Noticias
Os Carunchos presentan o seu cuarto disco na Feira dos Maios de Vigo
Xénero: | 8 / 5 / 2009 + VIDEO
O domingo día 10 de maio as 19 horas, na Praza da Constitución do Casco Vello de Vigo, terá lugar a presentación en directo do cuarto disco dos Carunchos En galego (PAI, 2009), como parte do programa de actividades organizado pola Asociación de Veciños do Casco Vello de Vigo co gallo da celebración da XXVII Festa dos Maios. Despois de xirar varios anos con Montealegre (PAI, 2005), co que festexaron o seu décimo aniversario e no que introduciron novos instrumentos, agora reaparecen con este disco gravado na Casa de Tolos que arrastra a bagaxe acumulada pola banda sobre os escenarios en todo este tempo. Como adianto pode verse na rede e a través da canle de TV de PAI Música o videoclip do tema Galicia deste novo traballo.
Fanny + Alexander adapta textos de poetas galegos no seu novo traballo
Xénero: | 7 / 5 / 2009 + AUDIO + VIDEO
Xa está na rúa (e na rede) o terceiro disco do dúo compostelán Fanny + Alexander. Seguindo na súa liña pop, Alfaias achega once temas que van do electrónico ao acústico e que contan con letras dalgunhas das máis destacadas voces da poética galega actual. Mario Regueira, Emma Couceiro, Yolanda Castaño ou Daniel Salgado son algúns dos autores que se integran no proxecto. En canto a son, o disco conta coas colaboracións de Martin Wu de The Homens, Carlos Valcárcel de Projecto Mourente ou Alex Charlón de Ataque Escampe. Alfaias está editado baixo licenza Creative Commons e pode descargarse de balde no web A Regueifa Plataforma ou adquirise neste mesmo web e en tendas.
Jazz para escolares no programa do XIII Festival de Jazz de Primavera de Ourense
Xénero: | 6 / 5 / 2009
Hoxe ás 23 horas no Café Latino, epicentro da afección ourensá ao jazz, dará comezo a XIIIª edición do Festival de Jazz de Primavera de Ourense co espectáculo musical The Charlie Parker Legacy Band. O programa musical desenvolverase ata o 29 de maio e, como novidade inclúe catro concertos para escolares por parte da New Orleans Blue Stompers o 21 e 22 no Auditorio Municipal de Ourense coa fin de achegar este estilo musical aos cativos. A organización do evento destaca a actuación o día 17 de The Trumpet Summit Band coa presenza de Terell, Jon Faddis e Randy Brecker -que ten acompañado a Sinatra, Springsteen ou Clapton- nunha previsiblemente espectacular jam session debido á calidade dos tres artistas. O 28 de maio tamén está prevista a actuación de Abe Rábade presentando o seu disco Open doors.
O Imaxina Sons cumpre cinco anos achegando o jazz ao público vigués
Xénero: | 5 / 5 / 2009
Naceu co obxectivo de amosar o jazz europeo, incluíndo nesta etiqueta o que se facía en Galicia. Pero non hai máis que botarlle unha ollada ao programa para ver que a quinta edición do Imaxina Sons presta atención ao jazz de todas as procedencias (Europa, América e Galicia) e todas as xeracións. O certame que organiza o concello de Vigo pretende, nesta edición de consolidación, captar a atención da crítica especializada e facerse un oco entre os eventos relevantes de jazz no Estado. Pero todo iso sen esquecer á cidadanía. A sala de concertos de Caixanova, clubes da cidade, as rúas, o MARCO, o Conservatorio... a cidade enteira será escenario, do 25 de xuño ao 5 de xullo, de conferencias, concertos, master-class, mesas redondas para exhibir o mellor jazz do momento.
Igloo presenta o seu terceiro traballo discográfico
Xénero: | 5 / 5 / 2009 + AUDIO + VIDEO
Igloo, a banda indie que recupera membros de Deluxe, Moop e Overlook, lanza o seu terceiro traballo discográfico. La transición de fase (Ernie Producciones, 2009) recolle dez temas en castelán nas que a banda avanza pola senda das letras íntimas e afonda na consecución dun son propio. O disco conta con colaboracións coma as de Adolfo Langa, Miguel Rivera e Paula Gamallo. Xa está na rede o videoclip do primeiro single, El pase de la muerte, se cadra a peza máis roqueira de todo o disco, gravado e editado por Jairo e Victor Moreno, na sala SAMASAMA, de Vilagarcia.
A Sinfónica de Galicia amplía e innova o seu repertorio na vindeira temporada musical
Xénero: | 4 / 5 / 2009
O 24 de outubro comezará a temporada 2009-2010 da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG). Vaino facer coa versión en concerto de Sigfrido, a segunda cita da tetraloxía de Wagner (O anel do Nibelungo), que evidencia dúas cousas: a madurez da formación coruñesa e o trunfo dun proxecto continuado no tempo. Son precisamente estas claves o que lle permite ao seu director, Víctor Pablo Pérez, anunciar unha nova temporada cargada de novidades: 25 obras novas e tres estreas nunha programación de 51 citas nos que hai clásicos (Haydn, Mozart, Beethoven...), autores eslavos (Stravinsky, Scriabin...), americanos (Leonard Bernstein, Aaron Copland....) e, por suposto, galegos. Un proxecto para o que Víctor Pablo pide máis espazo no foxo e mellor acústica entre músicos.
O Festival do Norte prepárase para abrir as súas portas
Xénero: | 30 / 4 / 2009
Un grande elenco de artistas da talla de Vetusta Morla, Love of Lesbian, The Rumble Strips ou Havalina actuarán esta fin de semana no Recinto Exterior de FEXDEGA agrupados en torno ao xa popular Festival do Norte. As portas abriranse o venres 1 de maio para dar espera as actuacións que se sucederán ao longo da tarde-noite. Ese día no escenario de Estrella Galicia actuarán Ragdog, ás 20.15; Templeton, ás 21.00; Love of Lesbian, ás 22.00; Herman Dune, ás 23.00; X-Wife, ás 00.15 e The Whip, a 01.25. No escenario de Caixanova Nsaio actuarán Nouvelle Cuisine, ás 17.30; Manos de Topo, ás 18.15 e Russian Red, ás 19.10. E no escenario FDN Dance Club estarán Florent y yo, ás 2.25 e Isra DJ (Sala Karma), ás 3.25. O Sábado, día 2 de maio, no escenario de Estrella Galicia, actuarán Havalina, ás 20.15; Cuchillo, ás 21.00; Standstill, ás 22.00; The Rumble Strips, ás 23.05; Vetusta Morla, ás 00.15 e Delorean, a 01.25. Este mesmo día, no escenario de Caixanova Nsaio actúan Noise Project ás 17.30; Extraperlo, ás 18.15 e La Buena Vida, ás 19.10. E no escenario FDN Dance Club estarán Rober Bodegas DJ, ás 2.25 e Onurb Blwos Dj (Monstruo de un sólo ojo), ás 3.25. O abono de dous días costa 25 euros en venda anticipada e 30 euros no despacho de billetes. Este abono da dereito a pasar a noite en tenda de campaña. A entrada de un día costa 17 euros en venda anticipada e 21 no despacho de billetes. A organización facilita pulseiras para que unha vez adquirida a entrada se poida entrar e saír do recinto todas as veces que se queira.
O IGAEM multiplicou as funcións nos últimos anos
Xénero: | 30 / 4 / 2009
A traballo do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais medrou nos últimos anos. Segundo revelan dos datos do Anuario de Estatísticas Culturais do Observatorio da Cultura, o número de funcións programadas por este organismo no noso país medrou de xeito continuado entre 2005 e 2007, tanto en danza (de 29 a 73 funcións) coma en teatro (466 a 703) ou en maxia (19 a 72). No entanto é na música onde se detecta un maior incremento, tanto no número de actuacións como no orzamento, que pasaron respectivamente de 38 a 791 concertos e de 115.254 euros a 440.836. Estes incrementos nas artes escénicas en xeral están vencellados, segundo o Observatorio, aos circuítos dedicados as artes escénicas que puxo en marcha o anterior goberno da Xunta de galicia.
Aberta a convocatoria para o Seminario de Música Moderna e Improvisación de Monforte
Xénero: | 28 / 4 / 2009
Entre o 17 e o 22 de agosto deste verán terá lugar a quinta edición do Seminario de Música Moderna e Improvisación de Monforte de Lemos, unha cita formativa que ven de abrir a súa convocatoria. A súa oferta de clases e actividades vai dirixida tanto a persoas con coñecementos musicais que desexen achegarse á música moderna e ampliar coñecementos sobre a linguaxe empregada nos distintos estilos da música moderna como a músicos, profesores ou estudantes. O corpo de profesores previsto para esta edición está composto por Carlos Calviño (guitarra), Iñaki Askunze (saxofón), Dee Jay Foster (contrabaixo e baixo eléctrico), Celia Mur (voz), Albert Sanz (piano) e Valentín Iturat (batería). As actividades do seminario terán lugar nos espazos do Conservatorio profesional de Música Mestre Ibáñez e están organizadas pola Escola de Estudos Musicais A Tempo co apoio do Concello de Monforte e a Deputación de Lugo.
¿Malos tempos para a lírica?
Xénero: | 27 / 4 / 2009
Teñen feito xiras mundiais dignas dos Rolling Stones e levan ben máis tempo ca eles en activo (aínda que semelle imposible). A Coral De Ruada celebra neste 2009 o seu noventa aniversario en plena forma e, canda a ela, outras tres históricas formacións manteñen en activo o espírito de recuperación de música popular do comezo do século XX. Botamos un ollo na actualidade das corais galegas.


