A arousá Goretti Fariña gaña o III Premio de Poesía Victoriano Taibo coa obra Devastacións dispoñibles

Os premios entregaranse en novembro xunto coa presentación do libro editado

O xurado do III Premio de Poesía Victoriano Taibo convocado polo Instituto de Estudos Miñoranos e a Entidade Local de Morgadáns- Gondomar decidiu premiar ao poemario titulado Devastacións dispoñibles, do que é autora Mª Goretti Fariña Caamaño, do que valorou especialmente o seu lirismo así como un manexo elegante e eficaz da lingua. Mª Goretti Fariña Caamaño naceu en San Xoán de Baión (Vilanova de Arousa) no ano 1965. Na actualidade reside en Vilagarcía de Arousa. É licenciada en Bioloxía e profesora de Ciencias nun colexio de Vilagarcía. A gañadora recibirá o premio co que está dotado este certame (3.000 € en metálico e unha peza escultórica de Fino Lorenzo) no transcurso dun acto que se celebrará na primeira metade de novembro, en cuxo momento será tamén presentado o libro gañador editado polo Instituto de Estudos Miñoranos. Nesta terceira edición do certame presentáronse un total de 43 orixinais. A participación non só foi abundante senón tamén de gran calidade, como sinalaron unanimemente os membros do xurado que decidiron seleccionar dez finalistas.