Noticias
A Caricia da Serpe presenta o seu segundo disco “O Sorriso do Diaño”
Xénero: | 20 / 12 / 2007
A música de A Caricia da Serpe é difícil de clasificar, blues de Nova Orleáns, pop, rock, reggae, flamenco, referencias a bandas sonoras cinematográficas, cancións populares revisadas e tangos, e sempre cun marcado carácter literario. Co novo disco “O Sorriso do Diaño”(Wonderland) A Caricia da Serpe cumpren 10 anos da súa formación como banda e neste novo traballo presentan doce temas que inclúen poemas e cancións escritos por Lino Braxe e musicados por Rómulo Sanjurjo e Miguel Ladrón de Guevara. Con respecto ao seu anterior traballo “A caricia da Serpe” (Wonderland, 2005) a banda aposta moito máis pola música orixinal e ofrece menos versións que noutras ocasións. En canto ós contidos, o grupo, tenta achegarse aínda máis ás preocupacións sociais. O traballo será presentado o venres, 21 de decembro na FNAC de A Coruña e o xoves, 27 o Teatro Rosalía de Castro da mesma cidade será o concerto de presentación.
Máis información en MeGA sobre A Caricia da Serpe
Debut dunha cantante con 82 anos de “xuventude acumulada”
Xénero: | 19 / 12 / 2007 + IMAXES + VIDEO
A Señora Carmen, compoñente do grupo Malvela, debuta en solitario con “Na flor dos meus anos” (PAI Música) arroupada por colaboracións tan importantes como as de Dulce Pontes, Xosé Manuel Budiño, Uxía ou Rodrigo Romaní no eido musical e os textos do escritor Fran Alonso no libro que acompaña ao disco e no que dá conta da vida desta muller singular. Co grupo Malvela, que xurdiu a partir dun cursiño de cantos populares dirixido pola cantante Uxía, a Señora Carmen presentou este mesmo ano o seu terceiro disco “Da miña xanela á túa” (PAI Música) conseguindo unha grande aceptación con numerosos concertos dentro e fóra de Galicia. O carisma e paixón musical desta muller fixo que pronto os produtores se fixasen nela para a elaboración dun disco propio. "Na flor dos meus anos" componse de 12 pezas de corte tradicional cheas de sentimentos nas que conta a súa vida mergullándose na Galicia que viviu de nena. Ademais do CD e o libro o paquete complétase cun DVD cun documental sobre a vida desta muller e varios vídeos das cancións así como da gravación nos estudios Casa de Tolos. O disco presentarase este venres, 21 de decembro, ás 12:00 horas no CGAC de Santiago.
Máis información en MeGA de Malvela
Doce anos de vida e cambios de Pai da Cana recollidos nun só disco
Xénero: | 18 / 12 / 2007
O Grupo de Música Tradicional Pai da Cana recolle no seu novo disco, paidacana12 (Edicións do Cumio, 2007), os 12 anos de traxectoria do conxunto amosando as distintas formacións musicais que foi adoitando, así como unha parte do seu repertorio a través do que se pode percibir a súa evolución musical. O grupo, formado en 1995 na asociación cultural do mesmo nome de Poio, ten un repertorio de pezas das charangas galegas que existiron no país e mais en América dende finais do século XIX, ritmos importados coma o vals, a mazurca, a polca, a ranchera, o tango ou a rumba, que na altura se relacionaban co progreso e a modernidade, e outras pezas tradicionais arranxadas dentro desta estética musical de entreséculos que tamén levan ao seu vestiario de actuación. Na charanga de Pai da Cana a gaita e o acordeón se funden cos instrumentos propios das bandas de música como o clarinete, o saxofón, a caixa e o bombo con pratos. Forman o grupo María Vidal, Miguel Dopazo, Diego Rodríguez, Iria García, Oscar Pazos e Carlos Mouriño, baixo a dirección e arranxos de Óscar Ibáñez. O CD presentarase no Teatro Principal de Pontevedra o día 28 de decembro ás 20:30 horas, entrada libre.
Desde o sur de Galicia ao sur dos Estados Unidos co primeiro disco de MCarballo
Xénero: | 17 / 12 / 2007 + VIDEO
Zouma Records presenta o disco “On your pillow”, primeiro do músico ourensán Manuel Carballo (1967). O disco, asinado co nome artístico MCarballo, combina o blues, folk e country americanos nos seus 11 temas de composición propia nos que Carballo dá homenaxe aos seus músicos de referencia. Sete das cancións de “On your pillow, incluíndo a que dá nome ao disco, son en inglés e as restantes en castelán. O disco foi gravado nos estudios Desfase Sound coa produción e arranxos de Fasero, que tamén intervén musicalmente coa súa guitarra. As colaboracións musicais no CD inclúen aos outros compoñentes de Mutenrohi ao completo e a Fernando Calvo, de Los Suaves.
Tino Baz presenta o primeiro disco en solitario da súa extensa carreira de cantor
Xénero: | 17 / 12 / 2007 + VIDEO
Cinsa namorada ( PAI Música), é o primeiro traballo discográfico en solitario do artista guardés Tino Baz, músico de longa traxectoria en grupos como A Roda ou o Orfeón Treixadura. O disco, gravado en casa de Tolos coa produción de Segundo Grandío, ten como finalidade crear un soporte sonoro da obra de Baz como autor, músico e cantor. As once pezas que compoñen este proxecto, son músicas e textos de Tino Baz xunto a un poema da escritora luguesa Marica Campo. O veterano músico Moisés Quintas asume a dirección artística de Cinsa namorada e coordina a participación dos distintos instrumentistas que interveñen no proxecto. O disco presentarase ao público o vindeiro 19 de decembro no Centro Cultural da Guarda, ás 20 horas.
Aínda non comezaron as clases de oito materias da Escola de Artes e Oficios de Vigo
Xénero: | 14 / 12 / 2007
O proceso de regularización dos profesores da Escola de Artes e Oficios de Vigo, que afectaba en boa medida ao Conservatorio de Música Tradicional, segue sen se resolver. Oito materias, entre elas algunhas coma zanfona ou requinta seguen sen iniciar a súa actividade, segundo a concelleira de Educación, “pola lentitude do proceso” de contratación. Boa parte dos alumnos, mentres, continúan con mobilizacións e protestas e temen que a solución que achegou o concello converta a escola nun conservatorio de elite.
Máis información en La Voz de Galicia; as crises dos conservatorios de música tradicional nos nosos arquivos
O Consorcio volve convocar “Músicas Contemplativas” para abrir as igrexas que restaura para concertos
Xénero: | 14 / 12 / 2007
É a conxunción perfecta: música de calidade e restauración de igrexas singulares e históricas do casco antigo compostelán. Son as dúas caras da mesma moeda que o Consorcio de Santiago unifica baixo o nome "Músicas Contemplativas". A terceira edición deste programa, que ademais pretende achegar sons doutras culturas, permitirá escoitar a formacións como a británica “The English Concert” (Inglaterra), a iraquí “Anwar Abudragh &Maqamat Ensemble” ou a croata “Ensemble Dialogos”. Como é habitual, o programa terá lugar coincidindo coa Semana Santa, do 18 ao 22 de marzo.
Máis información no web do Consorcio e na nosa hemeroteca e o noso especial da primeira edición
Ouvirmos presenta o disco de Resonet dedicado aos Cantares Gallegos de Rosalía
Xénero: | 13 / 12 / 2007
O grupo de Música Antiga Resonet fai unha nova interpretación musical de dezasete dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro tomando como punto de partida as melodías do tempo da escritora que mesmo puideron servir a esta de inspiración. Instrumentos e sonoridades que buscan trasladarnos ao contexto no que a poeta compostelá escribiu unha das súas máis famosas obras. O disco Cantares Galegos está editado pola discográfica Ouvirmos e presenta unha coidada presentación cun libreto de 88 páxinas que ofrece os poemas orixinais así como as súas traducións ao castelán – esta feita por Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade-, inglés e francés. Resonet está dirixido por Fernando Reyes, arranxista das pezas, que creou o grupo en 1990 en Santiago de Compostela tomando o nome dunha peza do Códice Calixtino.
Kalandraka publica Orfeo e Eurídice na súa colección de ópera para nenos
Xénero: | 13 / 12 / 2007
A historia de amor e descenso á casa dos mortos entre o músico e poeta Orfeo e a ninfa Eurídice forma parte do corpus da mitoloxía grega e tamén do da música universal a través da ópera composta polo alemán Christoph Willibald Gluck e estreada en 1762. A editorial pontevedresa Kalandraka suma agora esta peza á súa colección de ópera ofrecendo o libreto da mesma adaptado a pequenos lectores e acompañado de fermosas ilustracións de Pep Montserrat e o CD con 11 cortes seleccionados da obra e interpretados por unha soprano e dúas mezzosopranos acompañadas da orquestra e coros do Drottningholm Theatre, de Estocolmo. Esta colección, que xa conta con tres títulos anteriores, é froito do traballo conxunto coa editorial catalá Hipótesi, especializada en libros de ópera.
Máis información de outros títulos da colección en MeGA
SONO-TONE comeza a busca do mellor disco galego do ano 2007
Xénero: | 11 / 12 / 2007
Como xa fixera no 2006 a revista en liña SONO-TONE buscará a opinión dos seus lectores para establecer a lista de mellores discos galegos do ano. A través do correo electrónico os internautas poderán enviar as puntuacións que outorgan a tres discos editados este ano en CD, vinilo ou publicados na rede. O pasado ano foron os composteláns 6PM os gañadores da selección co seu disco “Far from perfect” (Junk Records, 2006) seguidos moi de cerca polo disco “Como un maldito guisante” (Mulberry, 2006) de Niño y Pistola. A revista electrónica incentivará a participación cun sorteo de discos entre os votantes. O prazo para enviar os votos remata o vindeiro día 13 de Xaneiro do ano entrante. Esa mesma semana farase pública a lista de mellores discos galegos de 2007.
Máis información en SONO-TONE


