Aprendices de Tom Ford

Os estudantes de moda exhiben a súa creatividade no marco da pasarela Debut

Non son coñecidos pero a súa pode ser unha carreira prometedora no mundo da moda. Este xoves fan a súa posta de longo diante de cazatalentos, persoal de recursos humanos de empresas como Inditex (Bershka, Zara, Uterque…), Sociedade Téxtil Lonia (Carolina Herrera, Purificación García….) ou da Madrid Fashion Week (máis coñecida como Cibeles) así como público xeral. A pasarela Debut 2010 é, ante todo, unha exhibición de talento e de creatividade.

Modelos inspirados na arquitectura de Óscar Niemeyer, ou no traballo do pianista canadense Glenn Gould, xunto con propostas sobre Irina Favé, o filme A Bout de Souffle (Ao final da escapada)… non son quince proxectos (cada un presentará oito estilismos) senón a plasmación dun universo creativo cos tecidos como pretexto. “Non é unha pasarela no sentido tradicional, é unha proposta cun nivel de creatividade e de deseño que sorprende” asegura Lola Dopico, directora de Esdemga, a titulación de grado con título propio que mantén a Universidade de Vigo. O nome co que bautizaron a pasarela de presentación dos proxectos de fin de curso, Debut, é premonitorio do que este encontro encerra en si mesmo. “É un encontro que ten un xurado no que participan desde xente de publicacións especializadas como Neo2, ata de empresas como Purificación García, pero non só iso, asisten cazatalentos, persoal de recursos humanos que concerta citas cos propios deseñadores ao acabar o desfile”. Por iso, os estudantes preparan a conciencia esta pasarela tanto no persoal como no económico. “Sei de xente que gastou de 3.000 a 5.000 euros en preparar esta pasarela” afirma Lola Dopico, que asegura que algunhas das antigas alumnas saíron de alí asegurándose o seu debut en El Ego (a sección para novos creadores da Pasarela Cibeles). Chegar ata a pasarela que terá lugar este xoves (sexto edificio do Museo de Pontevedra, ás 20:30 horas) non é algo doado. “É unha titulación dura, porque somos moi esixentes e porque o ritmo é moi alto” asegura Lola Dopico. As cifras danlle a razón, a media de finalización de estudos é do cincuenta por cento. Matricúlanse cada ano unhas trinta persoas (oferta e demanda equipáranse habitualmente e o criterio de selección é a nota de selectividade, aínda que se reservan o dereito de facer unha proba de ingreso), e finalizan arredor de 15. “Este ano son 12 persoas as que presenta o seu proxecto de final de grao, ademais das baixas polo ritmo e polo nivel, tamén aconteceu que algunhas das nosas estudantes saíronlle ofertas de traballo moi interesantes que impediron que rematasen os seus estudos”, asegura a directora.

Os outros integrantes de Debut 2010
Non todos son proxectos de fin de curso. En debut 2010 teñen cabida as propostas doutros estudantes da titulación aos que desde a organización lle indican un tema concreto. “Este ano propuxémoslle reflexionar sobre Estudo 54 e cada deseñador o enfoca desde un punto de vista persoal” puntualiza a directora da titulación.

Froito dun convenio con Central Saint Martins, Esdemga desenvolveu un proxecto que aunaba as propostas dos estudantes de deseño de moda pontevedrés cos de deseño gráfico londinense. O resultado dese intercambio é un proxecto altamente experimental e desigual, que abrangue desde creación propia ata a identidade gráfica do Debut deste ano.


A estela Esdemga
Isabel Mastache, Amai Rodríguez, Ana Pérez, Paula Montoto…. Son algunhas da exalumnas de Esdemga que deron moito que falar polas súas propostas tanto en pasarelas como Cibeles, a pasarela francesa para novos deseñadores (que se desenvolve na Provenza e non en París), as citas de Murcia…. Non só iso, “Amai Rodríguez gañou o premio Loreal para novos deseñadores da pasarela Cibeles e, aínda que pareza algo menor, van pasar moitos anos ata que se repita algo semellante” apuntaba Lola Dopico. Xunto con estas propostas, hai un alto porcentaxe de colocación dos alumnos deste centro que están a traballar en firmas como Carolina Herrera, Burberrys, a deseñadora catalá Sita Murt ou o grupo Inditex.

A nivel profesional os restos desta escola pasan por seguir medrando, “por crear mestrados específicos como nos está a demandar as propias empresas, de calzado e de complementos” apunta a directora de escola. Pero a nivel académico hai aínda un reto maior, que é o de integrar este estudo propio da Universidade de Vigo no plan de titulacións oficiais. Non é só unha cuestión económica (abarataría o prezo da matrícula que a día de hoxe está en 3.000 euros máis taxas), senón que permitiría desenvolver estudios de posgrao e doutoramento e entrar de pleno na investigación en I+d+i aplicado ao campo téxtil.