Os libros foráneos gañan peso

A importancia das obras traducidas medra nos catálogos editoriais galegos

A pasada semana, presentábase publicamente Barbantesa Editora. Entre os seus lanzamentos iniciais, atopamos tres traducións de diferentes idiomas. Hai poucos meses debutaban, tamén con tres traducións, 2.0 editora. Canda a elas, firmas máis ou menos recentes como Rinoceronte ou Urco ven no recurso de verter autores foráneos para o galego unha base fundamental do seu catálogo. Non son alleas ao fenómeno editoras clásicas das nosas letras como Xerais ou Galaxia, que nos últimos anos poñen ao noso dispor lanzamentos internacionais en galego ao tempo, ou mesmo antes, de que a versión castelá chegue ás librarías.

Hai xa cinco anos que Moisés Barcia puña a andar Rinoceronte Editora, unha firma pioneira no noso país ao se especializar na publicación de obras traducidas para a nosa lingua. Segundo el, desde aquela “o mercado galego é tan pequeno que non é posible que haxa moitos cambios, pero si que existe unha tendencia firme e consolidada cara á tradución”. Ao seu ver, esta tendencia vese de xeito especial nos catálogos da novas editoras que están a ver a luz nos últimos anos e que incorporan as obras foráneas como unha parte importante. “As novas tecnoloxías están a facilitar moito a creación de novas editoriais, e ai vese unha ampla porcentaxe de obras traducidas, mentres que nos casos das firmas consolidadas, a presenza continúa a ser ínfima”. Para el a tendencia actual “non é estraña, en todas as culturas do mundo hai unha ampla presenza de tradución dentro da produción editorial. A anormalidade era o caso galego, onde practicamente o noventa por cento do que se publicaba era de autores de aquí”. Manuel Bragado, de Edicións Xerais, matiza a pouca presenza das traducións no noso mercado. “No Reino Unido apenas o 5% das obras son traducidas, en españa chegan o 27% e en galego, segundo os anos, rolda o 20%. Os nosos niveis están un pouco en relación cos nosos niveis de edición. Poida que non teñamos todas as novidades ao tempo que en castelán, como acontece en Cataluña, pero ali editan 8000 títulos ao ano e aquí 2000”, explica.

Para os máis novos
Un sector da edición no que, xa de xeito histórico as traducións son habituais é na Literatura Infantil e Xuvenil. Xa desde as primeiras obras deste tipo publicadas nos anos sesenta están moi presentes as obras foráneas, e, segundo recoñece Bragado “o noso catálogo é o expoñente mais claro. As primeiras coleccións infantís da editora foron traducións como Xabarín ou Arroás. Agora esta tendencia ten tres décadas e está moi asentada”. E menta autores vertidos á nosa lingua hai xa anos como Tolkien, Roald Dahl ou Xulio Verne.

Vantaxe ou problema
Cabe pensar que a aposta das novas pequenas editoras polo material traducido se debe a que é máis seguro comercialmente publicar material que xa tivo un certo eco no exterior ou a que resulta máis barato traducir do que producir. No entanto, na visión de Barcia, a tradución supón máis problemas do que facilidades. “Non ten vantaxes. Se como editor recibes un libro dun autor galego e está ben, maquétalo, imprímelo, distibúelo e, se se vende, págaslle ao autor a súa parte. Cunha tradución tes que pagar os dereitos de toda a tiraxe por adiantado, ademais da propia tradución. Logo tes a pexa de que se fas unha presentación dun autor galego, sempre veñen amigos e familiares, dinamízase o acto, véndense libros e aparece nos medios, pero podes traducir o mellor novelista de Finlandia e se aquí non se consegue repercusión e non se vende”. Coincide con el Bragado ao afirmar que “é mais cara a tradución do que publicar unha obra orixinal. Existe un custe de tradución que sempre incrementa o custe de cada unidade. nese sentido nestas últimas tres décadas foi cando se contou con certas axudas públicas para compensar parte dese coste”. Aínda agrega Barcia problemas específicos como o problema de atopar tradutores para linguas pouco correntes no noso sistema literario. “Ás veces atopas xente que coñece a lingua pero que non se dedica á tradución, entón iso esixe un seguimento continuo da obra e axudar moito no proceso”. Do mesmo xeito, asegura que se venden con máis facilidade as obras de autores galegos do que traducións. “Podes publicar unha obra que foi traducida a moitas linguas e que aquí non se coñeza e non funcione. Se logo o público o descobre é outra cousa, pero poden pasar anos ata entón, e os réditos chegan moi lentamente”.

Causas
Barcia incide especialmente nun cambio de mentalidade dos novos editores para explicar o rápido desenvolvemento das traducións para o galego. Segundo el “penso que a xente que monta unha editorial non se para a analizar as axudas á tradución. Mais ben fai un catálogo ideal e tenta levar á práctica, e aí posiblemente hai unha porcentaxe elevada de traducións”. De calquera xeito, canda a isto existe outra serie de factores que poden explicar o desenvolvemento do sector. Por exemplo, a existencia dunha cada vez maior cantidade de profesionais dedicados á tradución, que sen dúbida redundou nunha calidade crecente dos produtos deste tipo.

Axudas
A problemática da axudas á tradución, e mais concretamente, de que o pasado ano non se convocasen, aparece repetidamente na conversa cos editores. “Este ano a presenza de traducións nos catálogos vaise reducir a respecto de 2009 por esa causa” recoñece Bragado. Barcia sinala que este feito “foi un freazo tremendo. Nós que só facemos traducións, temos libros listos pero estamos aínda a agardar para que se resolvan as últimas”. Canda a isto, a crise económica preséntase como un obstáculo para o sector editorial en xeral e, polo tanto, para as traducións. “Posiblemente este sexa un dos ámbitos onde mais se agradecen estas axudas para continuar o proxecto, aínda que é certo que no noso caso moitas das obras que publicamos non están acollidas ás axudas”, lembra o responsable de Xerais. Barcia sinala que “coas condicións que ten o mercado galego para traducir compre aínda o apoio institucional, e isto ten uns ritmos pausados que poden provocar un parón nos lanzamentos”. A necesidade de agardar pola convocatoria e resolución destas axudas, que cobren parte do salario do tradutor e que contan este ano cun orzamento anunciado de 300.000 euros para este ano 2010, condicionan a miúdo os ritmos do sector e dificultan traer ao noso país as novidades ao tempo do que noutras linguas, aínda que non todas as versións que vemos en galego contan con este tipo de apoios. “Gustaríanos que houbese un público de mil persoas para estes libros, pero non o hai”. Barcia lembra ademais que non é sempre o goberno galego o que achega estas axudas. “Podemos solicitar axudas a países como Hungría, Finlandia ou outros, que teñen programas para difundir a súa cultura a nivel internacional”.

Normalización
Nos últimos tempos abondan os exemplos dunha certa normalización do sector. Comenta Barcia, por exemplo que “fomos preguntar polos dereitos dun libro que saiu hai nada, e atopamos que xa estaban vendidos para o galego, é a primeira vez que nos pasa en cinco anos”. Pola súa banda, Bragado adianta que a vindeira edición de Reckless, da coñecida Cornelia Funke, sairá en galego de xeito simultáneo á súa presentación mundial, o vindeiro 14 de setembro. “Seguramente será o libro infantil e xuvenil do ano. Agora xa podemos participar en galego deses grandes lanzamentos internacionais. Nese sentido podemos estar máis satisfeitos e ogallá poidamos seguir un camiño semellante noutros campos”.