Noticias
Terbutalina estrea Espabila gallego cun concerto en Compostela
Xénero: | 31 / 10 / 2019
Logo de o lanzar en formato dixital a comezos do mes, xa está aquí a edición física do novo álbum de Terbutalina. A banda estrea Espabila gallego este 31 de outubro nun concerto na Sala Capitol no que os de Esteiro contarán con Mutagénicos para abrir boca a partir das 21:30 horas. Punk, pop, rock e música tradicional danse cita nos dez temas deste lanzamento nos que, como é habitual no grupo, predomina a retranca das letras. Pura Makica, Muinheira de Costa ou Marisco Barato son algúns dos títulos que se rexistraron nos estudios A Ponte de Tomás Ageitos e que ven a luz da man de Folc Récords. Polo momento o grupo non ten máis datas reservadas en Galicia para a súa xira de presentación.
Voadora e a RFG estrean A amnesia de Clío
Xénero: | 30 / 10 / 2019
O Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela acolle o vindeiro 10 de novembro a estrea de A amnesia de Clío. A compañía Voadora, a Real Filharmonía de Galicia e mais o Orfeón Terra a Nosa levan a escena esta ópera contemporánea de Fernando Buíde, que se desenvolveu en coprodución co Centro Dramático Galego.
Guadi Galego mergúllase de cheo na liberdade musical con 'Immersión'
Xénero: | 25 / 10 / 2019
A estas alturas a ninguén pode sorprender que as propostas de Guadi Galego veñan desmontar prexuízos musicais. Desde que deixou Berrogüetto Galego amosouse disposta a gozar en liberdade da súa relación coa música máis alá do folk, sen excluílo, explorando todos os rexistros que a súa inspiración solicitase. Así o demostrou tanto nos seus proxectos compartidos como Nordestinas ou aCadaCanto como nos seus tres álbums en solitario Benzón (Músicas de salitre, 2009), Lúas de Outubro e Agosto (Boa Música, 2014) e O mundo está parado (Boa Música, 2016), disco este último co que ademais se aventurou nunha xira curta pero ambiciosa na súa proposta que fixo chegar a súa música a outras comunidades autónomas. O novo traballo Immersión (Altafonte, 2019) presentado en formato libro_CD e cuns poucos vinilos, ten moitas conexións co anterior e con todo o que esa xira representou de apertura a outras sensibilidades pero tamén hai temas da súa anterior discografía reinterpretados ou case reconstruídos. O resultado é unha construción musical chea de diversidade, moi persoal e clara e, polo tanto, perfecta en si mesma, que transita con naturalidade e sensibilidade entre as diversas linguas peninsulares que están presentes no disco do mesmo xeito que o fai entre o pop, o jazz, a canción de autor e o folk.
A SEMUÁ-Semana das Músicas do Audiovisual chega á súa cuarta edición
Xénero: | 24 / 10 / 2019
Esta semana que pon o foco no elemento musical das produción audiovisuais, organizada pola Academia Galega do Audiovisual co apoio do Concello da Coruña, a Orquestra Sinfónica de Galicia e a Banda Municipal de Música da Coruña, celebrarase entre o 27 de outubro e 1 de novembro na Coruña, baixo a dirección artística unha vez máis do compositor Nani García e co obxectivo de revalidar o éxito de público das tres edicións anteriores. A Semana das Músicas do Audiovisual-SEMUÁ, pon en valor o traballo dos profesionais da composición, produción e interpretación das músicas que acompañan as obras audiovisuais a través dun programa suxestivo que abarque a público de todas as idades. Na súa cuarta edición, a SEMUÁ dedicará unha especial atención á figura do pianista e compositor arxentino Federico Jusid, compositor de bandas sonoras para máis de 60 películas e 30 series de televisión, entre as que destacan títulos como El secreto de sus ojos, Gran Reserva, Loving Pablo ou Fariña entre outras moitas. Jusid dirixirá á Orquestra Sinfónica de Galicia no Teatro Colón dentro do programa As nosas músicas; no que serán interpretadas algunhas das súas partituras máis coñecidas xunto a pezas dos compositores galegos Manu Riveiro e Pablo Barreiro, entre as que destacan unha suite a partir da banda sonora do filme galego Sempre Xonxa no trixésimo aniversario da súa estrea.
Os festivais galegos son finalistas en cinco Premios Fest
Xénero: | 24 / 10 / 2019
A sexta edición dos Premios Fest, que recoñecen cada ano os diferentes méritos dos centos de festivais que se levan a cabo en España, entra xa na súa recta final previa a entrega dos galardóns. Catro festivais da nosa terra están na terna final de cinco das categorías nas que o eventos galegos acadaron as máximas puntuacións este ano. As máis recentes edicións de Resurrection Fest, Sinsal Son, O Son do Camiño e a edición inaugural do Atlantic Pride poden traer para a nosa terra uns galardóns moi disputados entre sector dos centos de festivais anuais. Outros quince eventos galegos non conseguiron os respaldos precisos para entrar neses podios. Os vencedores aínda non se coñecen pero xa están decididos tras un proceso de participación popular e dun xurado da industria musical do que se foron filtrando os finalistas de entre as 180 inscricións desta edición e na que se recibiron arredor de 50.000 votacións.
Ortiga presenta o seu primeiro disco 'Chicho & sus chichas'
Xénero: | 23 / 10 / 2019
Desde fai uns días xa está dispoñible o CD de Ortiga, o proxecto co que Manuel González "Chicho", a metade do dúo de electrocumbia Esteban & Manuel iniciou o seu camiño en solitario tras levar aquel peculiar dúo por escenarios e festivais máis relacionados co panorama da música indie que co da verbena do que se declaraba abertamente herdeiro. Ortiga é unha evolución do mesmo son con algunhas peculiaridades que o achegan aínda máis á electrónica sen perder a alma latina e de festa popular que eran sinais de identidade de E&M xunto ao efecto autotune. Chicho & sus chichas (Ernie Records) presenta reunidos dez temas que o músico xa foi presentando nos seus directos no último ano. O músico, arroupado pola súa axencia de representación Ernie Produccións, foi aproveitando as oportunidades que foron xurdindo como a de abrir concertos para Novedades Carminha, cos que comparte representante, e conseguindo presenza en festivais de verán nos que o seu son tropical conseguía encher espazos achegando o pracer culpable de participar ao mesmo tempo nun evento chic e bailar merengue coma nunha festa patronal daquelas das que tomos temos lembranzas, sempre divertidas. Con estes fíos Ortiga acadou para si un espazo bastardo entre a verbena, o trap e a performance plenamente consciente e orgulloso do seu produto musical. Nos seus dez temas, se no musical quedamos situados nesa zona bastarda entre o merengue e a electrónica de son MIDI, nas letras Chicho non nos afasta da súa zona de orixe colocándonos en praias tropicais senón que, ao contrario, fai as referencias precisas ao entorno próximo e ás vidas reais para resultar en retratos contemporáneos, moi sinxelos e ás veces tamén caricaturizados, con historias de amor e desamor como base en moitos casos. O disco conta con colaboracións de compoñentes de outros eclécticos proxectos como Malandrómeda ou O, Ayatollah!. Ortiga presentará agora o disco en varios concertos de sala e festivais que comezarán o vindiro día 25 de outubro en Santiago.
A Real Filharmonía estreará mañá 'In Memoriam', de Sofía Oriana Infante Souto
Xénero: | 23 / 10 / 2019
A Real Filharmonía de Galicia interpretará mañá en estrea absoluta a obra In Memoriam da compositora compostelá Sofía Oriana Infante Souto (Santiago de Compostela, 1989) como parte do concerto Soños de inverno dentro da programación do 30 aniversario do Auditorio de Galicia. Asemade, Infante participará, xunto con Paul Daniel, nunha conversa aberta ao publico antes do concerto. Sofía Oriana Infante compuxo In Memoriam en homenaxe aos seus pais falecidos, respondendo ao encargo da RFG de facer unha estrea para este evento en concreto. A compositora foi obxecto de noticias recentemente por ter asinado tamén a B.S.O. da película Elisa y Marcela, da realizadoras Isabel Coixet. Tal como explica a compositora, "In memoriam está dedicada aos meus pais. A miña nai faleceu hai un ano e o meu pai cando eu tiña 8 anos, hai 22 anos. É unha obra que se constrúe en base ao recordo de ambos e a música axústase á imaxe que teño deles". A compositora remarca que é unha peza "profunda e delicada pero tamén esperanzada e enérxica. Lonxe de caer na típica escuridade tenebrosa da morte e recrearme na dor e a soidade, aplícolle a miña propia perspectiva vital". O concerto especial deste 30 aniversario terá lugar este xoves 24 de outubro ás 20:30 e incluirá tamén obras de Elgar e Tchaikovski. Haberá unha repetición de todo o concerto dirixida aos escolares dentro do programa didáctico do Auditorio de Galicia.
Os festivais de outono amosan a súa oferta
Xénero: | 21 / 10 / 2019
O outono ten a súa propia oferta de festivais, neste caso os parentes máis recollidos da familia dos festivais pero non por iso menos importantes en oferta artística, agás polo feito da limitación de aforo que supón levar as actuacións a espazos baixo teito. Os días 22 e 23 de Novembro terá lugar en Vigo a 2ª edición do festival SUPER BOCK UNDER FEST. Dez salas estarán involucradas e xa están confirmadas actuacións en cartel e máis de 20 artistas, moitos deles da escena internacional conformarán un cartel do que xa se coñecen varios nomes, algúns deles relativos á cabeceira como Peaches e Eli "Paperboy" Reed. Ademais deles a organización xa confirmou outros 17 nomes entre os que están pola escena galega Ortiga, Indy Tumbita & The Voodoo Bandits ou Family Folks. Esta semana chega tamén un primeiro avance de cartel da sexta edición de CortaPega, que chega a Santiago de Compostela o próximo 30 de novembro. Unha nova cita coa electrónica ecléctica e vangardista con especial atención ós proxectos creados en Galicia, neste caso xa confirmados Aparato e Lagoon, ademais das actuacións de Andrea Dawson e Kara Konchar. Como novidade, o festival desenvolverase en distintos espazos da cidade.
Heredeiros volven para quentar o outono
Xénero: | 11 / 10 / 2019
Case seis anos separan este Derretidos (Dotbeat) do anterior
Presumido sacan hoxe o seu disco 'Cuatro estaciones' ao completo
Xénero: | 10 / 10 / 2019
Hoxe é o día no que o dúo Presumido sacan do forno o seu agardado segundo álbum Cuatro estaciones, unha obra na que recompilan os traballos dos tres EPs estacionais que viñeron sacando durante un ano e ao que engaden, ademais dos novos tres temas de Otoño, re-mesturas de tres dos destacados nos anteriores EPs. O poderoso tema El rey azotado co que iniciaron este camiño e que ten un importante valor simbólico chegados a este punto, é un dos máis presentes no disco, aparece na súa versión orixinal para o EP invernal, na súa re-interpretación para o EP Verano e na edición ou re-mestura dos Dj´s Carlos Bayona &Gómez. Catorce temas de electro pop que poden ir desde as tonalidades máis escuras e intimistas ata os brillos da bola de espellos da pista de baile. Tarci Ávila e Nacho Dafonte presentan con Presumido unha proposta que ten escasas correlacións na escena nacional pero con claras influencias internacionais que van desde Apparat a Ariadna Grande, pasando por Childish Gambino ou Bon Iver, aínda que tamén poderíamos chegar ata referencias da performance electrónica como Laurie Anderson a través da escoita dese novo tema Vapórea, cantado por Tarci en vocoder a capella. Cuatro estaciones fai así tamén honra á receita de pizza ofrecendo unha variedade de bocados de diferentes sabores. O disco está xa dispoñible nas principais plataformas dixitais.


