A historia da Banda Deseñada galega

30 anos de intentos



Todo comezou cara a 1971.
A cultura galega atópase nunha etapa de resistencia e busca sobrevivir coa integración de elementos vangardistas. Xaquín Marín ponse en contacto con Raimundo Patiño para que o introduza no mundo da estampa popular galega. Patiño convénceno da necesidade de facer banda deseñada como xeito de integrar a cultura galega na últimas tendencias internacionais.

Xaquín realiza nese primeiro ano a súa primeira historia, "O emigrante", que vería a luz na revista "Chan". Logo de colaborar con publicacións como "Gaceta Universitaria" ou "La Codorniz". Mentres, Patiño realiza a exposición "O home que falaba Vegliota", composta por unha banda deseñada mural. Tamén no setenta e dous se forman os grupos Fusquenlla, con Marín, Patiño e Xesús Castro e o Grupo do Castro, no que participaban outros autores com Chichi Campos ou os irmáns Díaz Arias. Este grupo organiza en 1973 a Mostra do Cómic Galego, en colaboración coa Asociación Cultural O Galo, e en 1974 acadan sacar a primeira revista de banda deseñada galega, "A Cova das Choias", feita en Xenebra e distribuída de xeito clandestino en Galicia.


En 1975, Marín e Patiño publican na editorial Brais Pinto o primeiro álbum da banda deseñada galega: "2 Viaxes", na que tratan en cadansúa historia a emigración galega cunha ollada moi crítica, que se ampara na ciencia ficción para amosarnos unha Galicia eternamente emigrante. Nese mesmo ano, a asociación O Facho organiza unha exposición de banda deseñada co Grupo do Castro en homenaxe a Castelao, e convoca varios concursos de banda deseñada. O intento de transmitir a lingua ás novas xeracións promove que no mesmo ano comeze a súa andaina "Vagalume", revista de carácter infantil que inclúe banda deseñada. Durante os seus tres anos de existencia, acollería obras de autores como Ricardo Lázaro, Saavedra Pita, Docampo, Xiráldez, Llorca ou Pepe Barro.

Máis adiante, e xa desde xente máis nova aparece, en 1979, o único número do que é considerado primeiro fanzine de banda deseñada galega: "Xofre. Historieta Galega", editado en Compostela polo colectivo do mesmo nome. Nel estaban algúns dos que serían os nomes máis destacados das banda deseñada galega como Miguelanxo Prado, Fran Jaraba ou Xan López Domínguez entre outros. O seguinte ano de importancia para a banda deseñada galega é 1982. É entón cando o pub Paraíso Perdido de Compostela organiza unha exposición na que participarían unha grande cantidade de autores e que despois sería recopilada nun número especial da revista universitaria "Coordenadas". López Domínguez, Fausto, Manuel Angel Cerbiño, Xaquín Marín, Pepe Barro ou Siro foron algúns do escolleitos.

Chega a modernidade: Os anos 80
Os anos 80 suporían unha auténtica explosión dos fanzines como medio de expresión para a banda deseñada, coa aparición dun grande número de publicacións a miúdo de estilo vangardista que conectaban coas "movidas" das diferentes localidades. Historias de carácter urbano que tocaban temas como as drogas, o sexo ou a angúria vital expresábanse coas tendencias estéticas dominantes no intre e desde unha perspectiva galega. O primeiro en aparecer, en 1982 é "El Patito Feo" en Ferrol, que chegou ós seis números, e pouco despois "Fat City", con só dous. Entre os autores que colaboraron neles, destcan Eduardo Galán "Dudi", Cubero e Xan López Dominguez.

No 83 aparece a que sería outra das revistas máis destacadas e de máis duración da banda deseñada galega, "Can sen dono", da que verían a luz dez números ata 1984 revista centrada no humor gráfico que dedicou unha grande atención a este xénero irmán. Entre os creadores da revista atopamos a Pepe Carreiro, Gogue e Antonio Mascato, e entre os colaboradores a Varela Ferreiro, Carlos Silvar, Oti ou Bernar.
Ese mesmo ano xorde en Carballo "A Ameixa Cacofónica", con Carlos Silvar, Varela Ferreiro, Lois Pereiro e outros. Tratábase dun fanzine cun material de grande calidade dedicado enteiramente á banda deseñada e que abogaba pola renovación da cultura galega onda outras publicacións coetánea como "Tintimán", "A Ameixa" ou "La Naval".

No mesmo ano e pouco tempo despois, saíu á rúa o que se chegaría a convertir no fanzine de referencia da época, "Valium Diez". Unha publicación que chegou a vender mil exemplares e a facer sete números, incorporando portada a cor nas súas últimas edicións e mesturando a banda deseñada con artigos de actualidade e opinión, sempre desde unha perspectiva de modernidade e rebeldía contra a cultura oficial. Ademais dos seus coordinadores, Fausto Isorna e Pedro Sardina, colaboraron Arturo Regueiro, García Varela, Nacho Hortas, Bernar, Chichi Campos, ou Norberto Fenández entre outros. Os compromisos profesionais que foron adquirindo os implicados e a necesidade cada vez superior de tempo que esixía a publicación provocaron o seu fenecemento cando ía dar o paso á profesionalización en 1985.

Tamén a mediados dos oitenta saíron en Vigo unha serie de publicacións que, en maior ou menor medida se dedicaron á banda deseñada. "Vigorizador", "Escape", "O Coiote", "Castrelis" (revistas dos barrios de Coia e Castrelos respectivamente) e, nunha maior medida, "Interlínea" e "Katarsis", incidiron neste xénero dentro do espírito da cultura underground. A banda deseñada tamén estivo presente nas dúas revistas máis importantes da "movida" galega: La Naval e Tintimán, que se publicaron durante a primeira parte dos oitenta con notable éxito. O espírito rompedor chegou a Lugo na forma arredor de varios fanzines, entre os que destacou especialmente "Atlántico Express", publicación que combinaba a banda deseñada coa actualidade musical e cultural do intre. Entre 1983 e 1985 chegou a tirar tres números nos que colaboraron, entre outros, Quique Bordell, Honorio Espiral, Roxo ou Xaime da Pena.

A banda deseñada tamén se desenvolveu no medio prensa durante a década, sendo unha das produccións máis destacables neste eido foi a serie "Aventuras dun neno galego", publicada durante 1985 no suplemento "O Pizarrín" de "Faro de Vigo" e recompilada en tres tomos co patrocinio da Xunta. O debuxo corría a cargo de Jesús Bofill sobre guións de Xesús Franco. Os volumes que se publicaron foron "Os homes do fin do mundo" (1985), "Os fillos de Breogán"(1985) e "A grande viaxe polo río" (1988).

A pesar desta edición de álbumes non se produciu en toda a década un intento editorial serio de publicar banda deseñada ata que en 1988 atopamos o primeiro intento de crear unha serie de álbumes feita por autores galegos. A idea partiu de Xuntanza Editorial, e concretouse nun único número do que pretendía ser unha Historia de Galicia. "Os Viaxeiros do tempo", primeiro volume da que ía ser a serie "As aventuras do profesor Carbonato", contou cun guión de Urbano Fra ó que deron forma os debuxos de Fausto e o entintado de Norberto Fernández.
Ó ano seguinte editouse un monográfico sobre banda deseñada e cinema con ocasión do festival de cinema do Carballiño Xociviga, no que participaron Cubero, Dudi, Fausto, Fran Jaraba, Ricardo Lázaro, López Domínguez e Xaquín Marín entre outros.

Dos autores que traballaron durante esta época, destacou sobre todos Miguelanxo Prado, que colaborou con revistas do grupo Toutain Editor en España ou coa publicación "El Jueves" entre outras, chegando a publicar varios álbumes e acadando un recoñecemento internacional como debuxante e narrador. Unha carrerira semellante seguiu Julio Martínez "Das Pastoras", con colaboracións en "El Jueves" e "El Víbora" que continúan na actualidade.

Rematan os oitenta, chega "Fronte Comixario"
O ano 1989 desvelouse como un dos máis importantes na historia da banda deseñada en Galicia. É neste ano que saíu a revista "Das Capital", promovida polo Concello de Santiago e realizada por Fausto Isorna e Arturo Regueiro, equipo de "Valium Diez", e que realizaron unha publicación de grande calidade na que a banda deseñada ocupaba un lugar fundamental. Entre os colaboradores dos dous únicos números que chegaron a saír atopamos a Xaquín Marín ou a Varela Ferreiro entre outros.

Tamén neste ano naceu o que aínda hoxe é considerado o principal movemento da banda deseñada galega, o grupo denominado "Frente Comixario". Con sede en Ourense e co apoio da Casa da Xuventude da cidade, este grupo chegou a sacar ata 1993 sete números dun fanzine co seu mesmo nome e no que se deron cita a maior parte dos novos valores da época. Atopamos así a Fran Bueno, o Colectivo Pestiño, Carlos Portela, Fernando Iglesias, Norberto Fernández e Tokio. Ademais, realizaron un "Special Zombies" e un "Special Pelegrín", así como a colectánea "Debuxantes en Banda", que recollía historias completas de moitos dos autores máis destacados do momento, coma os xa mentados Norberto Fernández, Carlos Portela, Fernando Iglesias, Fausto ou Miguel Anxo Robledo entre outros.

Ademais, e no mesmo ano en que comezou a andaina do fanzine, organizaron as primeiras Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, que se celebraron na Casa da Xuventude de Ourense e manteñen a súa continuidade ata hoxe. Despois da fin da "movida", toda unha xeración de novos autores de toda Galicia se congregaron arredor deste proxecto. O colectivo mesmo lanzou unha colección de álbumes do que só saíu un "Papagaio Spray" (1993) co debuxo de Fernando García Varela e escaso éxito económico. Pola súa banda, o fanzine consolidouse ó longo da súa historia coma un dos máis importantes de Galicia, situándose á mesma altura que "Valium Diez" no seu tempo e distribuíndose por toda Galicia. Os membros do redenominado "Colectivo Pestinho", integrado na "Frente", puxeron en marcha en 1991 o fanzine "Lendia Prea" de temática "gore" que só tivo un número e, no ano seguinte, realizaron a "História da língua em banda desenhada", álbum do que se chegaron a vender cinco mil exemplares e que narra a historia do galego desde o reintegracionismo.

Dun xeito semellante ó acontecido con "Valium Diez", a introducción no meracado laboral dos integrantes e cuestións internas determinaron a fin do fanzine e do colectivo en 1993. Ese mesmo ano saíu á luz o primeiro número de "O fanzine das xornadas", publicación que se vén realizando anualmente coincidindo coas Xornadas de Banda Deseñada de Ourense.

Voltar ó comezo: Os anos 90
A pesar do baleiro deixado pola fronte, axiña comezaron a aparecer novas publicacións e, nese mesmo ano apareceu un novo intento de publicación de banda deseñada, de novo coa idea de plasmar a Historia de Galicia. Nesta ocasión foi Vía Láctea Edicions quen publicou "O máxico arrecendo", álbum debuxado por Fran Bueno, con José Ramón e Ángel Manuel no que se narraba unha historia ambientada na época castrexa que tampouco vería continuidade.

En 1994 comezou a que ata a data é a serie máis longa da banda deseñada galega, "Un misteiro para Simón". Editada nun comezo de xeito promocional por Caixa Galicia, Renfe e a Xunta, desde 1995 Edicións Xerais faise cargo da serie, da que ata a data apareceron catro títulos: "A irmandade dos lectores tristes" (1994), "Flores desde Hiroshima"(1995), "No nome da amada morta" (1996) e "A maldición dos Velasco" (1999). Os guións corren a cargo de Aníbal Malvar e Rober G. Méndez, os debuxos son de Fausto e o entintado de Norberto Fernández. A serie, de carácter xuvenil na mellor tradición de Tintín ou Astérix narra as historias de Simón, unha rapaza que se ve metida en diversos enigmas policiais e colabora co detective Sam Espada para resolvelos.

Tamén a mediados da década viuse o primeiro intento de editoriais galegas de traducir ó nos idioma bandas deseñadas foráneas. En 1996 Galaxia comeza a edición de Astérix e case simultaneamente Xerais traduce varias series francesas e belgas como "Franka", "Bloch" ou "As aventuras de Gill e Georges" con escaso éxito.

O emprego da banda deseñada con fins de propaganda viuse de novo en 1995 coa edición por parte da Associaçom Artábria da "História da Galiza em banda desenhada". Trátase dun álbum debuxado polo pintor Leandro que narra, con grandes doses de humor e de crítica a Historia de Galicia desde a Prehistoria ata os nosos días, desde unha óptica independentista e reintegracionista.

En canto a presencia da banda deseñada na prensa, é de destacar a historia "O labirinto de pedra", realizada por Carlos Portela e Fernando Iglesias para a revista "Compostelán" e que saíu a razón dunha páxina mensual entre 1995 e o ano 2000. Estes mesmos autores deron nestes anos o salto á realización de traballos para editoriais españolas, con series como "Kami Seeds", "Impresiones de la Isla" ou a exitosa "Gorka". Ademais, foron seleccionados para a colectánea internacional "Comix2000" realizada nese ano en Francia. Tamén Norberto Fernández comezou a traballar fóra neste período, con traballos para "Penthouse Cómix" e "El Víbora".

Os fanzines dos 90
Á parte destes intentos e da producción de "Frente Comixario", a producción de banda deseñada en Galicia ficou reducida ó eido dos fanzines durante os anos noventa, a non ser pola publicación anual dos volumes que recompilaban os traballos gañadores nos certames de Ourense e Galicia. Así, saíu "Andando correndo pola chaira" (1995) con tres números nun dos cales faise un amplo percorrido pola historia da banda deseñada e polos fanzines que se publicaran ata entón.
"Lixo" foi un fanzine feito na Coruña desde 1996 chegou ós sete números, fenecendo a continuación. Tamén de Coruña saíu "La Carallada", cunha grande calidade que o facía aspirar a ser o herdeiro de "Frente Comixario", aínda que non saíu máis dun só número. Na mesma cidade apareceron "El bolchevique vespertino" (1996) ou "Sin Fe", que alcanzou catro números.
Desde Lugo saíu o vangardista Kedeké en 1997 e o debuxante Manuel Cráneo creou ou coordinou "Ovo", e "Craneografía" ou "Craneofilia" curiosos experimentos dos que só saíu un número de cada un.

Resulta curioso constatar, segundo sinala Carlos Portela, a tendencia que se veu dando en Galicia a que a publicación de fanzines se vaia producindo de xeito alternativo nas diferentes cidades galegas. Se nos oitenta a explosión aconteceu en Vigo, con "Frente Comixario" e algunha outra publicación trasladouse a Ourense co comezo dos anos noventa, e na segunda metade da década, A Coruña tomou o relevo.

Ademais dos mentados, saíron outros fanzines coma "Alopecia Mental", feito en Vigo desde 1999 con colaboracións como as de Jano, Víctor Rivas ou Carlos Portela ou "Chámalle X", feito na mesma cidade e que chegou ós seis números.

Cara a finais da década, en 1998 atopamos un novo intento de crear unha revista galega de banda deseñada, "Elipse", auspiciada pola Consellería de Educación e que, baixo a dirección de Miguelanxo Prado, pretendía servir como ferramenta para os mestres de ensino secundario ó tempo que recollía traballos dalgúns dos mellores debuxantes galegos. Só chegou a saír un número, e aínda que o segundo estaba preparado, nunca viu a luz por problemas cos seus contidos.
Ese mesmo ano púxose en marcha o salón "Viñetas desde o Atlántico", que se ven celebrando anualmente na Coruña cun notable éxito de público e repercusión internacional.

De aquí en adiante
En 1999 saiu a que hoxe en día é a única revista sobre banda deseñada que se está a facer en Galicia, "Golfiño". Editada por Xerais baixo a dirección artística de Fausto Isorna e dirixida a un público infantil, está a dar saída ó traballo de autores coma Fran Bueno, Norberto Fernández, Robledo, Xaquín Marín ou Varela Ferreiro entre moitos outros.Tamén no 99 tres autores galegos -Jano, Adrián López e Kike Benlloch- acadaron publicar a súa serie "Nieve Negra" na editorial madrileña "La Factoría de Ideas", sendo os últimos autores galegos en dar o salto á publicación no exterior. O 2000 rematou cunha iniciativa esperanzadora para a banda deseñada galega: Xerais sacou ó mercado o álbum "Cita na Habana" de Fran Jaraba, unha historia de coidada ambientación que nos sitúa na Guerra de Independencia de Cuba. Igual que desde o nacemento do xénero no noso país, existen abondosos proxectos abertos que, de realizarse, poden permitir que contemos, por fin, cunha industria da banda deseñada propia e dunha calidade que xa é indiscutible.