Ir ao contido directamente.


Noticias

Disco de ouro para os nigraneses Ragdog con un só tema

Xénero: Rock | 19 / 1 / 2009 + VIDEO

imaxe non dispoñible

Más de dez mil descargas para teléfonos móbiles da súa canción Nada más fixeron posible que o grupo de Nigrán Ragdog conseguise un Disco de ouro sen ter editado o seu traballo en disco tanxible ningún. A banda, formada na localidade pontevedresa no ano 2002 obtivo este recoñecemento auspiciada polo selo dixital Espacio Movistar, da man do cal tamén actuou no Rock in Río, o Summercase e recentemente viaxaron a Colombia a promover o seu traballo segundo asegura o xornal La Voz de Galicia. Ragdog está formado por Álex Lores, Pablo García, Alberto Leyenda e Juanma Treinta e anteriormente actuaron como banda de acompañamento de Amaro Ferreiro. O seu álbum en liña ten once cancións e agora comezan a promoción do seu tema Donde estabas.

Lino Braxe e Rómulo Sanxurxo presentan Avenida Atlántica

Xénero: Melódica | 16 / 1 / 2009

imaxe non dispoñible

Unha proposta poético-musical ao abeiro das relacións entre Cuba e Galicia é a proposta que achega o Teatro Colón da Coruña esta noite. Avenida Atlántica é un espectáculo artellado por Lino Braxe e Rómulo Sanxurxo no que se mesturan sons das dúas beiras do océano. O espectáculo chega da man da Deputación da Coruña e mais da Fundación Caixa Galicia, e xa se puidera ver en Cuba no acto de irmandamento da Torre de Hércules co Faro do Morro da Habana.

Dúas óperas de Puccini e Donizetti amplían a colección de iniciación infantil de Kalandraka

Xénero: Infantil | 14 / 1 / 2009

not_13833.jpg

A editorial Kalandraka ven de engadir no pasado mes de decembro dúas novas publicacións á súa colección de libro-discos de iniciación á opera para nenos. Os dous novos rexistros corresponden ás obras Turandot, de Giacomo Puccini (1858-1924) e O elixir do amor de Gaetano Donizetti (1797-1848). Esta colección de divulgación infantil da lírica impulsada por Kalandraka en colaboración co selo especializado HIPÓTESI contén una adaptación do libreto, ilustracións dalgunhas pasaxes, indicacións oa longo do relato que corresponden cos pistas do CD de audición e una breve biografía do compositor. Turandot é un drama lírico situado na corte imperial chinesa; a adaptación corre a cargo de Joan de Déu Prats e a interpretación musical da Orchestra & Coro do Teatro Comunale dell´Opera di Genova, dirixido por Daniel Oren. A ópera O elixir do amor é una das poucas incursións do compositor no xénero bufo e o seu argumento xira arredor dun triángulo amoroso nun entorno vilego. A adaptación é de Stefanía Fantauzzi e a interpretación musical corre a cargo da Hungarian State Opera Choir and Orchestra dirixidos por Pier Giorgio Morando.

O festival de Jazz de Coruña celebra unha nova edición mesturando estilos e xéneros

Xénero: Jazz/Blues | 9 / 1 / 2009

not_13801.jpg

O jazz da coruña cumpre 25 anos. Os mesmos que ten Clunia, a formación liderada por Nani García que organiza desde hai catro anos o festival de jazz, Iberojazz. Esta edición do certame desenvólvese do ao 15 ao 31 de xaneiro en teatros e clubes da cidade. Dez concertos que nesta ocasión pretenden achegar o jazz feito en Portugal coa presenza do lisboeta Zé Eduardo Unit ou co concerto que darán estudantes das escolas superiores de música de A Coruña e Oporto. Abre o programa unha mesa redonda sobre o jazz en tempos de crise.

A recuperación de cantares de reis enche as rúas de música

Xénero: Folk | 5 / 1 / 2009

imaxe non dispoñible

A tradición dos cantares de reis está a demostrar unha vizosa recuperación no noso país. Sexa coa denominación de ranchos, cantares ou mesmo na forma de danzas, múltiples localidades están a levar estes días estas composicións populares ás rúas. Deste xeito, Mondariz acolle o vindeiro día 11 o III Encontro de Ranchos de Reis. Mañá mesmo localidades coma Riofrío ou Salceda de Caselas celebrarán os seus propios, mentres o día sete en Ponteareas haberá unha danza de reis. Pola súa banda, Boimorto fallaba onte o V Certame de Cantares de Reis, unha cita fundamental para os interesados por este tipo de pezas.

Nsaio Xeral porá en contacto industria e grupos musicais emerxentes

Xénero: Miscelánea | 26 / 12 / 2008

imaxe non dispoñible

Nsaio Xeral é un encontro entre diferentes empresas da música galega e representantes de grupos musicais que pretenden dar os primeiros pasos na súa carreira artística. Celebrarase o 17 de xaneiro no IES Rosalía de Castro e será unha xornada completa con obradoiros, castings e concertos. Segundo Rubén Cela, director Xeral de Xuventude -departamento que organiza o encontro- do que se trata é de "consolidar o papel de Nsaio como unha ponte entre os grupos e as industrias musicais", papel do que, asegurou, deuse o primeiro paso no cultur.gal.

O premio Maketón ao mellor disco vigués vai para o Upskirts de The Blows

Xénero: Miscelánea | 23 / 12 / 2008

not_11433.jpg

A gala da oitava edición dos premios Maketón Estrella Galicia, que recoñecen o mellor da escena musical viguesa, rematou cun palmarés no que o Upskirts (Pupilo Records) de The Blows aparece como o mellor disco do 2008, o premio ao mellor directo foi para o grupo galego-arxentino Phantom Club, mentres que a traxectoria musical de Juan Rivas foi, este ano si, premiada polas votacións. Rivas xa acumual con esta tres estatuíñas do Maketón en distintas categorías. O premio á mellor maqueta de grupo local 2008 foi para Inerttes. Pechouse a gala coa entrega do premio especial 2008 aos "CASTROCONCERTOS", da Concelleira de Xuventude do Concello de Vigo polo apoio aos grupos noveis de Vigo.

A Sinfónica de Galicia interpreta a suite dunha ópera inédita de Andrés Gaos

Xénero: Clásica/Lírica | 19 / 12 / 2008

imaxe non dispoñible

Amor vedado é o título dunha ópera inédita de Andrés Gaos que a Sinfónica de Galicia recupera no Teatro Colón da Coruña. A suite desta peza fai parte do programa dos concertos de Nadal que a formación ofrece hoxe e máis mañá e que contará coa presenza da soprano vasca Ainhoa Arteta. A peza abre os actos de conmemoración do 50 aniversario da morte dun dos compositores galegos máis recoñecidos. Descúbreo neste dosier.

Dez grupos dos 60 volven tocar xuntos para recuperar a memoria do Vigo Ye-yé

Xénero: Miscelánea | 19 / 12 / 2008 + VIDEO

not_13715.jpg

A vigorosa escena musical de Vigo dos anos sesenta queda representada agora no CD, DVD e libreto editados por PAI Música baixo o título Vigo Ye-Ye. Corenta anos e pico despois, aquela xeración de adolescentes volveron reunirse para colaborar na creación dun traballo discográfico que rende tributo a toda unha época. Los Condors, Los German´s, Los Golpes, Los Lejanos, Los Stags, Los Temples, Los Watios, Los Zuecos, Carlos Mateo e o grupo que integran compoñentes dos anos 60 e que seguen activos actualmente, La Comisaría, pasaron polo estudio coas súas formacións completas ou non para deixar pegada musical nun CD con vinte temas orixinais de diversa cor musical, e un DVD con dez vídeoclips. O traballo presentarase hoxe ás 13 horas na cervexería Estrella Galicia na Plaza Compostela da cidade olívica, mentres que ás 19:30 terá lugar a presentación do libro Crónicas de un Vigo Ye-Yé de Fernando Ferreira no Museo do Mar (Alcabre). O CD- DVD distribuirase este domingo co xornal Faro de Vigo e unha parte dos beneficios xerados polo disco serán destinados a AMENCER-ASPACE (Asociación de Parálisis Cerebral). O vindeiro luns á tarde en El Corte Ingles de Vigo terán lugar sinaturas do disco e unha charla, e posteriormente un “guateque” na Sala A!

O Arquivo Nacional dixitalizará os fondos de Roxelio Groba

Xénero: Clásica/Lírica | 18 / 12 / 2008

imaxe non dispoñible

Un acordo entre a Consellaría de Cultura e a Fundación Roxelio Groba permitirá dixitalizar os fondos bibliográficos e musicais deste compositor. A iniciativa enmárcase no Programa de Dixitalización de Fondos do Arquivo Nacional e contará cun investimento de 56.000 euros a cargo da Fundación Cidade da Cultura. Entre as 534 composicións a dixitalizar inclúense algunhas tan destacadas coma a ópera Floralba, as cantatas Xacobea e Un pobo sen destino ou o Concerto Confidencias entre outros.

<< Inicio / Anterior . 2911 a 2920 de 3576 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR