Ir ao contido directamente.


Noticias

Fasero presenta o seu terceiro disco en solitario

Xénero: Fusión | 25 / 5 / 2009

not_14765.jpg

O guitarrista, compositor e produtor ourensán Juan Carlos Fernández Fasero presenta o seu terceiro disco en solitario, despois de 6 anos desde Augas Mansas ( 2003). Fasero, cabeza máis visible do selo ourensán Zouma Records ofrece en 3 , título do seu novo disco, 12 novos temas que teñen como nexo común ter marcado ao artista ao longo dos anos. Fasero versiona estes temas para obter o seu son característico de corte “world music”, así, a temas tradicionais, como Vinde Axiña, ou Polka Grelada, únense versións de clásicos como Tico Tico, ou Imagine de John Lennon.

Roberto Varela anuncia un conservatorio folk en Lalín

Xénero: Folk | 25 / 5 / 2009

imaxe non dispoñible

O traslado do equipo do Conservatorio Folque de Lalín para a Central Folque de Santiago de Compostela deixara a capital dezana sen o seu centro de ensino de música tradicional. No entanto, o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, anunciou este sábado a apertura dun novo espazo dedicado á formación neste ámbito en Lalín. A intención de Varela é "convertir este pobo no centro de referencia de Galicia en música" atendendo á solicitude que o rexedor local, Xosé Crespo, lle fixera neste sentido. Do mesmo xeito, Varela garantiu apoio para outras iniciativas locais coma a banda de música, a declaración do Pazo de Liñares coma Ben de Interese Cultural ou a creación dun centro dedicado ás artes visuais.

A IIª Mostra de Jazz Galego Jazz Mariñas aspira a consolidar a súa proposta

Xénero: Jazz/Blues | 22 / 5 / 2009

imaxe non dispoñible

Dar apoio ao jazz local e provincial achegando este estilo musical considerado minoritario á poboación. Estas son as sinais de identidade da segunda edición da Mostra de Jazz Galego “Jazz Mariñas”, iniciativa promovida polo Consorcio As Mariñas coa financiación da Deputación da Coruña. Dirixido polo compositor e produtor musical Nani García, o festival percorrerá as localidades de Oleiros, Sada, Bergondo, Arteixo, Cambre, Carral, Betanzos e Culleredo comezando o venres 5 de xuño para continuar cada fin de semana do mes. Todos os concertos son de balde e no programa figuran nomes como Roberto Somoza, Alberto Conde Trío, Lucía Martínez Cuarteto e Marcelino Galán entre outros. Esta edición do festival ten como novidade os Concertos Didácticos para escolares de ESO, que impartidos por un cuarteto e un orador tratan de achegar ao alumnado a comprensión do jazz coma linguaxe; explicar que ocorre cando se está a interpretar unha peza; dar a coñecer os diferentes estilos e as regras para a interacción dos músicos, entre outros aspectos.

Con Benzón Guadi Galego presenta o seu disco máis conceptual e universal

Xénero: Folk | 20 / 5 / 2009 + AUDIO + IMAXES

not_14744.jpg

Acompañada por Guillermo Fernández e Uxía, Guadi Galego presentou hoxe o seu novo disco Benzón (Músicas de Salitre, 2009) en Compostela, nun acto que congregou a numerosos informadores e a outros músicos que participan no disco. De feito son vinte e cinco os colaboradores para os trece temas de Benzón, xa que Guadi encargou arranxos, letras e músicas numerosos compañeiros da escena musical actual entre os que están Fran Pérez “Narf”, Xavier Díaz, Abe Rábade, Quim Fariña, Xacobe Martínez Antelo, o grupo Leilía, Germán Díaz e outros moitos. Grazas a todas estas achegas presenta unha ampla variedade de estilos entre o tradicional, o pop e o jazz, nun percorrido cuxa unidade pasa pola voz da propia Guadi nun “discurso musical, que transcorre sen sobresaltos pasando por distintos tons, climas e ambientes” en palabras de Guillermo Fernández e que constitúe un dos principais atractivos do disco. Esta gran cantidade de achegas e a imposibilidade práctica de xuntalos nun escenario fan que Guadi Galego afirme que este disco non vai ser levado ao directo, deixándoo nun “disco moi conceptual” e con vocación universal que se ilustra cunhas fotografías de ceos de Galicia -unha por canción- obra de Karlos Abal, que expresan esa vocación xa que “como a música, os ceos non teñen fronteiras”, expresou Guadi . O disco xa está á venda desde hoxe distribuído pola Lonxa Cultural.

Acordeóns da emigración

Xénero: Folk | 19 / 5 / 2009 + AUDIO

not_14737.jpg

Foron os primeiros acordeonistas do noso país en facer gravacións deste instrumento. Triunfaron en Sudamérica a interpretar tangos, fox-trots ou polcas. Agora, o dúo Hermanos Moreira soa en dixital da man de Ouvirmos, que dedica a este conxunto o último número da súa colección A Tiracolo co título Acordeón Mariñeiro. Ademais do conxunto das gravacións que se conservan do grupo, o proxecto achega obras ata o de agora inéditas, cun total de 36 pezas. Ao tempo, un completo estudo afonda na carreira deste singular grupo.

O portal Ghastas Pista? celebra 10 anos de existencia

Xénero: Folk | 18 / 5 / 2009

imaxe non dispoñible

A web Ghastas Pista? centrada principalmente na música folk e tradicional celebra tal día como hoxe o seu décimo aniversario. Unha duración bastante sorprendente para a meirande parte dos proxectos en Internet e máis se, tomando en consideración as declaracións da súa responsable Raquel González Gamallo, comezou a facela pensando que sería "algo temporal”. Dun deseño austero e sinxelo, acorde coa súa característica non profesional o portal dá conta de producións discográficas actuais ou descatalogadas, centrándose principalmente no folk pero achegándose a outros estilos fusionados co son de raíz e converténdose nun referente da música tradicional na rede . Na súa nova etapa Ghastas Pista? pretende dar un paso máis alá e artellar unha rede social dentro do portal, arredor da música galega. Non é o único aniversario de hoxe xa que a empresa de servizos culturais Nonsí? que representa a artistas como Nani García, Fuxan os Ventos, Malvela ou Ophiusa celebra dous anos en activo.

A espectacular escenografía e vestiario de Graham Vick abre o Festival Mozart

Xénero: Clásica/Lírica | 18 / 5 / 2009

imaxe non dispoñible

O Festival Mozart arrinca este xoves na Coruña. Faino con Mitridate Re di Ponto, a primeira ópera italiana que Mozart compuxo con tan só 14 anos. A representación a cargo da Royal Opera House servirá para dar a coñecer o traballo de Graham Vick, escenógrafo homenaxeado nesta edición do festival. O espectacular vestiario e concepto escénico desta montaxe está inspirado nos teatros tradicionais orientais no que os personaxes están caracterizados como semi-deuses. Este é o ambiente no que se conta unha historia de amores, celos, envexas e ansias de poder entre irmáns. Será a primeira das tres óperas en cartel, todas elas con escenografía de Vick, dun festival que se prolonga ata o 14 xuño.

Sae Aries imperfecto primeiro disco en solitario de Eva Carreras

Xénero: Pop | 14 / 5 / 2009 + IMAXES

not_14703.jpg

A viguesa Eva Carreras acadou fama e recoñecemento tras participar na quinta edición de Operación Triunfo na que entrou pasando un casting no que cantou xunto á súa nai a canción <í>Fía na Roca . Esta mesma canción inclúese agora no disco. Aries imperfecto editado polo selo ourensán Zouma Records en no que Eva Carreras transcende do seu paso por OT buscando un repertorio de temas de nova composición xunto a clásicos da música pop escollidos á súa medida, en total 12 temas cantados en galego, castelán e mesmo portugués nos que busca demostrar a súa capacidade artística e o seu estilo persoal. A través da páxina web de Zouma Records. A artista está tamén preparando a súa participación o vindeiro 12 de setembro no espectáculo de música e danza en vivo "O camiño" onde, xunto a un grande elenco de artistas, representa a historia dun peregrino cara Santiago de Compostela.

Primeiro disco do Xacobe Martínez Antelo Trío xa á venda

Xénero: Jazz/Blues | 13 / 5 / 2009

not_14691.jpg

O Xacobe Martínez Antelo Trío é o segundo proxecto baixo o nome deste contrabaixista compostelán que tamén ostenta a titularidade dun quinteto e participa doutros proxectos musicais como U-lo Trío ou Sumrrá. O trío preséntase agora no mercado discográfico cunha gravación homónima do grupo e na que o contrabaixista, xunto ao saxofonista Pablo Castaño e o batería Max Gómez ofrecen nove cortes de jazz contemporáneo do seu repertorio orixinal. O disco Xacobe Martínez Antelo Trío está editado baixo o selo pontevedrés Free Code Jazz Records e xa pode mercarse na rede.

Félix Palomero deixa a Sinfónica de Galicia para dirixir o INAEM

Xénero: Clásica/Lírica | 8 / 5 / 2009

imaxe non dispoñible

En novembro de 2006 chegaba á Coruña para converterse no xerente da Orquestra Sinfónica de Galicia. Baixo o brazo de Félix Palomero (León, 1962) viña un impresionante currículo como director técnico da Orquestra e dos Coros Nacionais de España, dúas unidades de produción pertencentes ao Instituto Nacional das Artes Escénicas (INAEM), nos que acometeu unha fonda remodelación que lle levou seis anos. Agora, regresa ao INAEM pero como director. Substitúe a Juan Carlos Marset no seu cargo e ten por diante a tarefa de converter unha reforma profunda do instituto en Axencia.

<< Inicio / Anterior . 2841 a 2850 de 3576 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR