Ir ao contido directamente.


Noticias

Facer recollidas hoxe

Xénero: Miscelánea | 30 / 9 / 2021

imaxe non dispoñible

Nun momento no que os arquivos sonoros reclaman a súa importancia na creación musical do país, aparece a cuestión de onde fica o traballo de recollida da tradición. Fronte ás voces que sinalan que xa non é posible conseguir nada novo neste ámbito, investigadoras como Xulia Feixoo reivindican a necesidade de seguir achegándose ás fontes. O proceso, no entanto, enfronta tamén a problemática dos dereitos destas persoas sobre ese material. Abordamos con esta entomusicóloga as posibilidades das recollidas contemporáneas.

A gaita e os seus intérpretes nas paredes do museo

Xénero: Folk | 29 / 9 / 2021

imaxe non dispoñible

O Museo de Pontevedra inaugura mañá a exposición "Gaiteiraos" no claustro do edificio Sarmiento. Esta mostra presenta un total de 35 debuxos de recoñecidas gaiteiras e gaiteiros de Galicia feitos polo artista César Lombera, moi coñecido pola súa faceta de escultor. A través destes 35 debuxos Lombera pretende reivindicar a figura do gaiteiro como un exemplo do patrimonio inmaterial galego. Avelino Cachafeiro, Ricardo Portela, Susana Seivane, Carlos Núñez, Cristina Pato, Os Trinta de Trives, o gaiteiro de Guillarei e os de Soutelo, son algunhas das persoas representadas nos gravados reunidos nesta mostra que abrirá ao público tralo acto de inauguración que terá lugar o xoves, día 30 de setembro, ás 20:00 h e poderá visitarse ata o 28 de novembro. O capitel de Melide, unha peza do século XIV pertencente á colección do propio museo provincial, complementa esta proposta expositiva dado que representa nunha das súas faces unha escena musical que inclúe un laúde e unha gaita. Na mostra, ademais, poden coñecerse explicacións sobre a orixe da gaita e a súa área de expansión.

Cita co rock galego para o outono na Estrada

Xénero: Rock | 29 / 9 / 2021

imaxe non dispoñible

Un novo festival ven de sumarse ao circuíto galego destes eventos e faino deslocalizándose temporal e xeograficamente , colocándose no calendario de outono escaso destes eventos, centrándose no rock de artistas e bandas galegas e ademais convocando desde a Galicia interior, na Estrada, unha localidade que xa tivo algúns intentos previos de organizar este tipo de evento, sen resultado ata agora. A primeira edición do festival Son dos arrieiros da Estrada, organizada desde a produtora Dotbeat! ofrece un programa que se desenvolverá na Fundación de Exposicións e Congresos desta localidade pontevedresa na fin de semana do 29 e 30 de outubro. A proposta de O son dos arrieiros, ideada como un festival de mediano formato e cunha capacidade fixada inicialmente nunhas 550 persoas, está fundamentada no rock, dentro do que abrangue moi diferentes estilos, ademais de ter en conta a perspectiva de xénero con bandas integramente femininas como Bala e Agoraphobia e a sesión de Señora DJ, quen picará música feita, cantada e tocada por mulleres. O cartel. Xa presentado, inclúe tamén nomes como Novedades Carminha, Heredeiros da Crus e Terbutalina.

Un documental en liña recolle a historia do festival Cantos na Maré

Xénero: Miscelánea | 29 / 9 / 2021

imaxe non dispoñible

A evolución do festival Cantos na Maré desde a súa xestación en 2003 en Pontevedra ata a súa primeira edición compostelá. Este é o contido de Cantos na maré, 2003-2020, que se presentou o pasado 22 de setembro a coincidir coa última xeira do evento e que chega agora ás redes. O web da Secretaría Xeral de Política Lingüística recolle o audiovisual íntegro, que participou do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21.

A Reixa trae ao galego as historias de Little Neno

Xénero: Pop | 28 / 9 / 2021

imaxe non dispoñible

As aventuras dun cativo que, cada vez que soña, coñece unha banda histórica da música pop e rock. Esta é a premisa da colección "Little Neno", unha proposta que procura achegar os máis cativos á música con textos de Dani Llabrés e debuxos de Jaime Pantoja, e que agora ve a luz na nosa lingua. A tenda compostelá A Reixa dá o paso á edición cos dous primeiros volumes do proxecto, Little Neno descobre os Beatles e Little Neno descobre os Rolling Stones.

Paraíso Canto e Charanga Trébede gañan o certame Interritmos

Xénero: Folk | 28 / 9 / 2021

imaxe non dispoñible

A nova edición do certame 'Interitmos: Sons do Rural' rematou coa proclamación das bandas Paraíso canto e Charanga Trébede como gañadoras tras da audición levada a cabo esta fin de semana pasada no Naútico de San Vicente do Mar entre as seis formacións finalistas. O Concurso, organizado polos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) coa Asociación de Desarrollo Local Deloa, está destinado a propostas musicais instrumentais ou vocais, de ata un máximo de 8 compoñentes, con traballos que versen tanto na recreación ou evolución de pezas tradicionais, como en pezas de nova creación que beban da música de raíz. Este certame busca promover a cultura como motor de desenvolvemento territorial, así como dar visibilidade e potenciar a profesionalización de grupos e bandas que apostan pola evolución da música tradicional e de raíz.

O Xacobeo relanza a verbena con sete festivais e 50 orquestras

Xénero: Miscelánea | 23 / 9 / 2021

imaxe non dispoñible

Co sector pendente do enunciado final do Decreto que traerá un novo nivel de apertura e capacidades para os eventos culturais, tal como avanzou onte en rolda de prensa o Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a Xunta de Galicia ven de presentar a celebración co seu apoio de sete festivais nos que actuarán 50 coñecidas orquestras galegas e que terán lugar durante esta fin de semana na Coruña, Narón, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, ademais de na área de Lugo nunha data próxima que será confirmada nos vindeiros días. Este circuíto intensivo enmárcase dentro da programación do Xacobeo 21-22, ao tempo que supón un importante reforzo da axuda económica que as empresas deste ámbito veñen recibindo por parte do Goberno galego para lles facer fronte aos efectos da crise sanitaria.

Homenaxe a 'Narf' en Boiro

Xénero: Cantautor | 23 / 9 / 2021

imaxe non dispoñible

A Pousada da Galiza Imaxinaria en Boiro acollerá este venres un acto en lembranza ao músico e compositor Fran Pérez 'Narf' (1968-2016), organizado pola área de Cultura da Deputación da Coruña e polo Concello de Boiro. Esta cita inclúe a presentación dunha páxina web que recolle a vida e traxectoria do artista e un concerto da banda Caldo, gañadora da pasada edición do concurso 'Narf' para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña.

Emerxencia Cultural Ourense leva a reflexión ás rúas da cidade

Xénero: Miscelánea | 22 / 9 / 2021

imaxe non dispoñible

A evolución da cultura galega, o urbanismo, a literatura ou a música danse cita nas xornadas Pe(n)sar a(s) Cultura(s) que convoca para os vindeiros 25 e 26 de setembro a plataforma Emerxencia Cultural Ourense na Cidade das Burgas baixo o lema "Memoria para esquecer a historia". A continuar a súa denuncia da situación da cidade neste campo, o colectivo propón as rúas e prazas da cidade como espazos para a reflexión.

Máis de medio centenar de concertos no 30 aniversario da OSG

Xénero: Clásica/Lírica | 21 / 9 / 2021

imaxe non dispoñible

A Orquestra Sinfónica de Galicia ven de presentar a súa programación para a temporada na que celebra o seu 30 aniversario. A formación ofrecerá más de medio centenar de concertos ao longo da temporada que agora comeza e na que ademais regresa, tras un circunstancial paso polo Teatro Colón, ao Pazo da Ópera da Coruña tras un novo acordo coa concesionaria do espazo. A que será a novena temporada baixo a dirección musical de Dima Slobodeniouk trae, por primeira vez, a presenza da OSG na temporada de abono da Orquesta Nacional de España con tres concertos no Auditorio Nacional de Madrid, así como o regreso a Oviedo cun concerto coa dirección de Juanjo Mena.

<< Inicio / Anterior . 531 a 540 de 3576 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR