Ir ao contido directamente.


Noticias

O Festival Metropolitano Elas son artistas achegará 10 de días de música e arte a oito concellos

Xénero: Miscelánea | 12 / 2 / 2020

imaxe non dispoñible

Unha das citas máis refrescantes do país, o Festival metropolitano de música e artes pola igualdade, Elas Son Artistas, ven de presentar a súa terceira edición. O Teatro Colón da Coruña, cidade epicentro do evento que se desenvolve en oito concellos da área metropolitana, acolleu o acto de posta en público do festival. Os concellos de A Coruña, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Oleiros e Sada acollerán este ano 10 días de actividades que irán do 17 ao 26 de abril, e que farán unha homenaxe á raíña da música soul, a desaparecida Aretha Franklin. Así un dos grandes atractivos da programación deste ano é a estrea na cidade da Coruña do documental Amazing Grace, unha peza de cine en directo en torno á gravación dese álbum, unha das cimas creativas de Aretha Franklin. O programa multidisciplinar ten as mulleres creadoras como protagonistas e vai dirixido a un público de mente aberta, que se achega a diversas artes e diversos espazos, e incluso a diversos estilos dentro da música.

Ruxe Ruxe presentan o seu novo traballo 'O estraño falar dun monstro da aldea'

Xénero: Rock | 12 / 2 / 2020

ruxeruxe_estranofalardunmonstrodealdea.jpg

Ruxe Ruxe presentan un novo traballo de estudio e con este xa van 12 discos nos 23 anos de traxectoria da banda compostelá. Con O estraño falar dun monstro da aldea (Autoeditado), a banda liderada por Vituco Neira ofrece 15 novos temas coherentes coa súa traxectoria de punk rock en galego e combat rock, compostos polo propio Neira. O novo traballo consegue ademais un son moi pulido e eléctrico, potente como corresponde a unha banda que nunca perdeu de vista as súas maneiras loitadoras, pero dando ademais un paso adiante grazas á calidade da gravación efectuada nos estudios Gárate (Euskadi) coa produción de Kaki Arkarazo (Negu Gorriak, Kortatu). Como xa é marca da casa, a contundencia guitarreira e da percusión vese ben acompañada con instrumentos de vento como a gaita, harmónica ou saxo en varios dos temas do novo disco. As letras, sempre apegadas no amor ao país e ás súas mensaxes de punk combativo crítico co poder reflicten tamén nalgún dos temas reflexións de perspectiva vital engadindo variedade e profundidade a un sempre potente discurso. A banda xa presentou en avance tres vídeos con primeiras cancións e este vindeiro venres, 14 de febreiro, na Sala Capitol de Santiago farán a presentación en directo ante a súa numerosa parroquia de fieis cun moi posible cheo. O disco xa está dispoñible en tendas e plataformas dixitais.

As primeiras Xornadas sobre a festa galega tratarán a reivindicación das verbenas como BIC

Xénero: Miscelánea | 11 / 2 / 2020

imaxe non dispoñible

O mundo profesional da festa tradicional galega e a verbena vai dedicar os vindeiros días 12 e 13 de febreiro a reunirse na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela e levar a cabo a primeira edición das Xornadas sobre as festas onde se celebrarán diversas mesas redondas con debate más cales se analizarán as principais cuestións que afectan o mundo das Festas nestes intres (Patrimonio, Lei de Espectáculos, Convenio Laboral, etc.). O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, inaugurará as xornadas dando paso a unha mesa de debate sobre A festa como patrimonio da cultura galega, no que se tratará da petición de declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) inmaterial da verbena galega que está a ser impulsada desde o mundo das orquestras. Outra das mesas tratará o tema da representación artística na verbena. As xornadas promovidas pola Asociación de Orquestras de Galicia (AGO) e a Asociación de Representantes Técnicos de Galicia (ARTEGAL) contarán coa presenza de especialistas en cada tema para aclarar as últimas novas con respecto as festas e coa representación de tódolos axentes do sector (Oficinas de Espectáculos, Axentes e Orquestras) ademais da colaboración de ASEVEGA (Asociación de Empresarios da Verbena). Os debates están abertos ao público en xeral.

Paco Montero musica oito poemas de Carballo Calero nun libro CD

Xénero: Cantautor | 4 / 2 / 2020

paco_montero_carvalho_calero_cartaz2.jpg

Logo de o presentar o pasado dez de xaneiro no Teatro Jofre de Ferrol, está a chegar ás tendas o libro CD Paco Montero canta a Lumieira Poética de Carvalho Calero. O que foi cantante dos Tamara musica oito poemas do homenaxeado no Día das Letras deste 2020 nun volume que conta con prólogo de Vicente Araguas e no que colaboran intérpretes como Francisco Teixido (Treisi), Jesús Fernández, Frank Rodríguez, Carlos Godel, Ramiro Cartelle e mais Belén García e Ana Buche, que interpretan A Canzón das Lavandeiras. O álbum complétase con catro temas do propio Montero nos que homenaxea a Pucho Boedo, a cidade de Ferrol, o atleta Javier Gómez Noya e mais o actor Javier Gutiérrez. O disco gravouse nos estudios Penteo de Ferrol.

Pablo Bicho finaliza un parón discográfico de 16 anos con 'Aires nuevos'

Xénero: Cantautor | 3 / 2 / 2020

Bicho_airesnuevos.jpg

O cantautor estradense afincado na Coruña, Pablo Bicho, ven de presentar na sala Garufa o seu novo traballo en solitario Aires nuevos (autoeditado), un disco con oito temas propios que supón unha volta do artista na busca do seu espazo musical de clara predominancia de jazz latino. Pablo Bicho ten unha ampla traxectoria previa tanto en solitario como formando parte de outros proxectos como Los Bichos ou Radio Océano e chegou a ter un gran alcance na radiofórmula grazas ao seu disco Las cosas llegan cuando tiene que llegar (Arcade Music Company, 1998) co que estivo durante algún tempo na listas de éxitos. Aires nuevos é o seu primeiro traballo de longa duración tras dezaseis anos, o anterior foi Las Alegres Coplillas (autoeditado, 2003). Para este traballo, impulsado a través dunha campaña de micromecenado, o autor rodeouse dun grupo de colaboradores destacados pola súa calidade na escena musical do jazz e do funk, que ademais contribuíron cos seus propios arranxos nos temas. O batería Miguel Lamas, Octavio Vargas (baixo), Iago Muriño (teclados), Paúl Alvarez (guitarra) e Tony Gonzalez (percusión latina), ademais de Antonio Constela (percuisións), irmán de Pablo Bicho son os que participan na gravación baixo produción de Miguel Lamas e con mestura e master a cargo de Miguel Martos. Nos seus temas de Aires nuevos, Pablo Bicho dá saída aos sons latinos e tropicais que ven escoitando desde a súa infancia pasada en Venezuela na liña dun jazz latino alegre con letras para ser compartido en comunidade, cantado e bailado como é o caso en temas como Hablo con las plantas, La vara ou El marajá.

A Rede Galega de Música ao Vivo manterase en 20 locais ao longo de 2020

Xénero: Miscelánea | 30 / 1 / 2020

imaxe non dispoñible

Un total de vinte sala acollerán este ano as actuacións que se desenvolvan no seo da Rede Galega de Música ao Vigo. A cifra mantense igual á de 2019, cando esta iniciativa duplicara o seu orzamento, e incorpora como novidades Aturuxo de Bueu, Sala Ruído de Ferrol, Sete Flores do Carballiño e Auriense de Ourense.

A comunidade Hip Hop em galego seleccionou os mellores temas de 2019

Xénero: Hip-Hop | 30 / 1 / 2020

imaxe non dispoñible

O traballo de Rebeliom no Inframundo co produtor Baghira no tema Rugir da Jungla valeulle ao grupo erixirse como autores da mellor canción de Hip Hop na nosa lingua de 2019. A comunidade Hip Hop em galego escolleu mediante votación e interacción nas redes os seus dez temas favoritos entre unha selección. Segundo sinalan os responsables desta comunidade virtual, Rugir da Jungla supón "a mostra total do potencial e do impacto que supón a Rebeliom do Inframundo para a cultura galega", cun "traballo audivisual que con maiusculas podemos dicir que representa a CALIDADE do rap en galego".

Quince propostas compiten polo premio MIN ao mellor álbum en galego

Xénero: Miscelánea | 28 / 1 / 2020

imaxe non dispoñible

Desde este 27 de xaneiro e ata o vindeiro dez de febreiro está aberto prazo de votacións populares para seleccionar os semifinalistas dos XII Premios MIN da Música Independente. Na categoría de mellor álbum en galego atópanse este ano quince propostas de diferentes estilos. A Banda da Loba, Boyanka Costova, Budiño, Dios Ke Te Crew, Evoéh, Faia, Familia Caamagno, Grilo, Heredeiros da Crus, Marcelo Dobode, Os amigos dos músicos, Pandeireteiras de Verducido, Sés, Son Trío e Tanxugueiras son os aspirantes a recibir os votos, que se poden emitir no web do certame. A estas súmanse outras propostas do país en diferentes categorías, como poden ser Agoraphobia, Xacobe Martínez Antelo, Najla Shami ou Alba Messa entre moitos outros.

Aphonnic coróanse con seu novo disco 'La reina'

Xénero: Rock | 24 / 1 / 2020

lareina_aphonnic.jpg

Aphonnic son unha das bandas en activo máis veteranas da escena do metal en Galicia, no ano 2017 levaron o Premio Martín Códax da Música como mellor banda de Metal e levan xa dezasete anos gastando amplificadores e seis discos de estudio, todos eles sacados con amplos intervalos de arredor de tres anos entre eles. Os dous anteriores a La Reina (Maldito Records, 2019) foron Indomables (Maldito Records, 2016) e Heroes (Aphonnic, 2013). Con estes marxes de tempo xa é sinal da casa Aphhonnic buscar sempre a excelencia e a mellora nunha carreira na que a experiencia amosa o seu enorme valor sobre o produto final. Once temas conforman este novo traballo co que os vigueses acadan novas cotas de produción que dan a la Reina calidades sonoras propias de calquera grande banda de rock a un nivel internacional que nos permiten gozar da virtuosidade das interpretacións e das traballadas letras de cada canción. La reina é, polo de agora, o traballo que coroa unha longa e moi seria traxectoria.

Os sectores musicais luso e galego encontraranse en Verín no MUMI

Xénero: Miscelánea | 22 / 1 / 2020

imaxe non dispoñible

O Concello de Verín acollerá a primeira edición do MUMI VERÍN´20, o primeiro Encontro Profesional de Música Galicia – Portugal que se celebrará do 12 ao 14 de marzo promovido desde unha asociación integrada por empresas, profesionais e colectivos do sector musical galego e portugués. O encontro reunirá a artistas e bandas, promotoras, empresas de management, festivais, discográficas, empresas de servizos e produción, etc. para compartir ideas, crear sinerxías sólidas, establecer novas redes de contacto e coñecer novas propostas en primeira persoa. Ademais, entre os obxectivos do encontro tamén está fixar unha axenda anual de traballo conxunto a nivel sectorial, empresarial e institucional para converterse no espazo de referencia da actualidade musical de Galicia e Portugal. Esta feira contará cunha programación profesional que mesturará actividades de formación, speedmeetings entre profesionais do sector, showcases cunha selección de artistas e bandas de Galicia e Portugal, e unha feira sectorial con presenza das empresas das diferentes áreas do sector. Tamén haberá concertos abertos ao público xeral, nunha programación que mesturará os novos valores e as figuras xa consagradas en espectáculos multidisciplinares para público familiar e adulto. O prazo para a presentación de propostas artísticas para participar no encontro está aberto desde hoxe ata o 11 de febreiro.

<< Inicio / Anterior . 831 a 840 de 3576 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR