O galego ensinarase en centros de secundaria do Bierzo

Máis amplo, máis especializado

Seis novos centros de educación primaria e tres institutos d ensino secundario do Bierzo poderán optar durnte o vindeiro curso a dar algunhas das súas clases en galego para os alumnos que así o soliciten. Esta opción ata o de agora só era posible nos centros coruñeses de Carucedo, Corullón e Cacabelos. Por outra banda, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de chegar a un acordo coa Real Academia Galega para o mantemento do Servicio de Terminoloxía Científico-Técnica en Lingua Galega (Termigal).

Máis galego no Bierzo



Os directores xerais de Planificación Educativa da Junta de Castela e León, Francisco Javier Serna e o seu homólogo de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Pablo González Moreiras, presentaron onte en Ponferrada o acordo que amplía a posibilidade e ensino de galego no Bierzo.
Así, no vindeiro curso, os alumnos dos institutos de Cacabelos, Vilafranca e o centro Europa de Ponferrada, poderán solicitar o ensino da asignatura de Ciencias Sociais en galego.
Ademais, as dúas administracións acordaron que esta asignatura tamén se poderá impartir en galego en seis centros de educación primaria e infantil, máis concretamente en Toral de Meaio, Ponte de Domingo Flórez, Toral do Vados, Vilafranca e Camponaraia e o centro García Yebra de Ponferrada.
Nestes centros os respectivos departamentos poderán incluir clases do idioma e contidos de cultura galega como actividades complementarias na programación do ensino.
Segundo sinalan os representantes da dúas administracións, barállase a posibilidade de que, dentro duns anos o coñecemento do noso idioma que se adquira a través destas clases sexan recoñecidos oficialmente e permitan ós berciáns presentarse a oposicións na comunidade galega.
Tamén para o vindeiro ano a Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada iniciará o primeiro curso de galego con dous grupos de alumnos.




Vocabulario científico


A Dirección Xeral de Política Lingüística e a Real Academia Galega veñen de chegar a un acordo para continuar o labor de análise e estudio que se vén desenvolveno desde 1996 dentro do Servicio de Terminoloxía Científico-Técnica en Lingua Galega (Termigal).
Este servicio veu funcionando en virtude dun convenio entre as dúas institucións que se renovou por primeira vez no ano 2000 e de novo neste ano 2002.
No acordo recén asinado, a Dirección Xeral de Política Lingüística achagará 120.202 euros destinados a pagar a un máximo de cinco colaboradores que se encargarán de realizar estes traballos. Tamén achegará os locais para o funcionamento deste servicio. A Real Academia pola súa banda aportará outros cinco colaboradores e organizará actividades de formación para o financiamento deste servicio.