Ir ao contido directamente.


Noticias

Falece Nonito Pereira 'alma mater' do dinamismo musical na Coruña

Xénero: Miscelánea | 26 / 11 / 2019

imaxe non dispoñible

A Nonito Pereira Revuelta (A Coruña, 1943-2019) débeselle a entrada do folk galego no concepto da "música celta" grazas aos seus traballos como produtor no selo Abrente, con Emilio Cao e Milladoiro na década dos 70, polos que recibiu varios premios nacionais e internacionais. Ademais diso el foi un dos elementos indispensables para situar A Coruña no mapa da música moderna despois dos anos 60. A noticia hoxe do seu falecemento deixa orfo ao xornalismo musical galego que tivo nel un referente inescusable a través das paxinas de múltiples xornais, emisoras de radio e televisión; na TVG presentou o programa Radio Onte. Pero Nonito foi moito máis ca iso, a música formaba parte da súa vida enteira e de todas as súas actividades. Tivo unha tenda de discos, levou a dirección e a cabina do Playa Club da Coruña e foi promotor de concertos e festivais, como o Noroeste Pop Rock da Coruña. Era tío de Fernando Pereira, que tamén forma parta da historia musical galega como promotor de concertos e dono da mítica discoteca Clangor de Santiago. Na súa faceta de crítico musical para calquera artista ou banda de Galicia facer chegar ás mans de Nonito Pereira un traballo seu era toda unha garantía, coñecendo o ollar aberto e desprexuizado que tiña cara todos os estilos e a experiencia sonora que atesouraba. O seu fillo Nonito Pereira Jr. mantén a vinculación co mundo da música seguindo os pasos do seu pai, que atesouraba unha das meirande coleccións discográficas particulares de Galicia. Pai e fillo presentaban xuntos na Domus da súa cidade o pasado mes de outubro a Asociación Cultural Nonito Pereira que ten como obxectivos “ desenvolver a cultura musical na cidade d’A Coruña e, por extensión, en Galicia”, segundo declararon nese momento. Pereira xa está agora no olimpo musical xunto aos “ilustres” da música aos que tanto tempo e enerxía dedicou.

Tanxugueiras sacan o seu 'Contrapunto' para explorar os límites no trad

Xénero: Folk | 25 / 11 / 2019

contrapunto_tanxugueiras.jpg

Tras da consecución este ano do premio Martín Códax da Música e no 2018 do premio a Mellor álbum galego dos Premios MIN da Música Independente co seu primeiro disco, había moitas miradas postas con expectación o seguinte paso a dar por esta formación de tres novas mulleres que chegaban para poñer o seu selo persoal na música tradicional. Agora con Contrapunto (Calaverita Records e PlayPlan) Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro avanzan nun son propio, o do Trad contemporáneo que vai sumando adeptos desprexuizados e co que exploran os límites da música tradicional e déixanse influír por outros ritmos e tamén polas novas formas da cultura urbana. Coa presentación anticipada dos dous primeiros temas do disco en vídeo o trío deixa xa clara esta intención de participar das correntes urbanas, pero sen perder de vista a raíz tradicional a partires da que fan crecer o seu proxecto. Na intención declarada de Tanxugueiras está amosar que a música tradicional galega pode avanzar, renovarse a cada paso e acadar novos escenarios a través de dez temas confeccionados a partir de letras tradicionais e renovados con arranxos actuais. As tres asumiron nesta ocasión a definición tanto artística como musical de Contrapunto, no que tamén contaron coa coprodución do músico Isaac Palacín. Contrapunto é, polo tanto, un disco sen corsés, feito dende a tradición pero sen amarres no pasado, feito sen prexuízos e que se engrandece dunha escoita sen eles tamén. O disco xa está en todas as plataformas dixitais.

Os lucenses Mileth gañan o XI Premio Narf para grupos e artistas musicais

Xénero: Miscelánea | 25 / 11 / 2019

imaxe non dispoñible

A banda Mileth é a gañadora do XI Premio Narf da Deputación da Coruña do que o pasado sábado se celebrou a gala final na sala A Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. Nun espazo especialmente relacionado con Fran Pérez, Narf, o músico que dá nome ao premio, celebrouse na noite do venres ao sábado, a final da décimo primeira edición do concurso para grupos e artistas musicais da Deputación da Coruña que gañou a banda Mileth nacida na Mariña luguesa, despois dunha actuación ao vivo dos cinco grupos finalistas. O segundo premio foi para Costa Escura e o terceiro para Adhara&Ritman. Rabuda e Rebezo foron os outros dous grupos que chegaron ao final do certame. O xurado composto polos músicos Xurxo Souto, Marcos Payno e Su Garrido Pombo -gañadora da edición anterior- coa xefa de Servizo de Cultura, Mercedes Fernández-Albalat como secretaria e o deputado de Cultura, Xurxo Couto, como presidente, destacou de Mileth a súa forte aposta escénica ademais da "instrumentalización, a singular fusión entre tradición e metal e a súa innovación no panorama musical actual". O grupo Milth naceu na Mariña luguesa no ano 2009 e practica o que definen como Metal Pagán Galaico, unha mestura entre metal extremo, folk e música tradicional galega. No 2019 presentan esta particular fusión no seu primeiro disco Catro pregarias no albor da Lúa Morta que definen como un paso firme na teima "de buscar unha fusión orgánica á par que persoal destes dous mundos" para o que contaron con colaboración de músicos de prestixio no panorama folk como SondeSeu, Quempallou ou Rodrigo Romaní. O primeiro clasificado recibirá 3.000 € o segundo 2.000 € e unha xira dos dous producida pola Deputación da Coruña, o terceiro gañador terá un premio de 1.500 mentres que o cuarto e quinto será de 1.000 €.

Guadi Galego premiada como exemplo da realidade plurilingüe do Estado

Xénero: Fusión | 21 / 11 / 2019

imaxe non dispoñible

A Comisión de Seguimento do Protocolo de colaboración en materia de política lingüística no que participan os gobernos de Euskadi, Galicia, Cataluña, Navarra, Illas Baleares e Comunidade Valenciana reunida onte no Arquivo Histórico de Euskadi para a a súa reunión ordinaria anual decidiu a concesión do Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado a Guadi Galego, polo seu último traballo Inmersión, no que recolle pezas cantadas en sete linguas da Península Ibérica (galego, éuscaro, catalán, aranés, asturiano, portugués e castelán). No mesmo acto, os representantes autonómicos fixeron pública a Declaración de Bilbao, na que recordaron que "comparten a perspectiva de multilingüismo, respecto mutuo e acción decidida en favor das linguas en situación de maior debilidade". O texto pide ao Goberno estatal "dar pasos efectivos para incorporar na súa axenda política un plan eficaz orientado ao cumprimento dos deberes que a Administración do Estado ten para coas linguas oficiais diferentes ao castelán" sobre a base "do acordo e a convivencia lingüística".

Agadic esgota nas artes escénicas a partida de axudas á distribución das industrias culturais

Xénero: Miscelánea | 20 / 11 / 2019

imaxe non dispoñible

As artes escénicas son as beneficiarias exclusivas da cuarta e última quenda de adxudicacións de axudas á distribución da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para este ano. A nova adxudicación agora publicada por valor de 34.502,37 euros supón o esgotamento do orzamento total para este 2019 que era de 460.000 euros a repartir inicialmente a partes iguais entre as artes escénicas e a música. Malia esa condición inicial, Agadic tivo que facer unha modificación da distribución do crédito orzamentario, publicada no DOG de 17 de outubro, xustificando un aumento do montante dedicado ás artes escénicas ante a ausencia de solicitudes dabondo na modalidade de música para esgotar a súa parte, mentres que na de artes escénicas quedaban solicitudes presentadas en prazo sen cubrir e susceptibles de ser subvencionadas de acordo coas bases reguladoras e co obxectivo de optimizar os recursos dispoñibles. Esta cuarta quenda comprende esa modificación apoiando a distribución de proxectos escénicos tanto dentro de Galicia como na súa asistencia a festivais e feras no resto de España ou no estranxeiro apoiando a presenza de espectáculos en Cuba, Colombia ou Portugal. Compañías como Chévere teatro, Ibuprofeno, Galitoons, Sarabela ou Berrobamabam entre outras vense beneficiadas nesta adxudicación.

Eduardo Soutullo eríxese vencedor do Premio de Composición AEOS-Fundación BBVA

Xénero: Clásica/Lírica | 20 / 11 / 2019

imaxe non dispoñible

A X edición do Premio de Composición AEOS-Fundación BBVA recoñeceu o traballo dun compositor galego. O ponteareán Eduardo Soutullo era galardoado este 19 de novembro neste certame pola súa obra Alén, unha peza inspirada polo monumento megalítico Porta do Alén. O xurado do premio, dotado con 18.000 euros en metálico, emitiu o seu fallo logo de escoller a obra do galego entre as 59 partituras que se presentaron ao certame. Para alén da dotación en metálico, as 31 formacións que fan parte da Asociación Española de Orquestras Sinfónicas, entre elas a Orquestra Nacional de España e a de RTVE, interpretarán a peza entre os anos 2020 e 2022.

Fanzine fest presenta un programa de música e actividades para achegar a cultura underground

Xénero: Electrónica | 19 / 11 / 2019

imaxe non dispoñible

O festival de música electrónica de vangarda Fanzine Fest ven de dar a coñecer novas sorpresas da súa quinta edición, que se celebrará do 5 ao 7 de decembro n’A Coruña. A organización presentou esta mañá a programación multidisciplinar de actividades paralelas que expandirán o evento máis alá das súas sesións musicais, co obxectivo de achegar a música electrónica, cultura underground e tecnoloxía aberta a todos os públicos. Demostracións en directo, sesións formativas, talleres infantís ou de construción de sintetizadores son algunhas das iniciativas que se poderán gozar en aberto durante a celebración de Fanzine Fest, nunha fin de semana na que se darán cita na cidade herculina artistas internacionais da escena vangardista como The Horrorist, Levon Vincent, Lena Andersson (Eomac & Kyoka), Galaxian ou Dorian Concept, entre outros. Fanzine Fest é unha iniciativa promovida por Fanzine Project que aposta por ofrecer unha visión heteroxénea e actual da vangarda audiovisual, na que converxen estilos variados e singulares. Nesta quinta edición, o festival destaca, ademais de polo seu cartel e pola multiplicidade dos escenarios, pola consolidación do seu formato expandido a través de actividades formativas e obradoiros que terán lugar os días 6 e 7 de decembro en dúas localizacións vencelladas á creación contemporánea, como son a Fundación Luis Seoane e o espazo Maker do museo científico Domus.

Catro bandas e unha solista elixidos finalistas no concurso Outra+Outra de Fundación Paideia

Xénero: Miscelánea | 14 / 11 / 2019

imaxe non dispoñible

Cinco propostas foron as escollidas como finalistas, entre un total de 36 grupos e solistas inscritos, na 15ª edición do programa Outra+Outra, un certame organizado pola Fundación Paideia Galiza, a través de Estudios Mans, e coa colaboración da Deputación da Coruña. Os seleccionados son dous grupos do concello da Coruña, Inland Valley, mestura de dream pop, indie e alternativo, e Bush Doctors, de roots, reggae, dub reggae, a banda muradá de rock alternativo Maestro, o grupo de indierock Moito! e a solista con sangue brasileira Lau. O xurado, de esta nova edición do concurso, estivo formado pola co-presidenta de IMMF, Patricia Hermida, o director de Ernie Producciones, Josiño Carballo e Carlos Pereiro “Carlangas”. O vindeiro venres 29 de novembro poderemos ver a mostra das bandas finalistas, na audición en directo, que terá lugar na Sala Malatesta de Santiago de Compostela, de onde sairán os dous gañadores, que gravarán, como premio, nos Estudios Mans da Coruña.

Marcelo Dobode presenta o proxecto en solitario 'Turoqua'

Xénero: Fusión | 12 / 11 / 2019

turoqua.jpg

Marcelo Dobode defínese a sí mesmo como un artista multidisciplinar que transita entre os escenarios do teatro, como escenógrafo, a música e as artes plásticas. Esta semana presenta os froitos do seu traballo na vertente musical, o seu primeiro proxecto en solitario, Turoqua (Nakra, 2019). O proxecto Dobode está en liña con outros proxectos que nos últimos tempos buscan a fusión de sons desde unha sólida base tradicional conformando unha opción de "Trad contemporáneo" que traspasa as fronteiras habituais e descoloca as etiquetas coas súas melodías onde teñen cabida os instrumentos eléctricos e de percusión propios da música jazz, pop ou rock, xunto con algunhas das súas características na parte dos arranxos. O concepto de Turoqua, sorprende, pero ao mesmo tempo, agarima pola . Intensidade sonora na calma poética dos retrousos da creación colectiva e nos compostos polo propio Marcelo. Carballeira é a canción que sae como carta de presentación do disco que sairá en formato dixital e físico. A estrea será no Teatro Principal de Pontevedra este domingo 17 de novembro. No concerto, contará cos mesmos músicos dos que se rodeou na gravación: Adrián Saavedra (arranxista e productor, teclados), Felix Rodríguez (percusión) Ramon Orencio (Mon)(guitarras), Xacobo Prieto (baixo).

A Xunta e a editorial Dos Acordes publican as partituras da 'Sinfonía nº 2' de Andrés Gaos

Xénero: Clásica/Lírica | 7 / 11 / 2019

imaxe non dispoñible

A Xunta de Galicia e a editorial viguesa Dos Acordes volven dedicarlle un novo volume da súa colección Ars Gallaeciae Musicae ao compositor e violinista coruñés Andrés Gaos (A Coruña, 1874 - Mar del Plata, Arxentina,1959) coa publicación das partituras da súa Sinfonía nº 2 Nas montañas de Galicia. O volume ofrece nova información sobre esta obra, que agora se edita con transcrición e revisión do mestre Joám Trillo e unha introdución a cargo do musicólogo Carlos Villanueva, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Esta Sinfonía nº 2 foi composta ao longo de diferentes etapas da súa vida e, aínda que premiada en concursos auspiciados pola Institución Mitre en 1923 e polo Centro Galego de Bos Aires 30 anos máis tarde, o autor non puido ver interpretada a obra completa. Esta estrea tería lugar o 28 de xullo de 1974, 15 anos despois da súa morte, durante as xornadas organizadas polo Centro Galego de Bos Aires con motivo do centenario do seu nacemento. A estrea europea tería lugar ao ano seguinte no Teatro Colón da Coruña, con Rogelio Groba á batuta, e posteriormente sería executada pola Orquestra Sinfónica de Galicia en diferentes ocasións. Tanto con este novo título, que fai o número 33 da colección, como co volume 32 (Aires galegos e Novos aires galegos), a Xunta e Dos Acordes contribúen á celebración do Ano Gaos 2019, declarado pola USC con motivo do 60º aniversario do pasamento do autor, considerado como un dos grandes compositores galegos do pasado século.

<< Inicio / Anterior . 861 a 870 de 3576 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR