Ir ao contido directamente.


Noticias

Guadi Galego deixa Berrogüetto e entra Xabier Díaz a substituíla

Xénero: Folk | 10 / 1 / 2008

not_11352.jpg

Nun comunicado aos medios o emblemático grupo folk Berrogüetto ven de anunciar dous importantes cambios na súa formación. Deixa o grupo a cedeirense Guadi Galego, cantante e gaiteira de Berrogüetto durante 10 anos, e entra nel, ocupando as mesmas labores, Xabier Díaz, vocalista, gaiteiro e percusionista. Despois da xira de presentación do seu traballo de aniversario “10.0”, o grupo afronta así un ano cargado de proxectos e comeza a pensar no seu quinto traballo discográfico. No comunicado a banda agradece a Guadi “os anos dedicados ó grupo, a súa voz, as súas composicións, a súa compañía e amizade.” Guadi Galego ten xa dous discos publicados con outros proxectos musicais á marxe de Berrogüetto nos últimos anos, “Espido”, co seu compañeiro de Berrogüetto Guillermo Fernández, e Nordestin@s con Ugia Blanco e Abe Rábade. Xabier Díaz ten editados os discos “Músicas de Salitre, tamén xunto a Guillermo Fernández, e “Coplas para Icia”.

Tema sobre Nordestin@s nos nosos arquivos

O Foundation Reggae Festival organiza un concurso de grupos de ámbito nacional

Xénero: Fusión | 10 / 1 / 2008 + VIDEO

not_11351.jpg

Unha das novidades da oitava edición do Foundation Reggae Festival en Culleredo o vindeiro mes de setembro será a subida ao escenario dun grupo elixido a través dun concurso de ámbito nacional. Esta concurso xa existía, e segue existindo, para bandas da comunidade galega que quedan excluídas da competición nacional. A Asociación Cultural Negus é a impulsora deste festival xenérico, referente nacional deste tipo de música, co apoio do Concello de Culleredo e a Deputación da Coruña. As bases contemplan tamén que as obras presentadas poderán escoitarse no sitio web do festival durante todo o ano, así como unha votación popular en liña que podería supor a invitación a participara ao grupo máis votado ademais de ao que elixa o xurado. As bases para grupos galegos non inclúen estes apartados.

Ortigueira convoca un concurso iberoamericano de composición para bandas de música

Xénero: Clásica/Lírica | 9 / 1 / 2008

imaxe non dispoñible

Malia ser musicalmente máis coñecida polo festival celta a vila coruñesa de Ortigueira terá agora presenza internacional no circuíto das bandas de música. O Concello ven de presentar o I Concurso Iberoamericano de Composición para Banda de Música “Vila de Ortigueira”, un certame que nace coa colaboración de máis dun cento de orquestras e formacións de ata 12 países. O galardón carece de dotación económica pero a peza gañadora será interpretada por todas as bandas e orquestras colaboradoras que enviarán ao compositor un certificado de estrea da peza nos seus respectivos países e localidades. O prazo de envío está aberto ata o 12 de marzo deste ano.

Máis información en Concello de Ortigueira

O IGAEM potencia a distribución e a produción nas axudas para o sector escénico e musical

Xénero: Miscelánea | 9 / 1 / 2008

imaxe non dispoñible

O vindeiro luns 14 sairá publicada a convocatoria das axudas para o sector escénico e musical, pero o boletín e-scena do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais avanza algúns datos. En primeiro lugar, que esta entidade destinará 2.120.000 euros a promover o sector, o que supón un 35% máis con respecto á última edición. O incremento afecta, sobre todo, á creación e a distribución, o que incide na idea apuntada en varias ocasións desde a Consellaría de Cultura de fomentar a produción de danza, teatro, música e maxia e buscar novas vías para mover os espectáculos. Outra das novidades pasa pola introdución de elementos correctores nos baremos e que toda a documentación será valorada por tres comisións. Ademais, as axudas a investigación e estudo desaparecen en favor da formación especializada. Todo isto engádese ao xa anunciado “Crédito-Cultura”.

Máis información no boletín e-scena (en pdf) e nesta nova o Crédito Cultura

Publícase o concerto de fin de carreira do primeiro gaiteiro titulado superior

Xénero: Folk | 8 / 1 / 2008 + AUDIO + IMAXES + VIDEO

not_11332.jpg

Xosé Luís Miguélez é a día de hoxe o primeiro gaiteiro titulado superior en Música Tradicional de toda a península, esta honra acadouna no 2006 despois de ser un dos primeiros en cursar esta titulación no Conservatorio Superior de Música de Vigo e de dar en novembro de 2006 o seu concerto de fin de carreira no Auditorio do devandito centro. Ese concerto é o que agora recolle nun disco gravado ao vivo e que titula “Esperanza”. A editorial Dos Acordes edita agora este CD que presenta un novo repertorio para gaita galega, baseado en composicións que van, dende a música inspirada na tradición, ata unha linguaxe máis contemporánea. O disco conta coas colaboracións de Lucía Martínez ou Pablo Diago entre outros e nel preséntanse composicións inéditas, algunhas delas estreadas para a ocasión, de músicos como, Ernesto Campos, Ricardo Courtier, Xan Míguez, Paulo González, David Bellas ou o propio Miguélez. Na súa faceta como saxofonista Xosé Luís, que ten un longo percorrido formativo, é tamén un dos novos valores do jazz do país.

Máis información no sitio de Xosé Luís Miguélez

Caixa Galicia e Cultura crean unha liña de créditos para que as compañías fagan os seus espectáculos

Xénero: Miscelánea | 7 / 1 / 2008

imaxe non dispoñible

“Crédito cultura” é a última iniciativa presentada pola Consellaría de Cultura para promover a industria do espectáculo. A través de Caixa Galicia as empresas galegas poderán acceder a un crédito con condicións especiais para a produción e distribución de espectáculos, así como traballos discográficos. A nova proposta incorpórase á liña de axudas establecida pola Consellaría de Cultura para este 2008 e inclúese dentro das medidas para facilitar a consolidación dun tecido empresarial competitivo.

Máis información no web do IGAEM

Phantom Club presentan o seu disco co que inician xira en xaneiro

Xénero: Indie | 28 / 12 / 2007 + IMAXES + VIDEO

not_11293.jpg

A derradeira presentación discográfica do 2007 corre a cargo dos vigueses Phantom Club co seu EP “Funksiona!”. O disco, de produción independente, esta editado no selo Elisong Producciones e gravado nos Estudios Océano de Vigo. “Funksiona!” preséntase este venres 28 ás 12 horas no Hotel NH de Vigo e á noite cun concerto aberto na sala La Fábrica de Chocolate Club. Sete temas de rock e funk enchen este EP do que se distribuirán 2000 copias e que conta coas colaboracións de outros músicos alleos á banda como Javier Vargas, que estará na presentación, o arxentino Claudio Gabis e o rapeiro californiano Keyd, de Snoop Dog. Phantom Club formouse en 2002 e os músicos que integran a banda teñen as súas raíces en Tui, Vigo e Buenos Aires. O grupo comezará a súa xira de presentación no mes de xaneiro por Portugal volvendo en febreiro a terras galegas e continuando polo resto do Estado. A xira rematará en novembro en Buenos Aires.

Máis información en Phantom Club

Caixa Galicia e a discográfica Casa Limón organizan na Coruña un festival de música do mundo

Xénero: Miscelánea | 26 / 12 / 2007

imaxe non dispoñible

Será no verán do 2008 e pretende achegar a artistas de estilos musicais como o jazz, flamenco, blues, tango e ritmos procedentes de África e Asia. Falamos dun “Big World music” que a Fundación Caixa Galicia e a discográfica Casa Limón teñen previsto organizar no próximo verán. De momento, ambas entidades non precisaron máis información, pero aseguraron que queren convertelo nunha referencia como o son o de “Vitoria ou Cartagena”.

Máis información en La Voz de Galicia e en La Opinión

Os Premios Maketón poñen nome ao mellor da música viguesa no 2007

Xénero: Miscelánea | 21 / 12 / 2007

not_11280.jpg

Trinta candidaturas aspiran a facerse mañá cun dos cinco galardóns da 7ª Edición dos Premios da Música MAKETON ESTRELLA GALICIA que se coñecerán o sábado 22 en La Fábrica de Chocolate de Vigo. Cada un dos cinco proxectos propostos a cada unha das cinco categorías establecidas, desenvólvense en Vigo e a súa área Metropolitana como premias indispensable para a candidatura. Os internautas propuxeron candidatos e votaron a través do sitio web do programa radiofónico local de Los 40 entre o 1 e o 19 de decembro. Dentro das categorías de Mellor Maketa, Mellor Directo, Mellor Produtor, Mellor Disco e Premio á Traxectoria Musical só a candidatura de Juan Rivas se repite nestas dúas últimas categorías. Outros nomes coñecidos que se barallan como candidatos son Iván e Amaro Ferreiro, Carlos Núñez, Austria, Cornelius, Nadadora ou Pacífico. Este grupo, xunto co grupo CeoDei actuarán durante a gala dos premios.

Máis información en VISADO de Faro de Vigo

Rogelio Groba e Rudesindo Soutelo cobran os dereitos de autor do himno galego oficial

Xénero: Coral | 21 / 12 / 2007

imaxe non dispoñible

Todo o mundo sabe que o himno galego foi composto por Pascual Veiga en 1890. Pero o que escoitamos nos actos oficiais é a partitura de Veiga arranxada por Rogelio Groba, despois dun encargo que lle fixo Xosé Luís Barreiro en 1985, cando era vicepresidente da Xunta de Galicia (e que figura nos anexos á Lei de Símbolos). Sucede que Rudesindo Soutelo editou eses arranxos en “Arte Tripharia”, a súa editorial, e así o fixeron constar na SGAE. Iso implica que cada vez que se interpreta o himno oficial, tanto Groba como Soutelo, cobran. Rudesindo Soutelo, nunha entrevista realizada por este medio en 2003, explicou que os ingresos pola interpretación do Himno van entre 3.000 e 6.000 euros anuais porque “aínda que se interprete moito, non se declara”.

Máis información en La Voz de Galicia e sobre os dereitos na nosa hemeroteca. Ademais, consulta o noso tema sobre o himno

<< Inicio / Anterior . 3131 a 3140 de 3576 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR