A música de Settecento

Marcos Calveiro selecciona para nós a banda sonora da súa última novela

Venecia
Venecia
De Vivaldi e Bocherini a Coltrane e Neil Young. Detrás de Settecento, a última novela de Marcos Calveiro, agóchase moita música, e non toda está presente nas páxinas desta intriga histórica. De Venecia a Compostela, as grandes capitais europeas do século XVIII son escenarios dunha trama na que o autor de Festina lente emprega a estrutura dunha sinfonía para nos falar dos últimos anos de Vivaldi. Luthiers, músicos, personaxes históricos, Venecia e Compostela danse cita nestas páxinas. Agora, o autor achéganos unha selección de temas que están presentes na novela ou que tiveron un papel na elaboración da mesma.

De seguido, ofrecémosche a banda sonora de Settecento, seleccionada e comentada por Marcos Calveiro para culturagalega.org. Podes escoitala completa nesta lista de reprodución de Spotify ou ben de xeito individual en cada corte ao carón de cada comentario de Calveiro.



Track 1
Sinfonía Andante da ópera Farnace Por Jordi Savall
[escoitar]

Comezo con esta peza, o andante da obertura (daquela chamada sinfonía) da ópera Farnace, porque me parece un dos temas máis fermosos e evocadores do mestre Vivaldi. Pecho os ollos durante un intres máxicos , e viaxo ao Entroido de 1727 no que as góndolas vogan polo Gran Canal levando aos patricios e as súas donas a estrea desta de tema romano.

Track 2
Sonata en R maggiore de Benedetto
[escoitar]

Benedetto Ricotta é un do moitos protagonistas desta novela coral. Trátase dun diletante funcionario da Serenísima con ínfulas de grande compositor. Vive dominado pola envexa e os ciumes que sofre ante éxito acadado polo mestre Vivaldi. Este personaxe é un trasunto do compositor veneciano Benedetto Marcello. Está é unha das súas sonatas en interpretación da Accademia Claudio Monteverdi de Venezia. Malia a beleza da súa musica, carece, para min, da expresividade e da emoción das composicións de Vivaldi.

Track 3
Concerto alla Rustica de Vivaldi
[escoitar]

O concerto Alla rustica, malia a súa brevidade dos seus tres movementos, é un dos meus favoritos de Vivaldi e foi o que a orquestra de alumnos de corda do CMUS Profesional de Vigo tocou de xeito maxistral na presentación de Settecento en Vigo, por este motivo está nesta selección.

Track 4
Quinteto nº 4 en R maggiore “Fandango” de Luigi Bocherini
[escoitar]

“Mais, como case sempre ocorrera na súa vida, os compases dunha música sedutora crúzanse no seu camiño e traen consigo o arrecendo dunha fermosa muller. A música, prohibida pola Santa Inquisición, é o fandango; a muller chámase dona Ignacia, ten os ollos verdes, rotundos os cadrís, xenerosos os peitos, acibeche o cabelo, e é filla dun zapateiro xentilhome. O conquistador veneciano queda cegado pola súa rústica beleza e parécelle que ningunha muller poderá resistirse a un home co que baile aquela danza lasciva, e razón non lle falta.”
Settecento

Track 5
Concerto in G minor “La notte” de Vivaldi
[escoitar]

“O mantelo da noite cae lene sobre a República e os poucos transeúntes que desafían a friaxe do seu relento arróupanse ben baixo os seus tabardos e carautas. A chancadas, Aldo atravesa o lousado campo de San´t Angelo, que preside un requintado alxibe no que os veciños recollen a auga da chuvia. Senta no seu traballado peitoril de leóns gravados e contempla os fastosos pazos que rodean a praza. As altanes, as terrazas de madeira, semellan grandes niños que os paxaros construíran sobre eles colleitando arxe e chamurra polos xardíns e mercados da cidade”

Settecento

Track 6
Giuramento Amoroso, madrigal de Antonio Lotti
[escoitar]

“Triste, retoma a súa andaina e encamíñase á rúa de San Lorenzo. Prometérase non regresar xamais, pois sabe que cada vez que vai por alí entra nun transo colérico no que é capaz de calquera cousa, porén non pode evitalo. O desexo anula a súa vontade e de súpeto atópase unha vez máis diante do pequeno escaparate da imprenta de Girolamo Bortoli. Devagar, aínda que as sabe de corrido, repasa as obras do seu catálogo musical que están á venda: Madrigais de Antonio Lotti, 12 liras; Sonatas de Luigio Taglietti, 6 liras; Cantatas de cámara de Eterio Stinfalico, 8 liras...”

Settecento

Track 7
Aria, Tito Manlio de Vivaldi
[escoitar]

Malia seren coñecido sobre todo pola súas obras instrumentais, en especial concertos para violín, Vivaldi tivo un inxente produción vocal, tanto óperas como serenatas e cantatas. Das súas 47 óperas das que hai constancia , algunhas, perdéronse para sempre, e doutras só se conservan algúns actos. Entre os seus libretistas figurou incluso Carlo Goldoni.

Tito Manlio, foi un dos seus grandes éxitos, estreada en Mantua no Antroido de 1729.

Track 8
Aria, Juditha Triumphans de Vivaldi
[escoitar]

Asemade hai que engadir a música vocal sacra que compoñía para os oficios que se celebraban na igrexa do Ospedale della Pieta no que exercía como mestre de coro. Entre os seus oratorios, o máis coñecido é titulado Juditha Triumphans, onde o Preste Roxo emprega, amais das cordas, frautas, oboes, clarinetes, trompetas, timbais, mandolina, tiorbas, violas... E, como non, as voces anxelicais das súas benqueridas rapazas do coro da Piedade.

Track 9
Allegro de L´Inverno, de Vivaldi
[escoitar]

“Vivaldi tenta cantaruxar os cento cincuenta e tres compases do allegro do seu concerto L´Inverno, mais é incapaz. A súa memoria, suíña, traizóao seguido. De socate, diante del, ve cómo as súas benqueridas rapaciñas da Piedade se dispoñen ao seu redor para que as dirixa unha vez máis, quizabes a derradeira”

Settecento

Penso que esta interpretación de Il giardino armónico é o máis preto que estaremos nunca do xeito endiañado e expresivo de interpretar do Preste Roxo segundo contan as crónicas da época.


Track 10
My favorite Things por John Coltrane
[escoitar]

Este é un tema que escoito sempre que escribo. Porque me lembra que non estou só cando o fago, que todos as miñas cousas favoritas están comigo mirándome por enriba do ombreiro mentres fico debruzado sobre o portátil. E algo delas poño en todos os meus libros: a bagaxe de persoas, filmes, intres, lecturas, imaxes, sentimentos, músicas e palabras que a todos nos vai conformando devagar. Nos libros hai moito máis dos demais do que os autores pensamos ás veces.
E tamén, como non, pola melancólica fermosura do poema de Ramiro Fonte.


Track 11
On the beach de Neil Young
[escoitar]

Por cousa do azar foi un tema que escoitei moito durante a escrita de Settecento. Pola súa desoladora beleza para min é tan clásico coma calquera peza de Vilvaldi. E tamén porque nalgún momento pensei que Vilvaldi fora o Neil Young do barroco veneciano, pola súa liberdade e independencia, e polo seu mal xorne tamén, coma o canadense.