Noticias
Os 19 Premios Maketón de Vigo recoñecen os discos de Presumido e Fon Román
Xénero: | 16 / 12 / 2019
A entrega dos Premios da Música MAKETÓN MAELOC de Los40 Vigo é por mérito propio de da súa longa traxectoria, un dos acontecementos musicais do ano na zona metropolitana da cidade olívica. Este pasado sábado a emblemática sala La Iguana Club acollía a 19ª edición destes premios e de novo deixaba ver unha parte do talento musical da súa contorna a través dos seis categorías de galardón que se entregaron.
A Orquesta Clásica de Vigo outorga os seus premios CreaClásica a novos compositores
Xénero: | 13 / 12 / 2019
Ismael Amoedo Collazo, Carme Rodríguez e Manuel Veiga Lombardía foron designados onte como gañadores nesa mesma orde dos tres premios da primeira edición do certame CreaClásica convocado pola Orquesta Clásica de Vigo e a Fundación SGAE. CreaClásica é a primeira edición dun concurso de composición destinado a novos compositores galegos. Un proxecto que aposta pola difusión e recoñecemento de novos talentos e que busca, ademais, incrementar o repertorio sinfónico galego contemporáneo. O xurado asignou o primeiro premio á obra Tempestas de Ismael Amoedo Collazo; o segundo a Preludio da noite sulagada de Carme Rodríguez (Ribadeo, 1996) e o terceiro premio foi para Preludio e Fuga, de Manuel María Veiga Lombardía. As tres obras gañadoras, a parte da dotación económica correspondente, serán programadas e estreadas na tempada 2020 da Orquesta Clásica de Vigo, coa fin de difundir o traballo destes novos talentos se servir así de plataforma de lanzamento para as súas carreiras.
aCentral Folque lanza Antonio Fraguas e a memoria musical de Cotobade
Xénero: | 12 / 12 / 2019
Xavier Groba asina o último lanzamento de aCentral Folque na súa colección Chave Mestra. Antonio Fraguas e a memoria musical de Cotobade é un libro-CD que recolle un cancioneiro musical inédito do homenaxeado no Día das Letras deste 2019, unha colección de partituras de Cotobade compilada por Saturnino Cuiñas e gravacións dos traballos de campo realizados na zona por investigadores como Alan Lomax, Gustav Henningsen ou María Vidal entre outros.
GZMúsica edita unha video-lista dos temas galegos máis escoitados en 2019
Xénero: | 9 / 12 / 2019
A colleita musical deste ano que xa está a dar os derradeiros pasos resultou, unha vez máis, moi completa e variada, chea de calidade e de creatividade. O magazine GZMúsica ven da presentar unha lista de reprodución en YouTube de 101 videoclips de artistas galegos que este ano foron os que máis soaron, os máis reproducidos. Para iso, a equipa de estatísticas de GZmúsica levaron a cabo, segundo eles mesmos din, unha análise das reproducións de cancións nas diversas plataformas habituais de música : número de reproducións en Youtube e Spotify, o número de seguidores nestas plataformas dixitais e noutras como Deezer, bandcamps dos artistas, tempo de publicación, etc. O resultado son máis de 6 horas de creatividade musical e tamén audiovisual feitas no país. A meirande parte das cancións son en galego, pero tamén hai espazo para algunha en outros idiomas. Os estilos son do máis variado, desde o rock ao reggae, a música electrónica, ou o trad, entre outros e os nomes daas bandas e artistas poden ser daqueles máis coñecidos como de outros emerxentes ou que teñen un nicho fiel de seguidores.
A Banda da Loba presenta o seu segundo disco 'Fábrica de Luz'
Xénero: | 5 / 12 / 2019
En decembro de 2017 saíu á rúa o primeiro traballo discográfico da Banda da Loba, Bailando as rúas (Seispés). Tras o gran éxito acadado e despois de dar máis de setenta concertos en ano e medio, dentro e fóra do noso territorio, preséntannos agora o seu novo traballo, Fábrica de luz no que estas cinco mulleres ofrecen doce novas cancións baixo o seu particular estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, do pop, do folk, etc. Segundo elas Fábrica de luz é un traballo de creación, reflexión e homenaxe en torno á idea de nai entendida nun sentido amplo. Así, a banda ve na lingua e a terra as primeiras nais, fábricas de luz. "As creadoras que nos precederon e as que nos acompañan nesta viaxe son tamén fábricas de luz. As nosas nais, as vosas nais, todas as nais son fábricas de luz. Son fogar, tempo e amor incondicional. Son poder, loita e memoria. Son todo o que nos permite ser hoxe tamén fábrica de luz", din no comunicado de saída deste traballo. Ademais o disco fai unha chiscadela á música dos 80 coas súas luces e cores, que xa é visible no seu primeiro vídeo Fabricando luz cunha chamada ás discotecas, tanto no ritmo de base como na estética de luces e brillos. Xiana Lastra (voz), Estela Rodríguez (violín), Andrea Porto (guitarra e baixo), Inés Mirás (guitarra e teclado) e Marcela Porto (percusión) son os "cinco motores" desta formación que se define como banda feminina que fai música "con M de muller". O traballo xa foi obxecto dunha presentación no Culturgal, pero será o vindeiro1 8 de xaneiro de 2020 na Sala Capitol de Compostela onde se fará a presentación principal antes de continuar cunha xira que as levará por toda Galicia nos vindeiros meses e que pronto anunciarán.
Estrea de 'O Loro de Carlos V' de Nani García e a OSG
Xénero: | 3 / 12 / 2019
Os vindeiros días 5 (xoves) e 6 de decembro (venres), o Teatro Colón da Coruña acollerá as representacións de estrea da primeira ópera buffa galega. O Loro de Carlos V. A coprodución de Favola in Mvsica co Teatro Colón da Coruña e o Centro Dramático Galego conta coa participación de Miguelanxo Prado, o barítono Borja Quiza, e o compositor Nani García, autor da música e co-autor do libreto con María Inés Cuadrado, xunto a outras grandes figuras da escena e da lírica. A OSG , con Diego García Rodríguez na dirección, leva o peso musical desta obra a medio camiño entre o teatro e a ópera que escenifica un conto infantil de Michel de Ghelderode. A produción conta coas voces de Borja Quiza, Francisco Corujo e Helena Abad. Miguelanxo Prado como deseñador de personaxes e escenografía, María Peinado na dirección escénica e Baltasar Patiño na dirección técnica. O formato recitado-cantado do libreto permitira seguir perfectamente o devir dunha historia cómica pensada para toda a familia. O día 7 a obra se representará no Pazo da Cultura de Narón.
María Fumaça presenta 'O veleiro verde'
Xénero: | 28 / 11 / 2019
O tren de María Fumaça segue percorrendo novas rutas e agora faise á mar con O veleiro verde (Sonárbore Galaxia, 2019), un novo libro-disco no que Uxía Senlle e Sérgio Tannus volven encabezar este proxecto musical integrador coas composicións de Chus Domínguez e as ilustracións de Pablo Pastor. Desta volta a familia María Fumaça ofrece un percorrer que vai medrando en gustos e influenzas do mesmo xeito que medra Ruí, o maquinista arredor do que se fai o proxecto e que xa está na adolescencia o que conduce a unha evolución lóxica nun proxecto vivo e en constante movemento, que deste xeito tamén acompaña a aquela rapazada que creceu con el. Así, buscan unha maior contundencia sonora con "máis flow, ventos, metais, rock rebelde, co noso Ruiguetón, e funk, sen esquecer o tradicional, marca da casa", aseguran. A dirección musical segue a cargo de Sérgio Tannus quen nesta ocasión tamén se encargou da edición e as mesturas conseguindo un son depurado e brillante. No capítulo das colaboracións este libro-disco conta con varias importantes. O recoñecido actor e humorista Carlos Blanco compuxo e canta Estou plof, dedicada a Ruí e a todas as nenas e nenos que teñen un mal día. Ico (do grupo O Sonoro Maxín) pon a súa forza e a defensa dos nosos xogos populares en Fago o camiño. Alfonso Pato, guionista e director do Festival de Cans, escribiu dúas letras ás que pon música Chus Domínguez: A pita de Fita e A árbore de Manolo, dedicadas aos avós de Ruí. O veleiro verde iniciará o seu percorrer o próximo domingo 1 de decembro na carpa do Culturgal ás 17.30 horas.
O chileno Álvaro Núñez Carballunca gaña o Premio Gaos de Composición
Xénero: | 28 / 11 / 2019
Vía é o título da obra coa que o chileno Álvaro Núñez Carballunca se acaba de facer co XIII Premio Andrés Gaos de composición musical. O xurado do certame que convoca a Deputación da Coruña, seleccionou este traballo a sinalar que "é unha obra de exquisita factura; unha proposta valente e moi contemporánea que introduce o mundo dos silencios, o que é unha interesante suxestión para o público, xa que propón unha nova forma de escoita, diferente e sosegada".
Resurrection Fest anuncia 70 novas bandas e saca á venda as derradeiras entradas
Xénero: | 26 / 11 / 2019
Hoxe foi outro deses días nos que os Resurrection fest de Viveiro consegue poñerse no centro de atención. O festival de rock sacou hoxe á venda os derradeiros abonos que lle quedaban, e as poucas entradas por días das que deron en dispoñer a favor dos abonos. O festival ademais anunciou novas confirmacións, algunhas delas importantes coma a da banda Amon Amarth, un cabeza de cartel do xénero quer estará xa na xornada inaugural do mércores, 1 de xullo. Ademais as confirmacións de nomes para o evento engadiron en total case 70 nomes dunha soa vez e entre eles hai unha representación da escena galega do rock, con once bandas que chegarán das catro provincias galegas, encabezada polos vigueses Aphonnic, unha das formacións máis consolidadas do país na música metal. Ademais deles engádense nesta xeira outros nomes como True Mountains d’A Coruña; Chris Masuak and the Viveiro Wave Riders Association; Bloodhunter; Golpe Radikal, d’A Pobra do Caramiñal; Wasted Wiltons; Acidproyect, de Ourense; Arsian, d’A Coruña; Vieitör, de Monforte; Kaleikia, e Turbo Kraks, de Ferrol. A xulgar pola demanda previa o festival de Viveiro está hoxe moi cerca da venda completa.
Unha xornada e un documental recuperan a figura do trobador Martín de Padrozelos
Xénero: | 26 / 11 / 2019
Sarria acolle o vindeiro 30 de novembro a xornada Trobador no Camiño. Andares pola lírica de Martín de Padrozelos, un encontro que quere reivindicar a figura do está considerado o primeiro trobador do país. A iniciativa conta cunha mesa redonda na que Lois Celeiro, José Martinho Montero Santalha, Baldomero Iglesias, Xulio Pardo de Neyra e Dulce Fernández Graña abordarán esta figura do século XI e a súa importancia na lírica medieval galego-portuguesa. O proxecto, promovido pola Asociación de Xornalistas e estudosos do camiño de Santiago inclúe tamén a proxección dun documental do mesmo nome que a xornada, no que Xoán Piñeiro percorre as paisaxes vencelladas a este personaxe histórico.


