Neira Cruz gaña o Barco de Vapor e coñecense o Cidade de Pontevedra 2001

Primeiros premios do ano

Comeza a entrega de premios do 2001 con dous importantes galardóns, o "Barco de Vapor", gañado por Xosé Neira Cruz e os premios "Cidade de Pontevedra", que recoñeceron nesta ocasión o deportista paraolímpico Pablo Cimadevila e a Coral Polifónica de Pontevedra, que ven de cumprir setenta e cinco anos de existencia desde a súa foundación por Castelao e Losada Diéguez.

Literatura Infantil



O premio "Barco de Vapor" de literatura infantil que outorga a fundación Santa María recaeu este ano, na súa modalidade en galego, no escritor e xornalista Xosé Neira Cruz, resultando finalista a viquesa An Alfaya. A obra gañadora foi "Os ollos do tangaleirón", a historia dun pés grandes que vive nos Ancares e a súa relación cunha experta en criptozooloxía. Pola súa banda "Folerpas", a obra finalista, fálanos dun home que fala coas estrelas e vive nun bosque.
O primeiro premio está dotado cun millón de pesetas.











Cidade de Pontevedra



O xurado do premio Cidade de Pontevedra, formado por representantes dos partidos politicos e asociacións cidadás acordou outorgarllo ó atleta paralímpico Pablo Cimadevila no apartado de persoas físicas e a Coral Polifónica da cidade na sección de asociacións. O premio pretende recoñecer a aquelas persoas e coletivos máis destacados na defensa e recoñecemento da cidade. Así, de Pablo Cimadevila destacouse o seu exemplo para a mocidade e o ter chegado ás paraolimpiadas. Pola súa banda, da Coral Polifónica recoñeceuse o seu labor no espallamento do nome de Pontevedra e a súa actividade durante o Ano Castelao que vén de rematar.