David Rubín participa na mellor antoloxía de BD do ano 2010

Emma Ríos anuncia a publicación dunha nova miniserie en Estados Unidos

A publicación Popgun 3, publicado pola editora americana Image, fíxose co premio Will Eisner á mellor antoloxía de BD na Comic Con de San Diego. O volume premiado inclúe entre as súas 472 páxinas a historia Ramen-O-Rama!! (12 páxinas) debuxada e guionizada polo ourensán David Rubín. Os premios Eisner están considerados os principais galardóns da industria americanda do cómic e son amplamente recoñecidos internacionalmente. Pola súa banda, o web Newsarama anunciaba a vindeira publicación en Estados Unidos da miniserie de cinco números Osborn, que contará con debuxos de Emma Ríos. A serie, publicada por Marvel, será guionizada por Kelly Sue DeConnick e céntrase neste personaxe secundario da serie Spider-Man.