Noticias
Ouvirmos e Falcatruada participarán nun foro musical en Pequín
Xénero:
| 22 / 2 / 2008O Foro Hispano-Chinés da Música, que se celebra entre 25 e o 27 de febreiro en Pequín contará coa presenza de dúas discográficas galegas. Falcatruada e Ouvirmos acudirán a este encontro da man o Instituto Español de Comercio Exterior coa intención de descubrir as particularidades do sector musical chinés e introducirse nos tipos de contratos e licencias necesarias para producir e distribuír os seus traballos neste país.
Volve o blues en galego no novo disco de Víctor Aneiros
Xénero: VIDEO + AUDIO
| 21 / 2 / 2008 +O bluesman Víctor Aneiros e a súa banda comezan este venres 22 e sábado 23 na sala B-Flat en Matosinhos (Portugal) a xira de presentación do seu novo traballo “Heroe secreto”. O disco, editado polo selo vasco Gaztelupeko Hotsak, é o cuarto na traxectoria do grupo liderado polo guitarrista e cantante ferrolán. Como xa fixera no seu anterior traballo Aneiros volve cantar blues en galego. No disco, as letras do ferrolán conviven con outras de autores clásicos, como Rosalía de Castro (Soia), e contemporáneos, como o eumés Ramiro Fonte (Na barra). Para presentar estas e outras cancións, a Aneiros, sobre o escenario, acompañaranlle os seus músicos de sempre: Xacobe Martínez (contrabaixo), Manolo Gutiérrez (piano) e Marcos Sánchez (batería). A presentación en terras galegas do disco será na sala Breogain de Vigo o vindeiro 29 de febreiro.
Triángulo de Amor Bizarro e la Mala Rodríguez no cartel da XXXIII Festa do Queixo
Xénero:
| 21 / 2 / 2008O festival do queixo de Arzúa xa presentou o cartel de actuacións da súa trixésima terceira edición para os vindeiros 1 e 2 de marzo. No sábado a rapeira La Mala Rodríguez encabeza o elenco de artistas no Campo da feira onde tamén estarán Muchachito Bombo Inferno e os galegos Triángulo de Amor Bizarro que actuarán na Praza da Vila. No domingo á tarde actuarán no Campo da Feira as cantareiras Malvela e no mesmo sitio á noite estará o Pepe Vaamonde Grupo. Todas as actuacións son de balde.
A primeira partitura do himno galego é de 1906
Xénero:
| 18 / 2 / 2008Unha adaptación para banda arranxada por Felipe Pereira en 1906. Esta é a partitura máis antiga que se coñece do Himno Galego, e posiblemente, a que se empregou para a estrea oficial da peza na Habana. A investigación para a mostra “A Nosa Voz”, que se pode ver estes días na igrexa de San Domingos de Bonaval, Compostela, tirou a luz recentemente este documento, que se conservaba no arquivo da Banda Municipal da capital cubana.
Dezanove cancións desde Galicia para Eurovisión
Xénero:
| 18 / 2 / 2008Agora que a páxina de votacións de My Space volve estar operativa contabilízanse 19 artistas ou grupos de Galicia que están a optar a ir a Serbia no Festival Eurovisión 2008 representando a RTVE. Estes artistas galegos supoñen o 3,5% entre os 532 que colgaron as súas cancións na rede. Entre eles podemos atopar nomes moi coñecidos da escena musical como o dúo Austria, Elodio y los seres queridos, Tony Lomba ou o grupo Nueve8seis. Na distribución provincial Pontevedra está a cabeza con dez propostas, da Coruña son outros seis, por Ourense hai dúas candidaturas e en Lugo Isidrez representa á música da provincia en solitario. A día de hoxe o grupo ourensán Los Wachos xa se sitúa entre os 10 máis votados con máis de 2.300 votos á súa canción Wacho Wacho. Todos os que queiran apoiar a algún destes artistas teñen ata a media noite do vindeiro luns 25 de febreiro para votar por eles.
Compostela celebra cun concerto a presentación do catálogo dos grupos que usan os locais municipais de ensaio
Xénero:
| 14 / 2 / 2008As formacións Mito Escrito, Hyde casino, Sinestesia e Bronquitis Crónica será as encargadas de darlle son mañá á noite na Sala Capitol para a entrega destes cadernos promocionais. O “book”, presentado hoxe aos medios polo concelleiro de Xuventude Xosé Baqueiro, ofrece información de estilo, repertorio e contacto de 32 dos máis de cincuenta grupos que utilizan as instalacións municipais. Esta acción ten como fin aumentar a presenza destas formacións ante os medios e os promotores musicais públicos e privados, por iso distribuiranse exemplares, ademais de entre os músicos, a produtoras de espectáculos e concellos. O Concello compostelán tamén prepara a celebración dun concurso de grupos noveis así como levar a acabo o intercambio de bandas con outras localidades adscritas á Rede Galega de Locais de Ensaio apoiada pola Dirección Xeral de Xuventude. Baqueiro apuntou aos concellos de Boiro e Vigo como dúas posibilidades viables da iniciativa de intercambios.
Os Premios da Música contan con nove galegos que acaparan dez candidaturas
Xénero:
| 14 / 2 / 2008Baldo Martínez, Carlos Jean, Deluxe, Luar Na Lubre, Luz, Carlos Núñez, Mercedes Peón, Triángulo de Amor Bizarro e Xosé Manuel Budiño son os finalistas galegos na XII edición dos Premios da Música. Luar na Lubre acumula dúas candidaturas, a mellor álbum tradicional e a mellor canción en galego, onde compite con Mercedes Peón, Budiño e Deluxe. O proxecto de Xoel López opta tamén a mellor álbum pop, mentres Baldo Martínez aspira a ser o mellor disco de jazz, Luz a mellor canción e Triángulo de Amor Bizarro pode ter o mellor álbum de rock alternativo. Pola súa banda, o ferrolán Carlos Jean participa dunha candidatura a mellor produtor artístico pola súa participación no álbum “Papito” de Miguel Bosé. Carlos Núñez opta a mellor disco de fusión por "Cinema do mar".
Ritmos brasileños enchen o concerto de inverno do Festival Sinsal
Xénero:
| 13 / 2 / 2008Unha mestura de samba, rock de garaxe e bolero, todo modulado con adobíos electrónicos e retallos de bossa nova. Así é como definen no sitio web do Festival Sinsal o concerto de “Kassin+2”, o que compón a “Estación de Inverno” deste festival vigués. Un certame que se complementa coa “Extensión Salón Teatro” que se desenvolve no teatro santiagués ata o mes de marzo.
Grupos galegos participarán na xira “Artistas en ruta”
Xénero:
| 13 / 2 / 2008O tres grupos que representarán o noroeste do Estado na xira “Artistas en ruta” serán galegos. Diego Massimini, ISGA Collective e Safari Orquestra participarán no evento que organiza a Asociación de Intérpretes y Ejecutantes, que inclúe na mesma área que Galicia a Castela León e mais a Asturias. Outros que sairán de xira serán os gañadores do certame ACoruñaSon. Un convenio co Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais e co colectivo Clubtura permitirá que os grupos vencedores actúen na Rede Galega de Música ao Vivo.
Ouvirmos recupera gravacións do coro Cantigas da Terra nos anos vinte
Xénero:
| 8 / 2 / 2008A discográfica Ouvirmos presenta estes días un novo disco-libro da súa colección A Tiracolo de gravacións históricas. Neste caso son as interpretacións rexistradas entre 1921 e 1928 polo coro coruñés Cántigas da Terra, que leva en activo desde 1917. Neste case século de historia, iniciada interpretando o himno galego, reuniron un variado repertorio e o arquivo coral mellor conservado. Algunhas desas pezas están agora restauradas e incluídas no número 14 desta colección: "Estampas coruñesas 1921-1928". Neles recollen a primeira gravación do clásico Negra sombra; o Himno a Galicia, que contribuíron a afianzar; e O quer que lle quer, entre outros fitos.