A formación sinfónica Vigo 430 presenta o seu primeiro disco

A orquestra interpreta composicións de Bach, Vivaldi, Shostakovich, Quiroga e Rosa Gayoso

A Orquestra Vigo 430 edita o seu primeiro traballo discográfico con Vir, o selo de Ouvirmos dedicado a coproducir a novos creadores galegos. Creada no ano 2005 como "Ensemble Vigo 430", coa premisa de formar un núcleo de corda de calidade para xa a partir do 2008 abordar progresivamente o repertorio sinfónico. A Orquestra está formada na súa maioría por músicos profesionais baixo a dirección de Alejandro Garrido. Neste álbum de nome homónimo á formación a orquestra interpreta composicións de Johann Sebastian Bach, Antonio Vivaldi ou Dimitri Shostakovich, destacando especialmente a execución das pezas “Suite Negra Sombra” de Rosa Gayoso e “Concierto en estilo antigo” de Manuel Quiroga. Os seus programas de concerto reúnen música de diferentes épocas, autores e estilos, destacando o seu achegamento á música do século XVIII e XIX con criterios historicamente informados. Desta forma, a Orquestra adopta unha formación sinfónica, ou de cámara (un número máis reducido de instrumentistas que inclúe o Clavecín e a Tiorba para adecuarse mellor á interpretación da música barroca) . A orquestra atópase preparando xa o seu seguinte CD con obras de Haydn, Mozart e o compositor galego Andrés Gaos.