O Encontro de Literatura de Viaxes xuntará a escritores e lectores en grupos de conversa

A iniciativa café con… ofrece a posibilidade de falar cara a cara cos autores

O Primeiro Encontro Internacional de Literatura de Viaxes, a celebrarse do 20 ao 27 de xuño en Santiago de Compostela, ofrece aos lectores a posibilidade dun encontro de curta distancia con algúns escritores asistentes, Así, previa inscrición no enderezo info@trevisani.es, grupos de ata dez persoas poderán compartir café e conversa xunto a Xavier Queipo, Susana Fortes, César Antonio Molina, Javier Reverte, Julio Llamazares, Soledad Puértolas ou Paco Nadal; para coñecer as pequenas claves das súas obras ou para expor os propios puntos de vista e as sensacións vividas grazas á lectura. Os encontros acontecerán en dous emprazamentos privilexiados da cidade de Santiago de Compostela: o Café Casino, na Rúa do Vilar; e máis no Parador Hostal dos Reis Católicos, na Praza do Obradoiro. Os seleccionados escolleranse por orde de inscrición.