Noticias
Os festivais virtuais Musikel e Fica Na Casa Fest amenizan o encerro
Xénero: | 26 / 3 / 2020
A axenda de actividade musical en liña segue a manter boa saúde dúas semanas despois da cancelación de toda actividade cultural en espazos públicos. Esta fin de semana a parroquia está convocada a varias destas citas en directo a través de perfís de redes sociais coma Facebook e Instagram e en Galicia seguimos a ter algunhas nas que os artistas propios amosan o seu talento. Na Coruña o festival Musikel reúne nun mesmo evento virtual a artistas locais da cidade. Dará comezo este veres 27 e durante sábado e domingo ten previstas actuacións desde as 13:00 horas ata as 21:00 horas cada un dos días. Ata 23 artistas da cidade herculina entrarán desde as súas casas nesta "guerra ao silencio", que reunirá nomes como os de Allova, El Flop, Lucía Souto, Dani Cisneros, Mangosta, Planeta Fugaz e outros moitos. Ademais a axenda refórzase co Fica na Casa Fest, organizado pola Asociación Cultural Musical Galicia Molona, vai ir esta fin de semana a pola súa segunda edición ofrecendo música independente galega en streaming, que despois ademais porán en Internet como vídeos. A primeira entrega ofreceu dez actuacións de pop, música electrónica, rock e dj’s o pasado fin de semana e este sábado volven a poñerse en marcha cunha nova edición cuxo cartel aínda está por coñecerse neste intre.
"O noso sempre foi non pastorear as cancións, non metelas en currais"
Xénero: | 24 / 3 / 2020
O pasado 5 de marzo presentábase en Madrid o novo disco dos vigueses Eladio y Los Seres Queridos, Academia. Este sexto traballo da banda chegaba apadriñado pola bodega Ponte da Boga que dá a un dos seus viños de autor o nome deste álbum, igual que xa fixeran anteriormente co Fulgor de Budiño. Academia (autoeditado) é un disco que segue a liña da etapa marcada tras Cantares (2016) polo grupo: gravación artesanal semi caseira, autoprodución, e un tratamento coidadoso, sofisticado e elegante de cada canción ata lograr que as catorce pezas que o conforman sexan un todo coherente. Cheo, iso si, de riqueza sonora e variedade e cos fraseos particulares da composición de Eladio Santos, a quen se debe a meirande parte do disco a excepción de dous temas alleos e outros dos compostos a medias con Ovidio Lopez e Jorge Ojea. Tanto nas melodías coma nas súas letras o disco navega nun mar de nostalxias felices, favorecido polo cantar murmúreo de Eladio. O disco xa está dispoñible para a venda e nas plataformas dixitais.
Triángulo de Amor Bizarro dánlle unha volta ao seu son para ser eles mesmos
Xénero: | 23 / 3 / 2020
O quinto disco de Triángulo de Amor Bizarro sae para non deixar a ninguén impasible e consegue soar diferente a todos os seus anteriores discos e aínda así soar máis a TAB que nunca. Con este álbum de nome homónimo á banda dado do revés, oɹɹɐzıqɹoɯɐǝpolnƃuɐıɹʇ (Mushroom Pillow) o grupo do Barbanza ven de presentarse este pasado 20 de marzo con 12 temas redondos, nos que leva o seu particular son a percorrer melodías pop, electrónica, rock indie, industrial e o shoegaze que é marca da casa.
Sabela e António Zambujo cantan os temas gañadores do aRi(t)mar 2020
Xénero: | 20 / 3 / 2020
Logo de case 5.000 votos emitidos por Internet, o certame aRi[t]mar Galiza e Portugal, que promove a Escola Oficial de Idiomas de Compostela, ten xa gañadores na súa categoría de música. Despedida de Sabela e Catavento da Sé de António Zambujo, foron os temas escolleitos entre os finalistas. Os gañadores recibirán os seus premios nunha gala que está prevista para o vindeiro outono. Entre as propostas finalistas galegas, a segunda máis votada foi a Balada de verán de Guadi Galego e mais Fisterra de Baiuca. Pola banda portuguesa, resultaron finalistas Miguel Araújo por Talvez se Eu Dançasse e mais Isaura por Uma Frase Não Faz a Canção.
A Xunta ampliará a proposta de declaración como BIC do baile tradicional
Xénero: | 16 / 3 / 2020
O Diario Oficial de Galicia deste 16 de marzo publica a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que deixa sen efecto a incoación para declarar ben de interese cultural o baile tradicional. Cando se fan dous anos do comezo do proceso, esta orde fecha aquela iniciativa, ao tempo que anuncia a posta en marcha dun novo procedemento ampliado co que se pretende declarar como BIC o conxunto do baile e da música tradicional do país. A nova declaración iniciará agora unha fase de análise previa á posta en marcha a súa incoación.
Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre cantan á Galicia rural en desaparición
Xénero: | 13 / 3 / 2020
Desde hoxe xa está dispoñible As Catedrais Silenciadas (Música de Salitre) o novo e terceiro disco xurdido da xuntanza de Xabier Díaz coas cantareiras Adufeiras de Salitre. Dez temas tradicionais arranxados por Díaz e entre os que hai unha panoplia da riqueza e diversidade da música de raíz: alalás, pasodobres, muiñeiras, ribeiranas e agarrados. O título do disco fai referencia á perda do mundo rural como desaparición cultural da identidade galega, un berro de alerta ante o seu progresivo despoboamento e a perda que isto implica. As Catedrais Silenciadas, din, son os vellos soutos milenarios, o idioma, os alalás, os nomes dos cons, as vacas ou as vellas ribeiranas. Os temas volven amosar a excelencia musical dos intérpretes e a súa sensibilidade contemporánea cara o tradicional. Os concertos previstos de presentación en directo deste traballo quedan pendentes de confirmación ante a alerta sanitaria actual pero xa se pode escoitar o traballo nas principais plataformas dixitais.
Xosé Lois Romero e Aliboria continúan a explorar a percusión en Latexo
Xénero: | 12 / 3 / 2020
"Trasladar o bruar da terra, algo que chega dende o corazón, pero que pasa polas vísceras, e se convirte nunha sorte de zunido tribal, de folclore racial, de estalido musical" é o obxectivo co que Xosé Lois Romero e Aliboria presentan Latexo, o seu segundo álbum de estudio. Da man da discográfica Raso chega ás tendas este proxecto con dez novos temas catro anos despois da presentación do grupo co seu disco homónimo.
O Canido Rock servirá de homenaxe ao desaparecido cantante Toñito Pedreira
Xénero: | 11 / 3 / 2020
A Asociación Veciñal do barrio de Canido en Ferrol á impulsora do festival Canido Rock que este ano servirá coma homenaxe a un dos seus veciños tristemente desaparecido un ano atrás: Toñito Pedreira, cantante da banda Riff/Raff. O Concello de Ferrol e os integrantes da banda-tributo a AC/DC organizan na Praza da Auga o vindeiro día 2 de maio, no marco da festa dos Maios, a celebración deste evento aberto no que tomarán parte ata cinco grupos de rock do país en memoria do carismático intérprete que faleceu inesperadamente o pasado ano. Herdeiros da Crus encabeza o cartel desta homenaxe, que tamén conta coas actuacións dos grupos Fara Ways Place, La banda del camión, McKuin e os propios Riff/Raff, que para a ocasión contarán con ata cinco vocalistas, tres homes e dous mulleres, que ocuparan circunstancialmente o micro que deixou orfo a repentina e prematura desaparición de Toñito Pedreira o pasado 8 de maio de 2019 e que a banda ademáis busca cubrir para proseguir coa súa actividade musical.
A Rede Galega de Música ao Vivo crece
Xénero: | 9 / 3 / 2020
A sala Garufa Club da Coruña, unha das 20 asociadas este ano á Rede Galega de Música ao Vivo da Xunta de Galicia, acolleu hoxe a presentación da programación que se desenvolverá ata finais de ano no seo deste circuíto profesional, unha iniciativa nada da asociación de salas Clubtura hai 13 anos, xestionado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). A través del, o público poderá gozar dos 245 concertos de 81 solistas e grupos, 79 deles galegos, que terán lugar en 14 localidades das catro provincias con 20 salas en total, 18 delas socias de Clubtura. A súa programación completa deuse a coñecer nun acto no que interveu o director da Agadic, Jacobo Sutil, e mais os representantes das asociacións que colaboran coa Xunta na promoción da Rede Galega de Música Ao Vivo: Alberto Grandío, presidente de Clubtura, e César Morán, de Músicas ao Vivo.
David Regueiro Trío afonda no jazz Manouche con Areal
Xénero: | 9 / 3 / 2020
O guitarrista e compositor David Regueiro continúa o seu traballo no ronsel de Django Reinhardt. Desta volta, en formato trío, presenta Areal, un LP no que o o jazz manouche, con influencias de swing americano e be-bop, impregna nove temas de composición propia. Acompañado de Iago Reigosa á guitarra e de Juyma Stévez ao baixo, a formación incorpora colaboracións de Sarunas Pupelis ao clarinete en dous temas e de Ismael Cabaleiro ao violín noutro máis. O proxecto, autoeditado e gravado polo propio Regueiro está a iniciar este mes de marzo a súa xira de presentación. O Garufa Club da Coruña acollerá o vindeiro día 15 a presentación do álbum, e o tour continuará por Vigo (20 de marzo), Compostela (2 de abril), Zaragoza (9 de abril), Barcelona (10 de abril) e Bueu (14 de maio).


