Ir ao contido directamente.


Noticias

O Concello de Vigo asina un convenio por sete concertos coa Orquestra Vigo 430

Xénero: Clásica/Lírica | 15 / 6 / 2020

imaxe non dispoñible

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, deu conta a aprobación por parte da Xunta de Goberno local da subvención mediante convenio á formación musical Orquestra Vigo 430 para o financiamento do seu programa de concertos da presente tempada. O Concello achega 125.000 euros á formación musical para ofrecer sete concertos en distintos puntos da cidade, tendo en conta as condicións actuais derivadas da crise sanitaria do coronavirus. A Orquestra Vigo 430 tivo que suspender a súa programación de temporada prevista durante o Estado de Alarma, sempre co obxectivo posto en retomar as actuacións canceladas como a interpretación de A Paixón segundo San Xoán de J.S.Bach, e manter os compromisos acordados con músicos e directores coma Lina Tur Bonet, Sindy Mohamed ou Isabel Rubio. Aínda non hai datas para estes concertos A Orquestra Vigo 430 nace no ano 2005, formada principalmente por músicos profesionais e completada con expoñentes da canteira musical que xera o Conservatorio Superior de Música de Vigo, favorecendo a súa integración no ámbito profesional. Tamén en materia cultural, o goberno vigués ratificou a subvención nominativa por 5.000 euros ao Teatro Ensalle para o desenvolvemento da programación anual da sala que leva o seu nome.

Unha cantautora para o teu xardín

Xénero: Cantautor | 9 / 6 / 2020

imaxe non dispoñible

Ante as expectativas inmobiliarias actuais de que cada vez máis xente está a buscar casa con xardín ou leira onde pasar o verán ou onde entrar a vivir, sumadas a realidade da baixa actividade da música en directo, a cantautora Silvia Penide ven de facer da necesidade virtude e ofrecer os seu servizos a particulares nunhas determinadas condicións. Concerto na túa leira é o enunciado desta campaña pola que a artista ofrece a particulares que dispoñan dun espazo aberto a posibilidade de contratala para actuar en privado e nun abano de formatos que varían en canto á complexidade da posta en escena e o número de músicos a tomar parte. Os particulares que queiran gozar sos ou nunha reunión privada destes concertos deberán dispor dun espazo aberto non que poder asegurar as condicións de seguridade dos artistas, seguindo as normas de reunión e distanciamento estipuladas polas autoridades, así como de respecto ao entorno en canto a contaminación acústica. Silvia Penide ofrece para isto varios formatos, o máis básico o dela sóa, con guitarra e amplificación independente, pero tamén pode ir nun formato máis complexo acompañada por un ou varios dos músicos da banda coa que adoita facer os seus concertos: Paul Álvarez, Carla López e Bruno Couceiro. A artista ofrece así un abano de posibilidades que tamén supoñen diferentes orzamentos.

Guadi Galego e Xabier Díaz actuarán o 4 de xullo nun grande evento adaptado en Pontevedra

Xénero: Miscelánea | 8 / 6 / 2020

imaxe non dispoñible

A música galega volve a buscar reunir á cidadanía nunha experiencia colectiva con seguridade. O Concello de Pontevedra, na súa aposta pola volta á normalidade da cultura e en concreto da música ao vivo ven de presentar a celebración dun concerto especial no exterior do Pazo da Cultura a cargo de Xabier Díaz e Guadi Galego o vindeiro 4 de xullo. O evento será o xeito de fusionar os ciclos Voices e As Matinés do Principal, celebrados no Pazo da Cultura e o Teatro Principal, que deste xeito cobrarán vida nun espazo exterior onde se poidan levar a cabo os protocolos necesarios e asegurar as condicións de seguridade sanitaria previstas ao tempo que se promove o encontro da cidadanía arredor da cultura galega.

A Cidade da Cultura anuncia unha programación centrada no país

Xénero: Miscelánea | 8 / 6 / 2020

imaxe non dispoñible

Coa intención de contribuír á recuperación da actividade no sector cultural tras a crise da Covid-19, a Cidade da Cultura acaba de presentar a súa programación para o segundo semestre de 2020. Segundo explica o web desta entidade, reorientáronse os eventos previstos de xeito que "creadores, técnicos, traballadores e empresas galegos e galegas terán especial protagonismo na oferta prevista para os vindeiros seis meses, período no que se intensificarán os esforzos para dinamizar este sector".

A Xunta apoia o sector musical co programa de concertos Galicia Emerxe

Xénero: Miscelánea | 3 / 6 / 2020

imaxe non dispoñible

A Consellaría de Cultura acaba de anunciar a posta en marcha do programa Galicia Emerxe, destinado a apoiar o sector musical ante a crise da Covid-19. A iniciativa, que xa se adiantara entre as medidas a prol da cultura, contará cun orzamento de 500.000 euros e consitirá na gravación e emisión pola TVG das actuacións ao vivo de 50 artistas e grupos galegos. O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura acollerá ao longo do vindeiro mes de setembro o rexistro destes concertos, que se fará con público e a cumprir as correspondentes medidas sanitarias.

A activación repentista

Xénero: Folk | 2 / 6 / 2020

imaxe non dispoñible

Logo de anos a resistir como unha práctica tradicional minoritaria, coa asociación ORAL como principal baluarte, a regueifa está a conseguir novos espazos no noso país. Iniciativas didácticas, encontros, investigacións, actividades a través das redes ou o nacemento da Nova Regueifa Feminista están a sumar adeptos a esta forma e a achegala a ámbitos inéditos. Un recente estudo de Xián Naia sobre a cuestión pon de relevo como se organiza este subsistema no seo da cultura galega.

Portamérica e Ourenrrock pasan de adiar a confirmar xa os seus carteis artísticos para 2021

Xénero: Miscelánea | 29 / 5 / 2020

imaxe non dispoñible

Os festivais Portamérica de Caldas e Ourenrrock de Ourense presentaban hai ben pouco a cancelación e adiamento ao 2021 das súas respectivas celebracións en 2020 e carteis. Agora ambas citas veñen de confirmar a prevista continuidade do elenco artístico previsto neste ano para o seguinte, co cal a natureza de adiamento da mesma oferta con novas datas confírmase a tódolos efectos. Ademais os dous aseguran que ao "line-up" deste ano engadiránselle máis propostas artísticas de alto nivel, buscando o mantemento dos abonos xa mercados, en troques da súa devolución. O Ourenrrock xa anunciou que mantén para 2021 o cartel completo e coa mesma distribución por días, que serán entre o 27 e o 29 de maio. Xa entre o 1 e o 3 de xullo de 2021 Portamérica ten prevista a celebración do que será o seu décimo aniversario para o que xa teñen prácticamente confirmados todos os artistas e chefs do seu Showrockin que estaba programados para a edición 2020, o cartel xa ten esas 36 propostas musicais aseguradas.

O Náutico de San Vicente selecciona os oito proxectos musicais gañadores do certame Sonidos Mans

Xénero: Miscelánea | 29 / 5 / 2020

imaxe non dispoñible

De entre un total de 25 finalistas, 8 son as propostas ganadoras do concurso de bandas emerxentes Sonidos Mans. De entre as oito só unha delas, Mounqup, está vencellada á escena musical galega. é o proxecto de Camille Hédouin, co que está artista de orixe francés asentada en Galicia acadou xa o Premio Martín Códax de música Electrónica en 2018 e previamente o Premio Fran Pérez Narf da Deputación da Coruña cantando en galego. Ademais dela resultaron seleccionados Mississipi Queen & The Wet Dogs (Vizcaya); The Amsterdammers (Madrid); Adam Guerrero (Sevilla); Joseph (Barcelona); The Death of Robert (Barcelona); Guineu (Barcelona); Bosnio (Murcia). Esta nova edición do concurso, marcada pola crise da COVID-19, non puido contar coa habitual colaboración dos 8 festivales galegos nos que os grupos ganadores realizaban actuacións en directo. Pese ás dificultades, desde a Fundación Paideia Galiza - Estudos Mans decidiuse continuar apostando pola música en directo anunciando a colaboración do Náutico de San Vicente (O Grove), un local emblemático da música nacional. Miguel de la Cierva, do Náutico seleccionou ás 8 bandas emerxentes ganadoras de entre os 25 finalistas seleccionados por un xurado profesional composto por: Paco Loco, Keina García e Ángel Carmona, e por unha votación publica desde a web da plataforma. As bandas premiadas terán a oportunidade de gravar en Estudos Mans, ademais de escoller entre a posibilidade de tocar este verán no Náutico ou un bono de merchandising por valor do caché da actuación.

A organización de Espazos Sonoros anuncia a cancelación do festival

Xénero: Antiga | 28 / 5 / 2020

imaxe non dispoñible

Belén Bermejo, Directora artística de Espazos Sonoros, comunicou este 25 de maio a cancelación deste festival centrado na combinación entre espazos de interese cultural e música antiga e de raíz. Segundo sinalou nun comunicado "a Dirección Xeral de Políticas Culturais decidiu cancelar o festival cando xa estaba practicamente ultimada a vindeira edición, sen dar resposta a ningún dos compromisos que tiña asumidos, nin coa organización, nin cos artistas, e desentendéndose da posibilidade de adiar ou retomar o festival cando a situación sanitaria o permitise".

A Orquestra Sinfónica de Galicia leva a súa programación a Youtube

Xénero: Clásica/Lírica | 27 / 5 / 2020

imaxe non dispoñible

A adaptar a súa actividade aos requirimentos do actual estado de alarma, a Orquestra Sinfónica de Galicia acaba de anunciar que desenvolverá a porta fechada as súas vindeiras actuacións. O Teatro Colón acollerá entre o 3 e o 19 de xuño un total de nove recitais de cámara que se poderán seguir a través da canle de Youtube desta formación ás vinte horas. O dúo formado por Celine Landelle (arpa) e Claudia Walker (frauta) abrirán este programa o vindeiro 3 de xuño. A elas seguiranlles Ruslana Prokopenko (violonchelo), Florian Vlashi (violín), Raymond Arteaga (viola) e Steve Harriswangler (fagot) o día 4, mentres o 5 será a quenda do concertino da formación, Massimo Spadaño, acompañado de Luigi Mazzucato (viola) e María José Ortuño (frauta). A programación continuará ao ritmo de tres concertos semanais, segundo adianta a OSG.

<< Inicio / Anterior . 771 a 780 de 3576 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR