BD: Os mellores de 2009

Henrique Torreiro, Melo e Eduardo Maroño recoméndanos os mellores cadriños do ano que fina

Detalle da portada de <i>Hexed. A marca de Lucifer</i>, de Emma Ríos
Detalle da portada de Hexed. A marca de Lucifer, de Emma Ríos
A banda deseñada galega continuou a súa produción ao bo ritmo durante este 2009. Os últimos doce meses deixáronnos unha oferta que, se ben aínda non é inmensa, achega propostas para todos os grupos. Henrique Torreiro, Melo e Eduardo Maroño, columnistas do noso soportal de BD fannos un resumo do último ano e sinalan as súas lecturas preferidas de entre todo o que se fixo no país.

Á luz das preferencias dos nosos columnistas, semella que 2009 foi en moi grande medida o ano de Emma Ríos. Eduardo Maroño, autor de Paisaxes de papel salienta o traballo desta autora en Hexed. A marca de Lucifer, publicado no noso país por El Patito Editorial. Para el, este ano foi “excelente para Emma Ríos. Os seus traballos para o mercado americano teñen cada vez unha maior proxección, publicou en España varios álbumes e expuxo no Saló de Barcelona. En Hexed revélasenos como unha artista en crecemento, con páxinas vibrantes, imaxinativas e repletas de enerxía”. Comparte a valoración sobre o salto desta autora Melo, autor de Melodixit, que lembra que esta obra supón “o debut no mercado estadounidense dunha das nosas autoras mais sinaladas. Este foi o tebeo que lle abriu a Emma Ríos as portas de Marvel. Unha historia moi entretida e cun dibuxo simplemente expectacular”, conclúe. Pola súa banda, Henrique Torreiro, responsable da sección Entre as viñetas sinala que a estrea de Ríos nas obras longas, canda a de Alberto Guitián, supoñen un grande fito nos últimos doce meses: “Eu resumiría o ano 2009 como o ano en que por fin viron publicada a súa obra en formato álbum dous magníficos e sorprendentes autores galegos, con ampla experiencia ás súas costas e moito por dicir no panorama do cómic: Alberto Guitián (Fito e Pita, Retranca Editora) e Emma Ríos (Hexed: A marca de Lucifer, El Patito, e Amadís de Gaula, SM)”.


A edición
Coinciden tamén Maroño e Torreiro en sinalar como un fito destacado a consolidación de experiencias galegas de edición, mesmo de material foráneo. Nese campo, Maroño salienta a edición de El corazón de los árboles de Miguel B. Núñez, da man de Polaqia. Segundo explica, “a obra escolma un feixe de relatos breves que Miguel B. Núñez fora publicando en diversas revistas, historias que van do poético ao bizarro, nas que o autor xoga coas convencións dos xéneros e que, a pesar da súa heteroxeneidade, manteñen unha peculiar coherencia”. Pola súa banda, Torreiro sinala que o último ano supón “a reafirmación de que as editoras galegas poden publicar tamén o mellor que se fai fóra da nosa terra, caso de Polaqia, con El corazón de los árboles e de BD Banda, con As serpes cegas, de Felipe Hernández Cava e Barlomé Seguí, que acadou nin máis nin menos que o Premio Nacional do Cómic do Ministerio de Cultura.

Trascender os xéneros
A inclusión entre as preferencias dos nosos críticos de obras de carácter histórico, didáctico e infantil amosa as posibilidades da BD ben feita para chegar ao público, independentemente do seu xénero. Melo salienta nese sentido Os lobos de Moeche, de Manel Cráneo, que considera “unha obra a destacar en todolos seus aspectos. Por unha banda demostra que se pode facer BD histórica en galego sen prexuízos e que a nosa historia dá para moito. Por outra banda, é un claro exemplo de que a BD feita no nosos país pode venderse sempre e cando o producto teña calidade e a promoción sexa adecuada”. Pola súa banda, Henrique Torreiro salienta o bo resultado de El Monte de las ánimas, a adaptación que David Rubín fixo da obra de Becquer. “Este foi o ano da confirmación internacional de Rubín, con viaxes de promoción por Italia e a República Checa, e coa edición da súa versión en BD de El monte de las ánimas (SM), demostrando de novo que se pode facer cómic de autor tamén cando falamos de aplicación didáctica e difusión entre outros públicos. Pola súa banda, Melo non ten reparos e apostar por unha obra infantil coma Marcopola, la isla remera de Jacobo Fernández, coma unha das obras do ano. “Non me cansarei nunca de reseñar a importancia de ter BD para os pequenos. Eles son o futuro e polo tanto, toda iniciativa destinada os novos lectores ten todo o meu apoio. Por suposto, falando de Jacobo Fernández a calidade está garantida. A seguir nesta tendencia, Maroño apunta dúas obras que, aínda que relacionadas coa BD, non son estrictamente narración gráfica. Por unha banda, recensiona o traballo de David Pintor en Ciudades de Papel. “Do frío de O Cebreiro á luz mediterránea de Santorini, do rural castelán á metrópole neoiorquina, o autor presenta nesta obra un catálogo de paisaxes que deixan constancia da súa persoal ollada e o confirman como un ilustrador espléndido”, explica sobre a obra deste creador. No mesmo sentido lembra a última publicación de Miguelanxo Prado, unha escolma de bosquexos e debuxos que Norma Editorial tirou á luz co título de Papeles dispersos.