Ir ao contido directamente.


Noticias

Luar Na Lubre entra en temática Xacobea co seu novo disco 'Vieiras e vieiros, historias de peregrinos'

Xénero: Folk | 25 / 6 / 2020

imaxe non dispoñible

Luar Na Lubre publicará este venres, 26 de xuño, o seu 19º traballo discográfico: Vieiras e vieiros, historias de peregrinos. O álbum pon en valor as historias vinculadas ás persoas que percorreron, e hoxe en día seguen a percorrer, o Camiño de Santiago: Os seus peregrinos. O disco, editado por Warner Music e producido por Mirmidón, conta co apoio da Xunta de Galicia a través do programa O teu Xacobeo. Con este novo traballo a formación pon banda sonora ao Camiño de Santiago ao seu paso por Galicia a través de 27 temas nos que o grupo intercala as súas creacións con sonoridades propias dos sendeiros e lugares que percorre o itinerario xacobeo, ademais daquelas músicas tradicionais que perviviron ao longo dos tempos no territorio. O factor humano do Camiño de Santiago fía o relato do traballo artístico, que recolle vivencias persoais, feitos históricos, lendas e sonoridades vinculadas, intimamente, os diferentes carreiros da ruta, o antigo Camiño das Estrelas dos celtas. Bieito Romero, fundador do grupo, sinala que os temas deste novo álbum "visualizan historias de peregrinos chegados a Galicia que, desde Luar Na Lubre, recollimos en diferentes momentos e mediante diferentes vías, tamén por medio do relato de peregrinos modernos". O álbum acompáñase dunha recompilación de músicas relacionadas co Camiño de Santiago ao longo da traxectoria artística de Luar Na Lubre. Este segundo disco, no que aparecen cantigas versionadas polo grupo en anteriores traballos, conta con colaboracións de figuras recoñecidas como Pablo Milanés, Diana Navarro, Ismael Serrano, Miro Casabella, Carlos Jean ou mesmo a Orquestra Sinfónica de Bratislava.

Artistas do país homenaxean a Andrés do Barro cun vídeo colectivo

Xénero: Pop | 25 / 6 / 2020

imaxe non dispoñible

A coincidir co trinta aniversario do pasamento de Andrés do Barro, un grupo de artistas musicais do país acordaron facerlle unha homenaxe ao pioneiro do pop en galego. Saudade 2020 é o título do vídeo colectivo gravado desde o confinamento no que creadoras e creadores como Débora Silva, Carmela "Mihermanapequeña", Silvia Penide, Dani Ríos, Xavier Vizcaíno, David Prado, Álvaro Iglesias ou Marcos Mella, que tamén correu coa produción do proxecto, participan dunha iniciativa á que o caricaturista Gogue achegou a imaxe gráfica.

Segundo disco do proxecto Hi-Fi:Wi-Fi de Cé Tomé

Xénero: Electrónica | 22 / 6 / 2020

hifiwifi_madame.jpg

O polifacético artista vigués afincado en Bruxelas, Cé Tomé, presentou durante a etapa de confinamento mad:ame o segundo disco do seu proxecto Hi-Fi:Wi-Fi. Dacabalo entre o electrónico e o acústico, Tomé, que tamén usa o alias MisterChoco, presenta un disco con sete cortes que reconcilian o analóxico e o dixital nunha experimentación que non refusa unha escoita para o baile. A sonoridade en conxunto de mad:ame , dentro da súa enorme variedade tema a tema, achega tamén unha constante sensación tribal e telúrica. As pezas, longas de entre 5 e 9 minutos, permiten ao artista introducir todo tipo de recursos dixitais como sintetizadores e "samples", ou analóxicos con instrumentos de percusión de diversas culturas para levar a escoita á creación dunha atmosfera cosmopolita no sentido máis exótico e aberto do termo. O disco foi autoproducido contando coa colaboración de Pablo Martín en Vigo. mad:ame está dispoñible na plataforma Bandcamp e dispón dunha edición limitada en CD.

Isius é máis banda no seu segundo traballo 'Fox &Castle'

Xénero: Pop | 19 / 6 / 2020

ISIUS_FOXCASTLE.jpeg

Fox & Castle (Ernie Records, 2020) é o segundo exercicio discográfico do grupo vigués Isius, tan só un ano despois de Songs from Everywhere (Ernie Records, 2019). A diferencia daquel debut, moi baseado arredor de José Viqueira e Nuria Moreu como dúo, neste novo traballo asistimos a unha creación máis grupal, no que o conxunto de músicos que os acompañaban nos directos son agora parte do grupo e no que cada un vai achegando a súa riqueza creativa a un repertorio que dá un resultado máis variado pero coherente no conxunto do disco. Carlos Gil, Roberto Cibeira, Alberto Iglesias, Edu Romero e o propio Viqueira son agora Isius. Nove temas cantados en inglés conforman este álbum, tres de Gil e o resto de Viqueira, no que os ISIUS poñen de manifesto as súas sinaturas sonoras: unha clara herdanza do rock alternativo de autor más melódico (ao fío de Nada Surf, Death Cab for Cutie, Built to Spill ou Silversun Pickups), pero que tamén ten claras achegas ao folk-pop ao estilo dos desaparecidos Niño y Pistola, que tamén estaban baixo o selo de Ernie Records, con melodías pop máis universais. Temas como o potente On your bike e o melancólico Come on over serviron de adianto deste disco no que ademais Viquera asina unha sentida canción, 71m Under, dedicada ao pequeno Julen, o neno falecido tras caer nun pozo en Totalán. Fox & Castle, que consigue unas elegantes texturas sonoras e un acabado de calidade, foi gravado, producido y mesturado por Carlos Gil, guitarrista da banda, no local de ISIUS, e masterizado por John Davis en Metropoli Studios de Londres.

Boyanka Kostova saen a rachar co novo disco 'Os dous de sempre'

Xénero: Hip-Hop | 18 / 6 / 2020

BoyankA_dousdesempre.jpg

Boyanka Kostova viña de sacar Nova Canción Galega (Mushroom pillow, 2019) e non agardou moito antes de dar outro paso, neste caso con Os dous de sempre(Mushroom Pillow) tiran xutamente do título da novel de Castelao para facer un traballo que achega aínda máis os cernes da música tradicional ao trap en galego do que son un referente. Con este novo álbum os Boyanka van con toda liberdade nos seu sete temas, explorando e incluíndo detalles como un "sampleado" dun dos diálogos de Ernesto Chao en Pratos Combinados para o tema Restaurantes. Son inevitables, escoitando temas como Muinheira de Interior co que fixeron o lanzamento en vídeo, as lembranzas de aqueles temas de Os Resentidos no revolucionario Fai un sol de carallo (Grabaciones Accidentales, 1986) e eles mesmo declaran a súa condición de herdeiros neste sentido. Boyanka Kostova utilizan sen miramento os ritmos e sons urbanos para dar voz ao entorno rural. Tampouco rexeitan tirar da súa perspectiva aceda para tratar asuntos de actualidade como a controvertida personalidade do alcalde de Vigo en Abel the Knight. Noutros dos temas o dúo mantén un enfoque hip-hop máis ortodoxo. O disco tamén permite ao dúo formado por O Chicho do Funk e $aibran Gx2 tirar deses ritmos tropicais que forman parte da súa carta de presentación, tanto neste proxecto coma noutros paralelos que manteñen.

O Silfest Valdeorras apraza a súa edición 2020

Xénero: Miscelánea | 18 / 6 / 2020

imaxe non dispoñible

Este 23 de xullo non marcará, como estaba previsto, o comezo da edición 2020 do Silfest de Valdeorras. A organización do evento decidiu aprazar a realización desta xeira a sinalar "a falta dunha normativa específica sobre a realización de festivais así como de medidas de seguridade concretas para ditos eventos". No entanto, aseguran estar a traballar para reacomodar o festival en novas datas durante este mesmo ano, "sempre que sexa posible garantir a seguridade e cumprir coas normas esixidas polas autoridades". Segundo adiantan, as entradas adquiridas serán válidas para as novas datas e en breve se anunciará o mecanismo de devolución para quen as queira devolver. Polo momento non se fixera público o cartel da nova edición deste festival que se celebra ao longo de tres días na praia fluvial do río Sil no Barco de Valdeorras.

O circuíto Directos Xacobeo21 calcula impulsar ata 160 concertos en salas entre xullo e outubro

Xénero: Miscelánea | 17 / 6 / 2020

imaxe non dispoñible

Co obxectivo de contribuír á recuperación da actividade das salas privadas de concertos e dos profesionais galegos da música ao vivo no contexto poscovid-19 nace o programa Directos Xacobeo'21 en Salas, que a Xunta de Galicia pon en marcha xunto á Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura no marco do plan autonómico de reactivación dos sectores cultural e turístico. A Consellería de Cultura e Turismo financia integramente este ciclo, para o que conta cun orzamento de 400.000 euros a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Directos Xacobeo'21 en Salas desenvolverá entre os meses de xullo e outubro unha programación de ata 160 concertos protagonizada exclusivamente por solistas e grupos galegos de todos os estilos nun máximo de 40 salas das catro provincias, integrantes ou non da devandita asociación. Serán os propios responsables das salas os encargados de configurar os seus respectivos carteis a partir de todos os solistas ou bandas inscritas, tendo en conta ademais que cada proposta artística poderá contar cun máximo de dous concertos programados. Tanto a capacidade como as condicións hixiénico-sanitarias de cada un dos eventos atenderá ao que, en cada momento, ditaminen as autoridades competentes para a celebración de espectáculos públicos. Ademais, todos eles serán gravados e editados para a súa retransmisión en liña a través de diferentes plataformas audiovisuais.

O Museo Mundo Estrella Galicia reabre este venres cun festival musical internacional

Xénero: Miscelánea | 17 / 6 / 2020

imaxe non dispoñible

O Museo MEGA (Mundo Estrella Galicia) abrirá de novo as súas portas este venres 19 de xuño e para a ocasión prepara un gran evento de carácter cervexeiro e musical que se emitirá a través das redes sociais da marca Estrella Galicia. Tomando sempre como referencia as cifras identificativas dun dos seus produtos , o 1906, o espazo abrirá o día 19/06 ás 19:06 horas, para que o público poida realizar un paseo virtual por algunha das salas do espazo expositivo dedicado á historia desta marca de cervexas. O paseo virtual dará paso ao 19.06 Soundbrewing Festival, un evento musical intercontinental en liña que SON Estrella Galicia celebrará reunindo nun mesmo escenario interpretacións presenciais e en liña. Os artistas galegos Laura LaMontagne & Pico Amperio, serán os encargados de arrancar o festival en directo desde o propio MEGA en A Coruña. Os galegos traerán a súa particular visión do folclore pasado por filtros de electrónica, hip-hop e trance engadindo un traballo de videocreación que converte os seus espectáculos en obras de arte. Califato ¾ farán o seu concerto desde a súa cidade, Sevilla. Hotelo e Porridge Radio, representando a expansión internacional que afronta Estrella Galicia por territorios como Latinoamérica o Europa, farán os seus directos desde São Paulo (Brasil) e Londres (UK) respectivamente. O evento poderá seguirse desde as redes sociais de SON Estrella Galicia, de MEGA y tamén desde as de Estrella Galicia España, Reino Unido e Brasil.

Zënzar actualizan o futuro ao que apuntaban en 1997 co seu novo disco

Xénero: Rock | 16 / 6 / 2020

capa_benvidas_futuro_zenzar.jpg

Xa está dispoñible o novo disco da veterana banda de rock de Cerceda, Zënzar. Benvidas ó futuro (Inquedanzas Sonoras, 2020) é o décimo traballo deste grupo de punk rock que leva trinta anos facendo soar os decibelios, sempre cunha mensaxe combativa que retrata os seus tempos. Por primeira vez na historia de Zënzar, un disco é composto, gravado e deseñado unicamente por membros da banda. Coa referencia clara e actualizada ao seu primeiro disco Disparado ó futuro, neste novo traballo o grupo inclúe revisións dalgúns temas do seu pasado e novas composicións nas once pistas da súa edición estándar. Tamén está dispoñible unha edición especial en USB que inclúe unha selección de 32 temas de discos (e unha maqueta) anteriores. Como exemplo desa mestura entre o novo e o anterior os dous temas cos que Zënzar fixo avances deste Benvidas ó futuro, son a revisión dun dos seus clásicos, A culpa foi de Leño, e unha das novas composicións, Todo se extingue, asinada por todos o compoñentes actuais da lonxeva formación: Laura Romero, Manolo García, Mario Grela, Paco Cerceira e Xosé Ramón Bocixa. Ademais xa teñen dous vídeos dete novo álbum: o de A culpa foi de Leño, e Standing Rock

Falece o xornalista e escritor Emilio Alonso Pimentel

Xénero: Miscelánea | 15 / 6 / 2020

imaxe non dispoñible

Este 14 de xuño falecía en Vigo Emilio Alonso Pimentel, xornalista especializado en música e escritor, aos 61 anos de idade. Pimentel, que publicou en edicións xerais Vigo a 80 revolucións por minuto (2011) e mais Mercurio (2009) fora galardoado co VIII Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia por este último traballo. Ademais, foi autor de ¡Po! Diario de un viaje a Palestina.

<< Inicio / Anterior . 761 a 770 de 3576 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR