debidamente actualizados, os datos estatísticos procesados e as sínteses cualitativas e avaliativas elaboradas ao fío da actualidade. O informe máis recente destaca, por certo, o feito de que os datos de 2010 sobre afiliación á seguridade social indican que o sector cultural crea emprego mentres no conxunto de Galicia aumenta o paro.

A nova aplicación foi presentada polo Presidente da institución, Ramón Villares, que salientou o compromiso do Consello da Cultura Galega por facilitar a maior e mellor información posible, aproveitando os recursos da rede, como ven ocurrindo, continuada e progresivamente desde o horizonte do ano 2000. Aludiu aos traballos do Observatorio como “unha das bandeiras da presenza pública do CCG”.

Manuel Gago, director do portal cultural www.culturagalega.org, lembrou a traxectoria de máis dunha década da presenza dixital do CCG que resumiu en dous vectores: por unha parte a divulgación a través do portal citado e, por outra, os contidos específicos pensados para o sector cultural, ofrecidos a través da web corporativa www.consellodacultura.org. “Trátase, dixo, de adaptar a oferta do Consello á nova idea de Internet, que pasa pola aplicación, o servizo, o espazo de encontro ou as bases de datos para facilitar o acceso ás fontes públicas de información”.

MONITOR DA CULTURA GALEGA

Hakan Casares, coordinador técnico do Observatorio da Cultura Galega, unidade creada polo CCG para contribuir ao desenvolvemento de políticas culturais sobre bases empíricas, fixo un percorrido pola nova aplicación, que ofrece información sobre 16 áreas temáticas. Destacou o feito de que permite editar táboas e elaborar gráficas dos indicadores en cada ámbito cultural e aludiu á importancia da dimensión interactiva dun traballo elaborado e ofrecido na rede. Chamou a atención sobre o apartado O monitor da cultura galega, no que os internautas poden apreciar rápidamente a evolución seriada da cultura galega en diferentes ámbitos nos últimos anos. Recordou tamén os informes de conxuntura, que poden verse e descargarse en formato PDF, a presenza do Mapa de Equipamentos Culturais de Galicia e subliñou a atención prestada á dimensión e á contribución económica do sector cultural, resumida na nova da creación de emprego durante 2010, coa que se presentou http://observatorio.consellodaucltura.org