Noticias
A Xunta vira o programa FEST Galicia cara a concertos virtuais
Xénero: | 20 / 5 / 2020
Logo de anular este 19 de maio a partida de 460.000 euros cos que se apoiaba a "adhesión á marca Fest Galicia para a temporada 2020" e os contratos de patrocinio con festivais de música, a Consellaría de Cultura e Turismo presentaba na mañá deste día 20 a alternativa coa que pretende adaptar este programa á actual situación de crise sanitaria. FEST Galicia en liña Xacobeo 2021 é o nome da proposta que coa que este departamento quere manter o seu apoio aoseventos integrados nesta marca. Deste xeito destinará ao novo programa un monto de 400.000 euros cos que se desenvolverán "a partir de xullo concertos online e outra serie de actividades particularizadas e consensuadas con cada unha das citas asociadas á marca".
Turismo anula os fondos para patrocinio de festivais no seo de FEST Galicia
Xénero: | 19 / 5 / 2020
O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe unha resolución pola que a Axencia de Turismo de Galicia deixa sen efecto "por causas sobrevidas diferentes convocatorias de concesión de subvencións, bolsas e patrocinios". En total, esta anulación libera 3.719.439,10 euros dos fondos desta entidade para 2020. Entre as partidas afectadas atópanse os 460.000 euros cos que se apoiaba a "adhesión á marca Fest Galicia para a temporada 2020" e mais "a realización de contratos de patrocinio con entidades privadas para festivais de música profesionais que se celebran desde o 1 de xuño ao 30 de setembro de 2020, considerados estratéxicos para o territorio xa que xeran un retorno publicitario para as marcas Fest Galicia e Xacobeo Galicia 2021".
A fin de semana das Letras deixa novos contidos sobre Carballo Calero
Xénero: | 18 / 5 / 2020
Os contidos arredor da figura de Ricardo Carballo Calero e para conmemorar o Día das Letras Galegas inzaron as redes durante toda a fin de semana. Documentais como De Carballo a Carvalho, realizado por Aser Álvarez para a Associaçom Galega da Língua puideron verse na TVG e continúan dispoñibles no web da canle. Do mesmo xeito, tamén o xornal ABC publicou un breve documental co título Unas letras para Carvalho. O web do Concello de Santiago, pola súa banda, ten dispoñible a publicación A derrota de Scórpio, obra que propón un roteiro pola cidade a través da figura do homenaxeado. Tamén a Afundación publicou un vídeo animado, realizado por Illa Bufarda, que repasa a traxectoria do veterano galeguista.
O Resurrection Fest resiste nunha edición especial en liña con fins benéficos
Xénero: | 18 / 5 / 2020
Apenas 48 horas despois de facer o anuncio do seu adiamento definitivo a 2021 o Resurrection Fest ven de anunciar unha edición de "resistencia" en liña para non deixar de celebrar este ano o seu 15 aniversario. Así, durante os días 3 e 4 de xullo (coincidindo cos que sería o festival) a organización levará a cabo o evento Resurrection Fest Estrella Galicia Online, un programa virtual con fins benéficos que incluirá programación en aberto de concertos inéditos, actuacións en directo, entrevistas especiais, reportaxes sobre o festival outros contidos que buscan levar á xente a vivir desde as súas casas ou onde estean, a experiencia Resurrection Fest de Viveiro. Durante estes dous días de evento en liña desde o "Resu" poñen toda esta loxística e organización ao servicio de boas causas e pediranse achegas solidarias voluntarias a varias iniciativas contra o coronavirus e a colectivos necesitados nestes momentos. Bandas nacionais e internacionais xa confirmaron a súa participación ao igual que o principal patrocinador Estrella Galicia. A actividade irá definíndose nas videiras semanas en canto a contidos e irá acompañada dun cancelo que reivindica a resistencia deste evento que é moito máis ca un festival, #elresuEGresiste.
Triángulo de Amor Bizarro farán en liña o primeiro concerto de presentación dun disco novo
Xénero: | 13 / 5 / 2020
A banda Triángulo de Amor Bizarro, presentaba o pasado marzo o seu quinto disco, no medio do peche forzado polo Estado de Alarma. O traballo, de nome homónimo á banda dado do revés, oɹɹɐzıqɹoɯɐǝpolnƃuɐıɹʇ (Mushroom Pillow), levantara moitas expectativas e non defraudaba. Agora a banda, co soporte de SON Estrella Galicia, o proxecto musical da marca cerveceira ven de anunciar o que será o primeiro concerto regular de presentación dun disco desta etapa actual. O vindeiro sábado 16 de maio a partires das 13:00 horas poderá verse un concerto coa banda ao completo nas plataformas dixitais de SON Estrella Galicia (YouTube, Facebook, Instagram e Twitter), no que interpretarán en exclusiva e por primeira vez en directo, os temas do novo álbum. Ademais o formato ofrecerá arranxos e instrumentación diferentes aos do disco, adaptados ás características do espazo, o que fará da experiencia algo único.
As pitas baixo a choiva vólvese virtual para achegar as crianzas a Carballo Calero
Xénero: | 13 / 5 / 2020
Un libro ilustrado, varias cancións e un espectáculo de Teatro dos Ghazafelhos. As pitas baixo a choiva era a proposta de Edicións Embora e mais da Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra para conmemorar ao longo desta primavera a Ricardo Carballo Calero, autor desta peza. Ante as dificultades derivadas da actual crise sanitaria para dar a coñecer o proxecto de xeito presencial logo da estrea do 23 de febreiro, as dúas entidades acordaron publicalo de xeito íntegro na rede.
Nace A ponte dos concertos para levar a música ao vivo a domicilio
Xénero: | 12 / 5 / 2020
A responder á problemática do sector da música ao vivo pola crise da Covid-19, os estudios de gravación A Ponte acaban de presentar o proxecto A ponte dos concertos. A nova iniciativa pretende fornecer a grupos e solistas cunha plataforma para actuar, con bo son, realización multicámara e iluminación axeitada no propio estudio. Desde alí realizarase unha emisión en streaming que permitirá ao público asistir ao espectáculo en directo desde a casa, cun chat en tempo real para interactuar coas bandas ou co resto da concorrencia. As retransmisións serán de pago e o recadación irá íntegra a músicos e músicas.
O WOS Festival renuncia a facerse este ano cunha edición 'desvirtuada'
Xénero: | 11 / 5 / 2020
A sétima edición de WOS Festival x SON Estrella Galicia, programada para setembro de 2020 non terá lugar este ano, cando menos non do seu xeito e co programa musical e artístico habitual desta cita compostelá. O WOS, programará só a unha data centrada nun foro de encontro de reflexión, a súa área de pensamento e discurso. A promotora Work On Sunday, organizadora do evento ven de comunicar esta decisión tomada no marco do contexto actual. "Non consideramos adecuado contratar nin anunciar artistas, senón que cremos que debemos centrar o foco do proxecto no seu papel como foro para o discurso e o pensamento, e poñer sobre a mesa a pregunta de como o que estamos a vivir cambiou e vai cambiar as nosas vidas", din desde a empresa organizadora. Proximamente anunciarán a data desa única intervención, que ademais de presencial como cada ano tamén poderá seguirse en liña.
A TVG2 emitirá a ópera A amnesia de Clio
Xénero: | 7 / 5 / 2020
A amnesia de Clio, ópera da compañía Voadora que chegou ás táboas o pasado mes de novembro, terá a súa estrea televisiva este 16 de maio. A segunda canle da TVG programa para as 22:45 horas unha emisión da obra composta por Fernando Buide sobre texto de Fernando Epelde, dirección escénica de Marta Pazos e Paul Daniel na dirección musical. Para o día 17, cara á media noite está prevista unha redifusión da montaxe que Voadora coproduciu co Consorcio da Música de Santiago, a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) e o Centro Dramático Galego, ademais da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago.
María Manuela recibirá o galardón honorífico dos Premios Martín Códax da Música
Xénero: | 6 / 5 / 2020
A Asociación Músicas ao Vivo, que organiza anualmente os Premios Martín Códax da Música, acordou outorgarlle o seu galardón honorífico á cantante María Manuela. Con este premio recoñece "a longa e comprometida traxectoria" da que considera "cantora referente da canción protesta e gran activista social, e unha loitadora incansable pola valorización da cultura galega". O colectivo salienta que esta é "unha homenaxe especial a unha muller igual de especial, querida e admirada por todo o que representa".


