Ir ao contido directamente.


Noticias

Doce anos de vida e cambios de Pai da Cana recollidos nun só disco

Xénero: Folk | 18 / 12 / 2007

not_11250.jpg

O Grupo de Música Tradicional Pai da Cana recolle no seu novo disco, paidacana12 (Edicións do Cumio, 2007), os 12 anos de traxectoria do conxunto amosando as distintas formacións musicais que foi adoitando, así como unha parte do seu repertorio a través do que se pode percibir a súa evolución musical. O grupo, formado en 1995 na asociación cultural do mesmo nome de Poio, ten un repertorio de pezas das charangas galegas que existiron no país e mais en América dende finais do século XIX, ritmos importados coma o vals, a mazurca, a polca, a ranchera, o tango ou a rumba, que na altura se relacionaban co progreso e a modernidade, e outras pezas tradicionais arranxadas dentro desta estética musical de entreséculos que tamén levan ao seu vestiario de actuación. Na charanga de Pai da Cana a gaita e o acordeón se funden cos instrumentos propios das bandas de música como o clarinete, o saxofón, a caixa e o bombo con pratos. Forman o grupo María Vidal, Miguel Dopazo, Diego Rodríguez, Iria García, Oscar Pazos e Carlos Mouriño, baixo a dirección e arranxos de Óscar Ibáñez. O CD presentarase no Teatro Principal de Pontevedra o día 28 de decembro ás 20:30 horas, entrada libre.

Desde o sur de Galicia ao sur dos Estados Unidos co primeiro disco de MCarballo

Xénero: Cantautor | 17 / 12 / 2007 + VIDEO

not_11241.jpg

Zouma Records presenta o disco “On your pillow”, primeiro do músico ourensán Manuel Carballo (1967). O disco, asinado co nome artístico MCarballo, combina o blues, folk e country americanos nos seus 11 temas de composición propia nos que Carballo dá homenaxe aos seus músicos de referencia. Sete das cancións de “On your pillow, incluíndo a que dá nome ao disco, son en inglés e as restantes en castelán. O disco foi gravado nos estudios Desfase Sound coa produción e arranxos de Fasero, que tamén intervén musicalmente coa súa guitarra. As colaboracións musicais no CD inclúen aos outros compoñentes de Mutenrohi ao completo e a Fernando Calvo, de Los Suaves.

Tino Baz presenta o primeiro disco en solitario da súa extensa carreira de cantor

Xénero: Cantautor | 17 / 12 / 2007 + VIDEO

not_11240.jpg

Cinsa namorada ( PAI Música), é o primeiro traballo discográfico en solitario do artista guardés Tino Baz, músico de longa traxectoria en grupos como A Roda ou o Orfeón Treixadura. O disco, gravado en casa de Tolos coa produción de Segundo Grandío, ten como finalidade crear un soporte sonoro da obra de Baz como autor, músico e cantor. As once pezas que compoñen este proxecto, son músicas e textos de Tino Baz xunto a un poema da escritora luguesa Marica Campo. O veterano músico Moisés Quintas asume a dirección artística de Cinsa namorada e coordina a participación dos distintos instrumentistas que interveñen no proxecto. O disco presentarase ao público o vindeiro 19 de decembro no Centro Cultural da Guarda, ás 20 horas.

Aínda non comezaron as clases de oito materias da Escola de Artes e Oficios de Vigo

Xénero: Folk | 14 / 12 / 2007

imaxe non dispoñible

O proceso de regularización dos profesores da Escola de Artes e Oficios de Vigo, que afectaba en boa medida ao Conservatorio de Música Tradicional, segue sen se resolver. Oito materias, entre elas algunhas coma zanfona ou requinta seguen sen iniciar a súa actividade, segundo a concelleira de Educación, “pola lentitude do proceso” de contratación. Boa parte dos alumnos, mentres, continúan con mobilizacións e protestas e temen que a solución que achegou o concello converta a escola nun conservatorio de elite.

Máis información en La Voz de Galicia; as crises dos conservatorios de música tradicional nos nosos arquivos

O Consorcio volve convocar “Músicas Contemplativas” para abrir as igrexas que restaura para concertos

Xénero: Antiga | 14 / 12 / 2007

imaxe non dispoñible

É a conxunción perfecta: música de calidade e restauración de igrexas singulares e históricas do casco antigo compostelán. Son as dúas caras da mesma moeda que o Consorcio de Santiago unifica baixo o nome "Músicas Contemplativas". A terceira edición deste programa, que ademais pretende achegar sons doutras culturas, permitirá escoitar a formacións como a británica “The English Concert” (Inglaterra), a iraquí “Anwar Abudragh &Maqamat Ensemble” ou a croata “Ensemble Dialogos”. Como é habitual, o programa terá lugar coincidindo coa Semana Santa, do 18 ao 22 de marzo.

Máis información no web do Consorcio e na nosa hemeroteca e o noso especial da primeira edición

Ouvirmos presenta o disco de Resonet dedicado aos Cantares Gallegos de Rosalía

Xénero: Antiga | 13 / 12 / 2007

not_11217.jpg

O grupo de Música Antiga Resonet fai unha nova interpretación musical de dezasete dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro tomando como punto de partida as melodías do tempo da escritora que mesmo puideron servir a esta de inspiración. Instrumentos e sonoridades que buscan trasladarnos ao contexto no que a poeta compostelá escribiu unha das súas máis famosas obras. O disco Cantares Galegos está editado pola discográfica Ouvirmos e presenta unha coidada presentación cun libreto de 88 páxinas que ofrece os poemas orixinais así como as súas traducións ao castelán – esta feita por Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade-, inglés e francés. Resonet está dirixido por Fernando Reyes, arranxista das pezas, que creou o grupo en 1990 en Santiago de Compostela tomando o nome dunha peza do Códice Calixtino.

Kalandraka publica Orfeo e Eurídice na súa colección de ópera para nenos

Xénero: Infantil | 13 / 12 / 2007

not_11216.jpg

A historia de amor e descenso á casa dos mortos entre o músico e poeta Orfeo e a ninfa Eurídice forma parte do corpus da mitoloxía grega e tamén do da música universal a través da ópera composta polo alemán Christoph Willibald Gluck e estreada en 1762. A editorial pontevedresa Kalandraka suma agora esta peza á súa colección de ópera ofrecendo o libreto da mesma adaptado a pequenos lectores e acompañado de fermosas ilustracións de Pep Montserrat e o CD con 11 cortes seleccionados da obra e interpretados por unha soprano e dúas mezzosopranos acompañadas da orquestra e coros do Drottningholm Theatre, de Estocolmo. Esta colección, que xa conta con tres títulos anteriores, é froito do traballo conxunto coa editorial catalá Hipótesi, especializada en libros de ópera.

Máis información de outros títulos da colección en MeGA

SONO-TONE comeza a busca do mellor disco galego do ano 2007

Xénero: Miscelánea | 11 / 12 / 2007

not_11190.jpg

Como xa fixera no 2006 a revista en liña SONO-TONE buscará a opinión dos seus lectores para establecer a lista de mellores discos galegos do ano. A través do correo electrónico os internautas poderán enviar as puntuacións que outorgan a tres discos editados este ano en CD, vinilo ou publicados na rede. O pasado ano foron os composteláns 6PM os gañadores da selección co seu disco “Far from perfect” (Junk Records, 2006) seguidos moi de cerca polo disco “Como un maldito guisante” (Mulberry, 2006) de Niño y Pistola. A revista electrónica incentivará a participación cun sorteo de discos entre os votantes. O prazo para enviar os votos remata o vindeiro día 13 de Xaneiro do ano entrante. Esa mesma semana farase pública a lista de mellores discos galegos de 2007.

Máis información en SONO-TONE

Unha trintena de colexios participan nun concurso musical para concienciar sobre o medio

Xénero: Coral | 11 / 12 / 2007

imaxe non dispoñible

Un CD-DVD, unha web e un concurso musical sen cartos polo medio. Estes son os principais ingredientes de “Operación Can”, un certame promovido pola Unión Protectora de Animais Federadas de Galicia (UPAFGA), o estudo de gravación Casa de Tolos a discográfica Pai Música. Un proxecto que se presenta hoxe no Parlamento e no que os rapaces son os encargados de poñer a voz.

Sae ao mercado o disco de homenaxe aos Diplomáticos de Monte-Alto

Xénero: Fusión | 5 / 12 / 2007

not_11163.jpg

O dobre disco no que máis de vinte bandas e artistas fan una homenaxe aos desaparecidos Diplomáticos de Monte-Alto xa está á venda na plataforma dixital Trastenda. Com e a partires da semana que ven estará nas tendas. “120 Capadores” (Falcatruada) presentouse oficialmente o pasado 2 de novembro en Chantada no marco da quinta edición do festival Castañazo Rock, no que se conmemorou de diversas formas o inicio do momento bravú en 1994. A iniciativa de Komunikando.net e do Centro Social Atreu impulsou este disco no que poden escoitarse as achegas dos míticos Rastreros de Chantada, os Festicultores, Lamatumbá ou Os Tres Trebóns, a actual banda de Xurxo Souto. No dobre disco “120 Capadores” atopamos a particular versión do Gaiteiro de Dixebra, o Castiburón dos Cuchufellos, Esta noite hei de ir aló d’O sonoro maxín e até o Subastado da Banda Potemkin, aínda que tamén as particulares revisións de Galegoz ou Safari Orquestra. Porén, o disco inclúe catro temas inéditos dos Diplomáticos ao vivo.

<< Inicio / Anterior . 3021 a 3030 de 3454 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR