Noticias
Un cedé e un deuvedé recollen as melodías cantadas no ciclo anual da tradición galega
Xénero: | 3 / 4 / 2009 + AUDIO
Antes de que houbera formas tecnolóxicas de medir o tempo como son os reloxos, a xente guiábase polo sol e pola lúa. Era unha forma de adaptar a vida ás diferentes épocas do ano (a pascua, o maio, o magosto...) que sempre estiveron acompañadas de melodías. A Asociación de Gaiteiros Galegos decidiu facer un traballo que reunise música para doce meses (ou trece lúas) que lembrasen o ciclo anual da tradición galega. O resultado é 13 lúas, un cedé e un deuvedé, que recollen tanto as cancións así como un documental didáctico sobre o calendario lunar.
O disco de Luar na Lubre ao vivo xa está nas tendas
Xénero: | 1 / 4 / 2009
Logo da presentación oficial de onte, o novo disco de Luar na Lubre, Ao vivo, está xa dispoñible. Baixo este título, o grupo presenta un dobre CD e mais un DVD documental nos que se recollen as súas actuacións no Teatro Colón da Coruña os días 22 e 23 de xaneiro. Canda a temas habituais do grupo, inclúense colaboracións con artistas coma Luz Casal, Diana Navarro ou Pedro Guerra. Luar na Lubre comeza agora a xira de presentación do álbum, con citas en Madrid, Donostia ou Ageda xa confirmadas.
Editado o cuarto volume do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra
Xénero: | 31 / 3 / 2009
O Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, xunto co Concello e o Pazo de Cultura desa cidade veñen de presentar a o novo traballo discográfico resultado dos concertos organizados polo SPJ. JAZZ LIVE! No Principal Vol.IV ( Free Code Jazz Records, 2009) recolle en pusoc máis dunha hora oito temas gravados ao vivo escollidos de entre as catro actuacións do ciclo “Jazz no Principal 2008”, en febreiro e marzo dese ano, nos que o SPJ-Group estivo acompañado polo vibrafonista malagueño Arturo Serra, o harmonicista Antonio Serrano, o trompetista valenciano Voro García e o saxofonista estadounidense Bobby Martínez. O pasado sábado 28 de marzo celebrouse o último concerto do ciclo do 2009 no que o SPJ Group estivo acompañado polo saxofonista cubano Román Filiú.
Pasos de Metal
Xénero: | 30 / 3 / 2009 + DOCUMENTO
A escena do heavy metal e do rock duro en Galicia posúe desde hai anos unha grande vitalidade e variedade. A comezos de 2007 o Gallaecian Metal Compilation facía en 27 temas unha panorámica destes estilos. Agora, chega unha nova entrega desta escolma, acompañada da primeira publicación en galego dedicada a este estilo. Dúas propostas que queren revolucionar a situación destes estilos no país.
O segundo ciclo Espazos Sonoros contará con 88 concertos
Xénero: | 27 / 3 / 2009
Espazos Sonoros, o ciclo que achega a música a espazos de interese cultural e histórico de todo o país xa ten o programa da súa segunda edición. Desta volta serán 88 os concertos que se poderán ver entre o 15 de abril e o 28 de xuño en 27 lugares de todo o país coma a Illa de San Simón, o forte de San Lourenzo ou o aeródromo de Rozas. Música antiga, contemporánea, jazz ou folk son algúns dos estilos que se poderán escoitar no programa, con actuacións do Grupo Meendinho, Emilio Cao, Moscow Art Trio, Camerata Vivace ou Abe Rábade Trío entre moitos outros.
Drum Drama pon no mercado o seu primeiro disco Acero orgánico
Xénero: | 26 / 3 / 2009 + VIDEO
Tras dez anos de autoedición e directo, DrumDrama, formación viguesa composta por Drama (Mc antes coñecido como Jazztastilo) e El Malvado Sam (produtor), presentou a finais do pasado ano o seu primeiro álbum editado de forma totalmente profesional, Acero orgánico. Gravado e mesturado en por “Trabajos Para Un Mundo Perfecto” e editado por Renegade Prods, selo do francés afincado en Galicia Alain Mani, “Albendy”. Drum Drama ofrecen nestes vinte temas un disco maduro e fresco, no que encontraremos a colaboración do mellor do Hip-Hop en Galicia. Produtores como Jal-Beats ou Karmasound, o rap de Rack Eterno, El Seis ou El Pillo Astuto entre outros, Wöyza, Jose ou Emeson e as mans de Dj Kaze ou o propio Karma constrúen tema a tema, xunto con Drama e El Malvado Sam, un disco con diferentes climas, que tende pontes entre a realidade e a fantasía.
Unha última noite de rock para a sala Clangor
Xénero: | 25 / 3 / 2009
A desaparecida discoteca compostelá Clangor “abrirá” unha noite máis de xeito simbólico e como homenaxe cun concerto no Multiusos do Sar. O local foi un referente musical para toda unha xeración e acolleu numerosos concertos de primeiras figuras do pop e o rock nacionais e internacionais na década dos 80. O evento previsto para o 11 de outubro de 2010, coincidindo co vinte aniversario da explosión dunha bomba na sala, presentouse hoxe en rolda de prensa xunto con dúas producións audiovisuais que recollerán nun documental a historia de Clangor así como un thriller baseado no atentado terrorista que sufriu. Fernando Pereira, dono e picadiscos do local, e Loquillo coincidiron en valorar a importancia da proposta de Clangor no seu contexto histórico como “moito máis que música” e a súa desaparición como un “baixón” para o nivel musical da noite de Santiago. O concerto contará con actuacións de grupos coma Nacha Pop, The Godfathers, Loquillo, The Cult ou Paul Simon, membro de The Clash, como peche o propio Pereira volverá poñerse aos pratos rememorando o son da sala.
Publícase o primeiro estudo dos fondos musicais do Seminario de Santiago
Xénero: | 23 / 3 / 2009
Aparece esta semana nas librarías a obra La música en el Seminario de Santiago da que é autor o músico Francisco Xavier Fernández Places. Este volume, co-editado polo Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora, presenta os fondos musicais da antiga biblioteca do Seminario Diocesano de Santiago. Un completo inventario de todas as partituras conservadas (que abarca desde mediados do século XIX ata os anos sesenta do XX) que se complementa cun capítulo onde o autor detense nas distintas etapas vividas polo Seminario compostelán desde a súa creación, en outubro de 1829, e un apartado dedicado a profesorado, lexislación, veladas musicais e organización dos actos. Nomes como Xoán Montes, Pascual Veiga, Xosé Castro Chané, Xosé Pacheco ou Xosé e Ricardo Courtier aparecen á beira doutras figuras con apelidos tan ilustres como os Tomás L. de Vitoria, Francisco Guerreiro, Almandoz, De Benito, Sagastizábal, Perosi, Eslava, Ravanelo ou Urteaga. A obra inclúe a reprodución dalgunhas das partituras máis significativas, dende algunhas das máis antigas das conservadas, como é o caso da manuscrita Misa en Fa de Cándido Aguayo, de 1856
Som do Galpóm: “No disco hai certas rarezas musicais nas que convén pararse un pouco e escoitalas ben”
Xénero: | 17 / 3 / 2009 + VIDEO + IMAXES + AUDIO
Em Terra de Ninguém é o título do primeiro disco de Som do Galpóm. A banda gañadora do certame Nsaio no Camiño presenta esta mesma mañá a súa aposta de fusión na que reúnen funkie, reagge e rap nuns temas combativos e que convidan á festa. Este mesmo mes comeza a xira de presentación do álbum que conta xa con vinte concertos confirmados. O vocalista do conxunto, Gael de Esteban, explícanos que podemos atopar neste álbum. No interior da noticia podes escoitar un avance do álbum.
Unhas xornadas analizan as tendencias e novidades da zanfona
Xénero: | 13 / 3 / 2009
Os cegos, os grandes cronistas das feiras, estaban sempre acompañados dunha zanfona. Un instrumento que pervive e sobre o que se fala nunhas xornadas que comezan hoxe en Narón. O Encontro coa Zanfona Contemporánea está organizado pola Central Folque e o Centro Galego de Música Popular, en colaboración co Padroado de Cultura do Concello de Narón. Concertos didácticos para escolares, obradoiros intensivos e relatorios para músicos fan parte deste programa que se desenvolve ata domingo.


