Ir ao contido directamente.


Noticias

Esposa comparten dor e ilusión lanzando dous EP ao tempo

Xénero: Indie | 5 / 5 / 2020

imaxe non dispoñible

O grupo Esposa ven de deixar nas plataformas dixitais dous traballo ao tempo, os EP É o que hai e Belo Horizonte, cos que xuntan oito temas , algúns deles xa presentes en discos colectivos e outras que son versións adaptadas de outros autores do seu universo referencial. Estes son os primeiros lanzamentos da banda despois daquel LP de debut Xardín interior (2017). En Belo horizonte agrúpanse os catro temas de composición propia, o que dá nome ao disco é un tema composto e interpretado coa banda Pantis e os outros tres apareceron anteriormente en recopilatorios colectivos como Galician Bizarre 3 (Autoeditado, 2018), no libro disco conmemorativo editado pola sala ourensá Torgal en 2018 ou, coma no caso de Belo Horizonte en Nada(l). 13 panxoliñas orixinais de 13 bandas galegas actuais (Xonix Records, 2017). No caso de É o que hai o cuarteto ofrécenos a súa revisión de catro temas de artistas de referencia como Yo La Tengo ( Ohm), Modern Lovers, cun Pablo Picasso cuxa versión lírica inclúe autorreferencias dos porpio Esposa; os Feelies (É o que hai) e tamén de Billy Bragg coa coñecida New England trocada aquí en Pra que serve esta canción? nunha adaptación libre. Todas elas, dos dous Ep, en galego.

Nace Tradi Na Rede, a primeira escola virtual privada de música e baile tradicional

Xénero: Folk | 29 / 4 / 2020

imaxe non dispoñible

Antonio Prado, Noa Migal e Miguel Vázquez son os mestres que están detrás de Tradi Na rede, a primeira escola virtual privada para achegarse ao mundo da música e baile tradicional. A nova escola ábrese xustamente neste momento no que a aprendizaxe a través de redes está normalizándose pola vía de ser a única opción, e aspira a manterse no tempo, pudendo obter un alcance global. Usando vídeos semanais con material adicional que completará a aprendizaxe dende a casa, así como contidos xerais para toda a escola estes tres mestres ofrecen na plataforma inicialmente cursos de iniciación a tres especialidades: baile, gaita e pandeireta, así como obradoiros que se publicarán nas vindeiras semanas. Os tres atesouran experiencia docente e profesional nos seus campos. Prado e Migal forman parte do grupo Xosé Lois Romero & Aliboria e Miguel Vázquez dirixiu Grupo da Música da A.C. Xacarandaina entre os anos 2009 e 2017. Os tres son docentes habituais das materias que agora van impartir de xeito virtual a través de Tradi Na Rede pero tamén ofrécense para levar a cabo cursos presenciais.

A previsión de desescalada cultural

Xénero: Miscelánea | 29 / 4 / 2020

imaxe non dispoñible

O presidente do Goberno de España, Pedro Sanchez, daba a coñecer este 28 de abril a previsión de fases para aliviar as medidas de confinamento ás que está sometido o conxunto da sociedade. A proposta fala de períodos de apertura que terán unha duración flexible, cun mínimo de dúas semanas, que dependerán da situación nos diferentes territorios e que contarán coas provincias como espazos de referencia para a súa aplicación. Toda unha serie de mudanzas que terán efectos destacados en diferentes sectores da cultura. Aínda pendentes da concreción destas medidas, da súa publicación do Boletín Oficial do Estado e do xeito no que se aplican segundo vaia evoluíndo a situación, repasamos os posibles impactos do confinamento en diferentes ámbitos culturais.

SonDaRúa saen co seu primeiro disco longo 'Eterno combate'

Xénero: Hip-Hop | 27 / 4 / 2020

eternocombate_sondarua.jpg

SonDaRúa, o grupo de hip hop formado por Hugo Guezeta e Álex Arnoso ás voces e That Bass como DJ, ven de presentar Eterno Combate (PlayPlan 2020), o seu primeiro disco de longa duración tras o lanzamento do EP Liberando mentes (2018). SondaRúa plasma neste novo traballo o seu estilo, que sempre bebe da ironía, da musicalidade no fraseo e a tradición oral popular galega, pero combinándoo co hip hop máis reivindicativo, de crítica social e política. Eterno Combate non defrauda nin en contido nin en calidade de produción, ofrece 12 cortes en galego nos que o trío conta coas colaboracións de Skandalo GZ, Navia Rivas e Ezetaerre. O disco é unha proposta ecléctica na que teñen cabida unha morea de estilos musicais; dende o rap clásico ao máis puro estilo 90’s, pasando polo ska, o rock e chegando aos sons máis característicos do reggae e a fusión.

Benxa Otero musica a Chus Pato en Tocar a pel do animal

Xénero: Miscelánea | 24 / 4 / 2020

tocar_pel_anima_benxa_otero.jpg

Cinco cancións nadas da improvisación musical no estudio a partir das fotografías do propio músico compoñen a última proposta de Benxa Otero. O compositor e intérprete lalinense presenta en colaboración coa catalá Elena Tarrats Tocar a pel do animal, unha selección de temas gravados en dúas sesións no estudio As Gonzalinhas de Lalín. O proxecto mestura unha selección de versos de Chus Pato realizada pola propia Tarrats ao vivo e cantados en diversas linguas que se combinan con achegas da propia cantante. A nivel musical sintetizadores, clarinetes e outros instrumentos se mesturan para crear atmósferas complexas. Aínda que polo momento os temas están dispoñibles na rede, Otero anuncia a vindeira edición do proxecto nun formato de colección de postais coas letras e unha ligazón para escoitar os temas.

Notas en mosaico (II): Da lavadora á corentena

Xénero: Miscelánea | 23 / 4 / 2020

imaxe non dispoñible

Segue a escena musical galega a ser capaz de xerar contidos en perfecta coordinación de músicos e cun enorme talento comparable ao de calquera outros do mundo. Xa familiarizados como estamos cos formatos de pantalla partida podemos ver a moitos dos mellores músicos e artistas do país interpretando cancións alleas ou propias para contribuir a que este tempo segua a estar presente a creación musical e faga máis doado o distanciamento social. As mostras son moitas, algunhas delas parten desde o ámbito institucional. Tal é o caso do Estou na cuarentena que se premovoeu e difundiu desde o Concellod e Ponteareas. O tema é unha adaptación dunha das cancións de referencia dos inicios do Xabarín Club, o Estou na lavadora do grupo O Caimán do Río tea. A Concellería de Cultura de Ponteareas presentou esta semana esta divertida versión na que participan integrantes dos grupos O Caimán do río Tea, SonDaRúa, Sulfatar, Skandalo GZ, Max Power, School e artistas como Tonhito de Poi, Chico López, Duke Sam e Baby Jane.

Malraio presentan 'Demo' o primeiro disco longo

Xénero: Rock | 21 / 4 / 2020

Malraio_demo.jpg

A banda compostelá Malraio ven de sacar o que é o seu primeiro disco longo. Máis dun ano despois de meterse a gravar de xeito autoxestionado os Malraio puxeron desde onte no seu Bandcamp o disco Demo cos seu oito temas e presentaron xa un videoclip coa canción Ninja. Ata o de agora a banda tiña un EP, Prótese (2017). O resultado da gravación e mestura reflicte perfectamente a potencia do grupo comprobable nos directos que levan dado nestes anos. Carga garaxeira de guitarras, nalgúns casos psicodélicas noutros ata o shoegaze ou o rock gótico postpunk máis escuro, pero sempre con temas que moven pes e cabezas para non deixar de encher de baile a súa escoita ao estilo máis R&R. Malraio demostran tamén coas súas letras, en galego, densidade intelectual e capacidade para crear retrousos ou frases que quedan no aire para quen as escoita. É o caso do tema de lanzamento, Ninja, moi acaída para o momento por pura casualidade pero co tema universal dos medos amplificados polos medios de comunicación. Pero tamén pasa con grande temas como A dor ou A redonda. A banda agarda que ata que poidan comezar dar concertos, o seu esforzo produtivo poida compensarse coa venda da ´sua música en formato físico, en CD. Demo foi gravado en febreiro de 2019 nos estudios Potemkin de Santiago de Compostela por Jacobo Iglesias e Dani Blanco. Algúns arranxos e overdubs foron regravados e producidos por Fon Botana.

Cae o Festival de Ortigueira deste ano e anuncia datas e novidades para 2021

Xénero: Miscelánea | 21 / 4 / 2020

imaxe non dispoñible

As derradeiras horas están traendo unha cascada de noticias sobre as previsións de realización de importantes eventos nos vindeiros meses. Un dos máis relevantes, pola súa antigüidade e dimensións é o Festival internacional do Mundo Celta de Ortigueira, previsto entre o 16 e o 19 de xullo deste ano. O buque insignia dos eventos de música folk ven de anunciar, con grande pesar, a cancelación de edición deste ano e o seu pase para os días 14 ao 18 de xullo de 2021. Segundo comunican desde a organización, todos os recursos cos que contaba o Concello para celebralo irán destinados a axudas de emerxencia social e hostalaría e pequeno comercio, unha decisión que tamén ten en conta as máis que posibles restricións de actos multitudinarios que aínda están por decidir. Arestora os esforzos organizativos centraranse en preparar un 2021 que compense a espera con varias novidades, entre as que destaca a ampliación nunha xornada dos concertos do escenario principal, que iniciarán a súa actividade o mércores, en lugar do xoves. En 2021 manterase o cartel artístico previsto, coa presenza das principais cabezas de cartel e entre as novidades crearase o "Día Runas" no que actuarán seis bandas, os tres finalistas de 2020 e os tres de 2021, segundo aseguran na organización.

Importante peso galego no primeiro foro de reflexión e encontro virtual de festivais

Xénero: Miscelánea | 20 / 4 / 2020

imaxe non dispoñible

A empresa pontevedresa PlayPlan Xestión Cultural é unha das tres que organizan o primeiro encontro dixital de festivais no marco de incerteza actual para un sector tan economicamente relevante nas industrias culturais. Entre a tarde de hoxe, luns e o vindeiro 24 de abril terá lugar este Music Fest Meeting do sectro do ocio musical nacional einternacional nun entorno virtual o programa de encontros e charlas polo cal profesionais en representación de máis de trinta de festivais de todo o Estado confrontarán ideas, problemas e solucións para o futuro. Por parte das industrias culturais galegas están representados no programa festivais como SonRías Baixas, Festival Sinsal Son, 17ºRibeira Sacra, Culturgal e a Asociación de Festivais de Galicia, ademais de NoComún. Esta primeira edición do Music Fest Meeting, está promovida por IDASFEST, PlayPlan e Enterticket e será retransmitida en directo por YouTube, o evento virtual, organízase arredor de 2 mesas redondas diarias entre as 18:00h.e as 20:00 h., e tratará temas como o fenómeno dos concertos en streaming, así como dúas mesas redondas específicas dedicadas á figura do promotor de festivais. O acceso e rexistro é de balde e aberto para calquera interesado na industria.

O certame Sonidos Mans de bandas emerxentes asegura premios aínda que non haxa festivais

Xénero: Miscelánea | 17 / 4 / 2020

imaxe non dispoñible

Os Estudios Mans da coruñesa Fundación Paideia manteñen aberta a convocatoria do seu certame de bandas emerxentes Sonidos Mans polo cal bandas que están a comezar poden actuar en festivais recoñecidos e gravar un tema e un vídeo de xeito profesional. Arestora xa teñen 150 proxectos inscritos para esta edición da competición que se está a levar a cabo con gravacións caseiras que un xurado composto por tres profesionais do sector musical escoitarán para decidir as finalistas. O xornalista Ángel Carmona de Hoy Empieza Todo de Radio 3, xunto á manager Keina García e o produtor Paco Loco, seleccionarán las 50 mellores propostas do panorama emerxente nacional. Os dez mellor puntuados pasarán directamente á fase final e os corenta restantes á fase de votación popular. Nesta edición do certame, condicionada pola incertidume xerada polo estado de alarma provocado polo COVID-19, desde Estudios Mans van asegurar 8 premios seleccionando unha banda por cada un dos festivais que se adhira á plataforma, e no caso de que non se puidera ter un festival por cada grupo seleccionado, Estudios Mans entregará un bono de merchandising por un valor aproximado ao coste da actuación. Ademais os gañadores tamén poderán gravar en Estudios Mans un tema e un vídeo en falso directo. O prazo segue aberto ata o vindeiro 27 de abril.

<< Inicio / Anterior . 791 a 800 de 3576 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR