Ir ao contido directamente.


Noticias

Blanco Palamera espallan 'INTIMIDADE' co seu novo disco

Xénero: Pop | 4 / 5 / 2022

intimidade_blancopalamera.jpg

Despois das 'Promesas'(Raso estudio, 2019) coas que acadaron atención e boas críticas ao dúo compostelán Blanco Palamera xa lle tocaba dar algo máis aos seus seguidores, que non son poucos. 'INTIMIDADE' (Raso estudio , 2022) así, con maiúsculas, é o seu segundo traballo co que pretenden deixar claro en que consiste a proposta do "novo pop". Manu Blanco e Xoán Domínguez presentan en 11 cancións un repertorio cálido de melodías elegantes con texturas sensuais entre o funk, o tropicalismo, a electrónica, o groove e o R&B. Temas sempre con carga de intimidade, coherentes co título do álbum, e honestidade, que xogan co murmurio como proposta vocal e que ofrecen pílulas musicais que van dos menos de dous minutos de 'Adentro' ou 'Con los Angelitos', un arrolo, aos case seis minutos de 'Cando duele', co que pechan este traballo. A 'INTIMIDADE' de Blanco Palamera atoparase xa co seu público este mesmo 13 de maio na sala viguesa La Fábrica de Chocolate e o día 4 de xuño en Santiago, xogando en casa, na Sala Malatesta. O disco editado por Raso estudios está dispoñible tamén nunha edición en vinilo.

O que non se escribe achega formación, música e debate Compostela

Xénero: Folk | 3 / 5 / 2022

imaxe non dispoñible

"Unhas xornadas de aprendizaxe e experimentación sobre o noso patrimonio sonoro, unha posta en común dos proxectos máis actuais arredor da música tradicional desde unha óptica tan propia como global. Un proxecto único que pon no foco o proceso desde o máis antigo ao máis contemporáneo". Así se presenta a segunda edición de O que non se escribe, o encontro sobre arquivos sonoros e creación contemporánea que desenvolve o groso da súa actividade en Compostela entre o 12 e o 15 de maio.

As fusións coa música tradicional triunfan nos Premios MIN

Xénero: Fusión | 28 / 4 / 2022

imaxe non dispoñible

A XIVª edición dos Premios MIN da música independente en España desvelou onte os seus premiados e a música galega sae desa cita con tres galardóns. A revisión da nosa música tradicional que se está a facer cun cada vez maior éxito de público e crítica viuse referendada por estes galardóns. O fenómeno do ano, as Tanxugueiras, recibiron nesta ocasión o Premio AIE a Mellor Artista Emerxente do Ano en España polas cancións como 'Terra' coa que foron finalistas de Eurovisión. O premio foi un dos catro aos que eran finalistas. As tres cantareiras conseguen así o seu segundo premio MIN, xa que gañaron outro co seu traballo de debut en 2018 como mellor disco en galego do ano. Pola súa banda, outro dos representantes da reinterpretación da tradición, xa desde o enfoque da música electrónica que devén en folktrónica, Baiuca, alzouse con dous importantes premios polo seu recente traballo 'Embruxo' (Raso estudio) co que xa conseguira antes ser finalista do Premio Ruído da Asociación de Periodistas Musicales conseguiu neste certame da música independente ser recoñecido como a Mellor Gravación de Música Electrónica. Ademais o álbum venceu na categoría de producións en idioma galego. O artista acada así dúas das oito candidaturas finalistas nas que chegou a estra presente nesta edición dos galardóns. Baiuca foi ademais o encargado de clausurar a gala dos premios en Pamplona coa súa actuación.

O VIº Jazz de Ría chega ata Cedeira

Xénero: Jazz/Blues | 27 / 4 / 2022

imaxe non dispoñible

Será de novo en agosto, do xoves 11 ao domingo 14, cando chegará unha VIª edición desta cita co jazz xa consolidada. Ademais das actuacións previstas nos concellos de Neda e Naron o evento exténdese pola costa Ártabra chegando nesta ocasión ata o concello de Cedeira. O festival ofrecerá unha programación que se achega ás marxes do jazz a través de propostas que xogan con outros estilos como o soul, o flamenco ou as músicas populares.

O festival Pórtico do Paraíso volve apostar pola excelencia internacional

Xénero: Clásica/Lírica | 20 / 4 / 2022

imaxe non dispoñible

A décima quinta edición do festival de música clásica e antiga Pórtico do Paraíso, de Ourense, ofrecerá catro actuacións de artistas de Portugal, Corea e Estonia. Música vocal, guitarra, arpas e piano con orquestra conforman o abano da diversidade que ofrecerá esta cita da provincia organizada pola Asociación Pórtico Musical, que levará estes catro concertos entre o 29 de abril e o 8 de maio a catro espazos diferentes e emblemáticos da provincia.

Mantense a loita dos músicos por Vigosónico

Xénero: Miscelánea | 18 / 4 / 2022

imaxe non dispoñible

A plataforma Grupos de Vigo en Loita ven de denunciar de novo a situación das salas de ensaio de Vigosónico. Despois que o goberno municipal respondera ás primeiras protestas anunciando publicamente a reapertura inminente destes servizos municipais para o pasado 25 de febreiro, os músicos vigueses reunidos neste colectivo sinalan que máis de seis semanas despois, esta reapertura aínda non tivo lugar. A plataforma denuncia que o goberno municipal non está respondendo ás súas peticións de información ao respecto, e esixe que se poña unha data real de reapertura e se informe aos grupos sobre o servizo e as condicións do mesmo. En palabras do colectivo, "o desinterese absoluto non só por dar o servizo que demandan as bandas de Vigo, senón simplemente por atender ás súas demandas e ter a máis mínima comunicación con elas, contrasta co triunfalismo trasladado polo alcalde aos medios de comunicación", aseguran. "Os feitos, finalmente, son os que son, e as salas seguen pechadas e sen ningunha perspectiva de abrir", conclúen desde o colectivo.

Galegote Rock volta á normalidade no Xº aniversario

Xénero: Miscelánea | 12 / 4 / 2022

imaxe non dispoñible

A aposta pola música moderna en galego celebra o seu décimo aniversario en Pontevedra ao chegar a esa edición o Galegote Rock. Este festival de música en directo está promovido pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra para dar a coñecer a intérpretes e grupos de distintos estilos musicais co denominador común de usar o idioma galega nas súas cancións. Nesta nova edición que terá lugar entre o 28 e o 29 de abril o Galegote Rock volve aos locais de Pontevedra recuperando a súa esencia, logo de dous anos de pandemia. En total serán doce concertos a celebrar de novo en pé e tanto en espazos ao aire libre como dentro das salas pontevedresas habituais deste circuíto.

Xabier Díaz recorre á infancia como base para unha actitude positiva

Xénero: Melódica | 11 / 4 / 2022

portada_LevantarseCaer.jpg

Xabier Díaz lanza novo traballo en solitario, 'Levantarse e caer' , que xa está dispoñible desde o pasado venres en todas as plataformas. Este novo traballo do cantor é paralelo ao seu percorrido xunto a Adufeiras de Salitre, coas que leva xa tres discos publicados. Agora Díaz, con este álbum de 10 temas que navegan entre o son tradicional galego, a música melódica e os arrolos, afonda, segundo a súa presentación, nos sentimentos de benestar, autocoñecemento e bondade, e na relevancia das experiencias infantís na construción dos nosos eus adultos e para basear sobre iso a nosa capacidade de resiliencia. Xabier explora os recordos da infancia, a perspectiva adulta do éxito e a necesidade de querer e querernos máis e mellor como unha forma de sandar as feridas e construír unha realidade máis amable. O primeiro avance do disco, o tema homónimo 'Levantarse e Caer', vía a luz o pasado mes de marzo e pasaba inmediatamente a coarse entre os temas en galego máis escoitados en todas as plataformas. Tras el chegaba 'María e a Curuxa', un arrolo de patrón suave e doce.

Xa está dispoñible o 'Segmento Cantábrico' de Ugía Pedreira

Xénero: Fusión | 8 / 4 / 2022

segmentocantabrico_apedreira.jpg

Desde hoxe xa está dispoñible ao completo nas plataformas dixitais '𝙎𝙚𝙜𝙢𝙚𝙣𝙩𝙤 C𝙖𝙣𝙩𝙖́𝙗𝙧𝙞𝙘𝙤' o disco de Ugía Pedreira, 'A Pedreira', como asina neste primeiro traballo en solitario dunha artista que ten unha traxectoria anterior que inclúe outros trece traballos discográficos en diferentes proxectos, desde Marful a Nordestin@s, ecléctica Ensemble ou Acróbata. Este traballo inclúe un minipoemario, 'Atalaia Norte', e entre os dous formatos a Pedreira dirixe a súa intención a sinalar a relación entre pobos e tribos creada historicamente pola comunicación a través do mar Cantábrico. A artista mira desde Castropol, onde reside e Foz, de onde procede, para a costa galega, asturiana, vasca e bretoa especialmente.

A chuvia non para a festa da música

Xénero: Miscelánea | 8 / 4 / 2022

imaxe non dispoñible

A pesares da meteoroloxía ou xa contando con ela, como o seu propio nome indica, celébrase esta fin de semana en Rianxo a Festa da Chuvia, unha cita coa música galega en directo que inclúe ademais outras actividades. Impulsada pola banda ribeirense A Companhía do Ruído desde o ano 2002, volve á axenda do barbanza este evento que inclúe concertos nos que varias bandas presentarán os seus novos traballos discográficos; demostracións en vivo de composicións de cancións; obradoiros de cantigas ou poéticos; xogos e actuacións en acústico en diferentes escenarios. O sábado nove actuarán na vila Boroa; Os Bar Ban Sónicos, Nando Pérez; Chamaquito Pistolas; Tecor societario; Radio Zapa; Grampoder; Broa e Machina. Ademais o domingo partirá do porto de Rianxo o Barco da Chuvia, que ofrece unha programación propia de concertos e comida a bordo. O festival ofrece un servizo de buses que une as principais localidades do Barbanza.

<< Inicio / Anterior . 441 a 450 de 3576 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR