Noticias
O novo de Iván Ferreiro poderá descargarse da rede antes da saída en tendas
Xénero: | 6 / 3 / 2008 + VIDEO
O vindeiro día 13 de marzo Iván Ferreiro comeza xira co seu disco “Mentiroso, mentiroso” aínda sen saír ás tendas, pero cunha expectación máis que segura. Así o demostra o feito de que xa estean esgotadas as entradas para dous dos seus concertos máis importantes, en Madrid e Barcelona, o que xa motivou a ampliación dun concerto máis na capital española. “Mentiroso, mentiroso” estará nas tendas o vindeiro 25 de marzo aínda que o músico ofrece aos seus seguidores a posibilidade de descárgalo esta fin de semana da súa páxina web ou escoitalo íntegro nela. A xira de Iván Ferreiro chegará a Galicia o día 23 de maio, ao Pazo da Cultura de Pontevedra, sendo Lugo e Santiago as súas seguintes paradas en xuño. O grupo Stereotipos, gañadores da primeira edición do certame Nova Xove Music, acompañará a Ferreiro na xira española.
Comeza a xira do musical “Galleciae” que mestura tradición galega coa sinfónica
Xénero: | 6 / 3 / 2008
A soprano Susana de Lorenzo, o tenor Alberto Cunha, o grupo folk Liorna, as cantareiras e o grupo de baile da agrupación “Trompo ós pés” mais a Orquestra Sinfónica de Melide son os artistas que participan en “Galliciae”, un variado espectáculo musical galego. Malia que a obra se estreou o pasado mes de agosto, agora comeza a xira que a levará por Santiago, Ferrol e A Coruña.
Os Premios Opinión premiarán traxectorias sobranceiras a prol do folk
Xénero: | 3 / 3 / 2008
Na súa vindeira edición os Premios Opinión de música folk incluirán un novo galardón para premiar o apoio persoal, empresarial ou institucional á música tradicional. O novo galardón que presenta esta sétima edición dos premios convocados polo xornal coruñés servirá para recoñecer e homenaxear a figuras que resultaron de especial importancia para a evolución artística e industrial do folk no país. O premio non ten dotación económica sendo puramente honorífico. Ata o de agora estes premios só premiaban traballos discográficos de folk galego editados no ano anterior.
O Festival Mozart concéntrase nun mes e estrea director artístico
Xénero: | 3 / 3 / 2008
O Festival Mozart busca unha maior proxección nacional e internacional. E para conseguilo está a ultimar unha serie de cambios que xa se verán na edición de 2008. O primeiro deles pasa polo novo director artístico, Paolo Pinamonti, que contratou Félix Palomero e que pretende darlle un cambio á programación e contidos do festival para centralo só no compositor salzburgués. O segundo ten que ver coa duración do evento que pasa a concentrarse nun mes (do 22 de maio ao 28 de xuño).
Preséntase publicamente o primeiro punteiro afinable para gaita
Xénero: | 3 / 3 / 2008
Hai oito anos de traballo, o artesán Lis Latas comezaba os traballos para crear un punteiro afinable para gaitas. Canda a el, o intérprete Pepe Vaamonde presentaba o pasado sábado a versión final desta peza, un útil que permite afinar por primeira vez o instrumento sen necesidade de mudarlle pezas nin modificar a textura da palleta e que mantén o son malia a mudanzas ambientais. A maiores, a peza amplía a versatilidade do instrumento con dúas novas notas, ata o punto de que, na presentación, interpretouse un Preludio de Bach para demostrar as posibilidades do mesmo.
O Concello de Vigo presenta o proxecto da nova Escola de Música Tradicional
Xénero: | 3 / 3 / 2008
A concelleira de Educación de Vigo, Laura López presentaba o pasado xoves o proxecto da E-Trad, a nova Escola de Música Tradicional e Folk que se vai pór en marcha nesta cidade. O centro, que dirixirá Rodrigo Romaní, achegará dous itinerarios formativos (afeccionado e profesional) e contará con oito profesores, dous máis dos que ata o de agora participaban na aula de música tradicional. A maiores, incrementarase tamén en dous o número de especialidades, que pasan a nove, a cantidade de horas lectivas, (sesenta e cinco máis, ata sumar 200) e o orzamento, que ascenderá a 221.000 euros.
A Regueifa presenta as novidades discográficas de Ataque Escampe e Vale Tudo
Xénero: | 28 / 2 / 2008 + VIDEO + AUDIO
“Galicia es una mierda” é o segundo disco do grupo compostelán Ataque Escampe formado por Roi Vidal, Marco Gelpi, Samuel Solleiro, Miguel Mosqueira e Alex Charlón, o disco gravouse no estudio Pousada Son de Ames. Con trece cancións, 47 minutos de musica, o grupo de rock pretende acoller “todas as contradicións existentes na Galiza, no mundo e na historia da música. De Manuel Antonio aos Tonechos, de John Wayne a Lenin, e de Neil Young aos Panchos.” Por outra banda os lucenses Vale Tudo estréanse cun disco homónimo de seis temas. Vale Tudo nace en 2003 a partires de ideas que non tiñan cabida en Triquinoise grupo do que formaban parte, Rafael Mallo e Oscar Vilariño, os dous membros de Vale Tudo. O grupo fai unha revisión de estilos como o blues e o folk americanos pasados por un filtro de experimentación e aderezados con letras “concretas, suxerintes e esqueléticas.” Como é habitual o netlabel A Regueifa Plataforma publica os discos completos na rede baixo licencia Creative Commons 2.5, tamén estarán dispoñibles copias á venda.
A Fundación Barrié organiza o seu XIII Ciclo de Jazz
Xénero: | 28 / 2 / 2008
Serán sete concertos gratuítos, catro na Coruña e tres en Vigo. A Fundación Barrié inicia o vindeiro cinco de abril o seu XIII Ciclo de Jazz, que se desenvolverá ata o vindeiro oito de maio. John Zorn, MacCoy Tyner, Richard Galliano & Tangaria Quartet, Miriam Aida, Rhoda Scott, David Kikosky e Pepe Habichuela son os artistas que participan nesta edición. O diálogo do jazz con música coma a bossa nova, o blues, o soul ou o flamenco é o eixe do programa.
A zanfona será a protagonista da actividade musical de Ferrolterra con dous eventos paralelos
Xénero: | 27 / 2 / 2008
A Asociación do Conservatorio de Música Tradicional e Folque presenta dúas producións coincidentes nesta fin de semana en Ferrolterra e que teñen a zanfona como denominador común. Por unha banda o Concello de Narón promove o 4º Encontro de Zanfona Contemporánea, un referente consolidado para os interesados neste instrumento. Dentro do programa o mestre francés Valentin Clastrier será o encargado dun curso intensivo do instrumento nas instalacións do convento-pazo de Baltar. Organízase tamén un escenario aberto para zanfonistas solistas ou en formación (tamén con outros instrumentos) con entrada de balde o sábado 1 á noite. En paralelo, o ciclo “Diálogos con zanfona” ofrece no Teatro Jofre 3 concertos en dous días promovidos polo Concello de Ferrol. O venres a Baldo Martínez Grand Ensemble interpretarán, en clave de jazz contemporáneo, un repertorio inspirado na música de raíz das terras do Miño fronteirizo. Nos concertos do domingo Germán Díaz trae o espectáculo “O sea, π” e actuará en solitario o austríaco Matthias Loibner.
“O pentafol” recolle en seiscentas páxinas unha escolma única de partituras para gaita
Xénero: | 26 / 2 / 2008 + DOCUMENTO + AUDIO
Catrocentas partituras de gaita do noso acervo tradicional, transcritas con dous métodos e catrocentos setenta e oito arquivos de audio en formato MP3. Isto é que o que achega “O pentafol”, unha monumental obra que o gaiteiro Alberte Sanmartín presentaba a pasada samana. A iniciativa, que nace con vocación de ser “a biblia dos gaiteiros”, amosa as posibilidades de recuperación da nosa música tradicional.


