As dez da mañá comezaba no Parlamento o debate de investidura do presidente da Xunta co discurso de Alberto Núñez Feijoo. Unha intervención de case dúas horas nas que enumerou os compromisos formulados durante a campaña electoral. No que atende a materia cultural, estableceu que o diálogo e a liberdade serán os alicerces da política que ha de estar promovida e iniciada polos creadores. Para referirse ao tema do idioma apelou á amabilidade lingüística ao tempo que anunciou a derogación do decreto do galego no ensino. O novo decreto terá como finalidade o impulso do trilinguismo e o respecto dos dereitos individuais das familias e dos alumnos. Con respecto aos medios de comunicación, anunciou unha nova lei da CRTVG e, mentres a reforma non se tramita, pactará no Parlamento o nomeamento do seu director.