Desaparece o dúo Tony Lomba e Elio Dos Santos e nace Hernández e Sanjurjo

A fin dun canto, o comezo doutro

Comeza o curso e chegan os concertos. Xiras que son de despedida nun casos e de presentación noutros. Así o dúo Tony Lomba e Elio dos Santos despídense dos escenarios visitando varias localidades galegas, mentres Transportes Hernández e Sanjurjo, formado por membros de Siniestro Total e dos Diplomáticos, consolídase como formación estable con outra xira. E por se fose pouco, chegan a compostela Mägo de Oz e os Túzaros para inaugurar o curso académico.

Adeus ó watchu-watchu


O dúo musical Tony Lomba e Elio dos Santos despídese da súa actividade musical conxunta cunha xira que, baixo o nome de "The last tour", os está a levar polas principais salas da xeografía galega.
A imposibilidade de acadar un contrato discográfico rendible a pesar de ter colleitado un grande éxito de público nos seus concertos, motivan esta separación logo de ter editado un único álbum, "Pareja de hecho", en BOA music.
A xira deste dúo levaraos mañá á Sala Nasa de Santiago, onde interpretarán algúns dos seus máis coñecidos éxitos dentro do estilo musical "watchu-watchu", inventado por eles mesmos. Para o vindeiro venres estarán na Coruña, na Mardi Gras, e está previsto que continúen a súa xira por Madrid.












Nova empresa de transportes



Despois de ter actuado xuntos no marco das Xornadas de Lírica e Burla do 2000, Julián Hernández e Rómulo Sanjurjo viñeron consolidando un repertorio que os animou a iniciar a súa primeira xira coma Transportes Hernández e Sanjurjo.
O novo dúo percorrerá Galicia amosando a explosiva mestura que poden facer un membro de Siniestro Total e outro dos Diplomáticos, mesturando voz, guitarra acústica e acordeón. Versións dos éxitos dos seus respectivos grupos, clásicos do blues, do pop e do folk, nada escapa da visión aguda e sarcástica deste dúo.
Compostela recibirá a visita dos transportes esta mesma noite no pub Dado Dadá, mañá será a sala Nashville de Vigo e para o sábado tócalle á sala coruñesa Mardi Gras.




Túzaros de Oz


Chegan o universitarios a Compostela, e para que non se aburran, esta mesma noite teñen o concerto de apertura de curso académico.
O pabillón multiusos do Sar acollerá a potencia rock e melódica de Mägo de Oz, o conxunto Madrileño que revolucionou o rock de Madrid coa súa mestura do heavy e do folk e cos seus potentes directos.
Acompañándoos, un grupo compostelán, os Túzaros, un grupo adscrito ó estulo Bravú que vén colleitando éxitos por toda Galicia que xa ten dous álbumes no mercado.