Pensar a memoria

Un ensaio analiza como as novelas representan os traumas da sociedade galega

Hai moitas maneiras de contar, denunciar ou compartir aqueles acontecementos que foron traumáticos para unha sociedade. Pero para John Thompson, un americano que coñece moi ben a cultura galega, as novelas son o vehículo que mellor canalizan a expresión dese pasado. Por iso, durante anos estivo analizando 35 obras da literatura galega que lle permitiron achegarse á historia e á memoria contemporánea. O resultado é o ensaio As novelas da memoria.

A Segunda República, a Guerra Civil e a Ditadura deixaron tras de si un regueiro de historias persoais e familiares marcadas irreversiblemente polos feitos históricos. Moitas delas foron ocultadas e outras serviron de base para novelas, curtametraxes e películas que nos últimos tempos están a agromar para o gran público con maior ou menor éxito. John Thompson, neto dun americano casado cunha galega en segundas nupcias, coñece ben a cultura galega e decidiu estudar e analizar o que aparecía no papel. “Ten menos que ver coa nacionalidade que pola miña sensibilidade cara os dereitos humanos” explica Thompson ao tempo que aclara que “tento amosar que a memoria é relevante para todos os aspectos da vida actual, aínda que non sexa tan evidente porque hai moita xente que non se dá conta diso”. Este doutor pola Universidade de Michigan e profesor titular do Departamento de Linguas Modernas da Universidade do Estado de Montana, realizou durante varios anos un estudo que pretende sacar á luz algún deses contactos, destas relacións entre o presente e o pasado, amosar que o trauma aínda permanece latente. E esa reflexión-estudo é a que se recolle en As novelas da memoria. Trauma e representación da historia na Galiza Contemporánea (Galaxia, 2009). “Non se pode ter un pensamento progresista senón coñeces o teu pasado” sentencia. ¿E por que a novela e non outro xénero? “Porque a novela é un dos poucos ámbitos da sociedade galega onde se articula libremente a memoria da experiencia republicana e o trauma causado polo fascismo” puntualiza, ao tempo que lembra que a novela permite un distanciamento que permite “vivir” a historia dun xeito máis íntimo e persoal.

O proceso de recuperación
Thompson foi re-construíndo o pasado desde 1931 (data de inicio da Segunda República) a través dunhas trinta e cinco novelas. “En total eu contabilicei a existencia de 42 traballos que analizan estes temas, aínda que eu reducín o meu obxecto de estudo ata 35 novelas de moi diferente calidade, hainas boas, malas e regulares” apunta este profesor. Fernández Ferreiro, Carlos Casares, Camilo Gonsar, Carvalho Calero, Suso de Toro, María Xosé Queizán, Manuel Rivas, Fernández Naval, Anxo Angueira, Antón Riveiro Coello e Xosé Manuel Sarille son algúns dos autores das obras que foron obxecto de estudo por Thompson. Novelas que foron escritas en épocas cronolóxicas ben diferentes pero que permiten apreciar similitudes e distincións. “Unha diferenza clara se pode establecer entre os narradores da primeira xeración, que son máis testemuñas, e os da segunda e terceira xeración é que os primeiros se preocupan, sobre todo, por transmitir a memoria do trauma causado polo fascismo. Son exemplos desta xeración son O silencio redimido ou as dúas novelas de Ramón de Valenzuela (Non agardei por ninguén e Era tempo de agardar) explica Thompson. Pero aínda hai máis diferenzas, xa que para el outra cousa que os separa é que “os autores que non viviron os acontecementos, adoitan empregar estratexias que fan que o pasado interveña no presente e no pensamento. É dicir, que utilizan o pasado como fonte de inspiración para o pensamento de hoxe en día”.

Pero hai moitos mais, o ensaio reflexiona sobre a problemática verbo da representación e transmisión da historia e do trauma, a militancia literaria en Galicia e o imaxinario da nación galega. No fondo, como di Thompson estas revisións son necesarias, xa que “hai que vencellar os feitos e a súa memoria, porque é así como entendemos o presente e estamos máis capacitados para loitar contra o autoritarismo e o fascismo”.