Ir ao contido directamente.


Noticias

A editorial Dos Acordes recupera o Quintento Monterrey

Xénero: Folk | 9 / 6 / 2009

not_14868.jpg

O Quinteto Monterrey de José Posada: nos xardíns da Tropical é o título do libro-disco que presenta este venres a editora Dos Acordes na Casa da Cultura de Verín ás 20:15 horas. A obra, resultado dunha investigación do músico Óscar Ibáñez, recupera a historia e o son desta formación de música tradicional que desenvolveu a súa actividade na Cuba a partir dos anos trinta. A obra inclúe gravacións de diferentes temas do grupo, textos introdutorios e outra documentación. No día seguinte á presentación, a Praza Xosé García Barbón de Verín acollerá un concerto de homenaxe ao grupo ás 22:30 horas.

Un estudo cuantifica en cinco millóns os ingresos que xenera o Festival de Ortigueira

Xénero: Folk | 8 / 6 / 2009

imaxe non dispoñible

É unha das citas de referencia do circuíto do folk de toda Europa. Pero, á marxe da repercusión musical do evento, o Festival de Ortigueira xera cinco millóns de euros á comarca entre os ingresos directos (os propios do festival), indirectos (principalmente os hostaleiros, que implican postos de traballo) e os inducidos (que atenden ao turismo e que inclúe, por exemplo, a xente que volve á comarca). Así o revela un estudo de impacto económico encargado polo concello da vila e que desenvolveu a Cámara de Comercio de Ferrol. O estudo conclúe que é o “principal motor turístico e económico da comarca”. Mentres tanto, xa está en marcha a vindeira edición (a número 25) que se celebrará do 9 ao 12 de xullo.

A Cidade de Vigo vólcase co Imaxina Sons, o festival de Jazz

Xénero: Jazz/Blues | 4 / 6 / 2009

imaxe non dispoñible

Hai un mes, o Concello de Vigo presentou un avance do que sería a V edición do Imaxina Sons, o seu festival de jazz. Agora xa se coñece o programa na súa totalidade, e nel destaca un interese por achegar este xénero musical a todos os puntos da cidade e para todos os públicos. A antesala do encontro comezará este sábado (6 de xuño) coa Orquestra “A tempo” percorrendo as rúas e prazas da cidade. O núcleo duro terá lugar do 25 de xuño ao 5 de xullo nos que haberá clases maxistrais, concertos noctámbulos, libros e conversa. De entre todo o programa destaca o concerto inaugural coa presenza do saxofonista norteamericano Charles Lloyd que presentara o seu traballo máis recente, Rabo de Nube.

Finaliza a primeira temporada do ciclo Sen batuta

Xénero: Clásica/Lírica | 4 / 6 / 2009

imaxe non dispoñible

O Cuarteto Quiroga fecha hoxe a primeira edición de Sen batuta, o ciclo de música de cámara que se celebra desde o pasado mes de setembro en Ourense. Con ocasión deste feche, Cibrán Sierra, coordinador do evento, adiantou que a segunda edición do ciclo desenvolverase entre o vindeiro tres de setembro e o 4 de xuño de 2010. Entre outros, está previsto que actúen na Cidade das Burgas formacións coma o Callino Quartet, didier Henry & Anne Lebozec, o Trío Ravinia, ou os artistas Vladimir Mendelssohn, Alain Mournier e Riner Schmidt.

Improvisados para vibrar

Xénero: Alternativa | 4 / 6 / 2009

not_14836_2.jpg

Sen ensaios, sen directrices, sen partituras, sen regras pero con moito ritmo. Estes son os sinais de identidade da música que sonará a partir de hoxe polas rúas e escenarios de Santiago. Fai parte do primeiro encontro internacional de improvisación libre de Galicia, o “Festival Vibracional TPS”, no que non hai nada improvisado.

Sae ás tendas o EP Noviembre dos vigueses ESENIA

Xénero: Rock | 2 / 6 / 2009 + VIDEO

not_14826.jpg

A banda viguesa ESENIA saca estes días ao mercado o seu primeiro EP Noviembre (Silent Tree Productions) que desde hoxe está distribuído nas tendas Fnac e El Corte Inglés. O grupo, nacido en Vigo no verán de 2004, xa ten detrás outras gravacións autoproducidas, a última delas El Templo de las mareas (2007). Con Noviembre ESENIA dá paso á nova etapa comezada ao asinar o seu management con Silent Tree, coa que produce o disco gravado nos estudios Metrópolis (Vigo) e masterizado por Mika Jussila en Finnvox (Finlandia). Dos catro temas que enchen Noviembre xa está presentado o videoclip do que dá nome ao álbum, gravado por J. S. Raimundi. Proximamente o grupo incluirá a canción Resurrection no duplo CD de tributo á banda alemá Running Wild, que baixo o título de ReUnation - A Tribute To Running Wild se editará o vindeiro inverno a través de Remedy Records.

Os internautas escollerán os grupos noveis do Festival de Ortigueira

Xénero: Folk | 1 / 6 / 2009

imaxe non dispoñible

As tres bandas máis votadas polos internautas serán as protagonistas do escenario Runas, destinado a grupos noveis, no vindeiro Festival de Ortigueira. Os interesados en actuar neste veterán evento teñen ata o vindeiro dez de xuño para remitirlle a organización 3 temas en MP3, dos que cando menos un ten que ser propio. Un comité da organización fará unha primeira selección de dez grupos aos que poderá votar entre o 15 e o 30 de xuño. Os tres seleccionados abrirán o festival o día nove de xullo e recibirán 1.000 euros cada un. É a primeira vez que se opta por este sistema para escoller os grupos deste escenario.

O selo BluSens Music preséntase en sociedade co novo disco de Cornelius

Xénero: Rock | 29 / 5 / 2009 + VIDEO

not_14800.jpg

Cornelius abríu cun cheo total na Sala Capitol a súa nova andaina no que foi tamén o acto de presentación do selo BluSens Músic cunha aposta pola distribución musical diferente usando para iso unha edición especial dun dos reprodutores MP4 da firma compostelá de electrónica de consumo Blu:Sens que collerá como nome “Cornelius 1960” e que se distribuirá comercialmente por 30 países. Así algúns dos temas do grupo no novo traballo ”1960” presentáronse onte en directo e dous deles, así como o seu primeiro videoclip iran incorporados nestes reprodutores para despois pasar o disco enteiro ás plataformas musicais de venda electrónica máis coñecidas e ao pasar o verán ofreceranse novos formatos. A banda debutou discográficamente con Greatest Hits (PAI Musica, 2007) álbum co que conseguiron chamar a atención da crítica e o público. Cos novos temas Cornelius mantén o seu son no que fusionan influenzas diversas, o disco foi gravado en diversos estudios durante varios meses e na súa produción colaboraron o británico Mick Glossop e o enxeñeiro neoiorquino Tutsuya Sato que teñen traballado con xente como Van Morrison, Suede, Madonna ou Amy Winehouse.

Quince anos fiando

Xénero: Folk | 28 / 5 / 2009

disco_14790.jpg

A primeira vez que Fía na Roca se subiu a un escenario, facíano coa intención de traballar coa música tradicional galega, dándolle novos aires, achegándoa a todos os públicos. Moitas cousas mudaron desde entón, como os cambios dentro da formación, pero iso non evitou que o seu empeño inicial se mantivera intacto. E o reflexo disto pódese ver Quince maios, o seu último traballo que recolle un concerto gravado o pasado 30 de xuño no Teatro Principal de Santiago.

A evasión vai por dentro

Xénero: Rock | 27 / 5 / 2009 + VIDEO + AUDIO

not_14782.jpg

O grupo compostelán Ataque Escampe presenta estes días o seu novo disco a través da plataforma A Regueifa nunha versión dixital á que seguira nos vindeiros días de xuño unha edición en formato físico que se distribuirá en tendas. A grande evasión ofrece en dezanove temas unha viaxe de fuxida e volta a modo de epopea, con historias que “son coma souvenirs: pequenas e baratas na súa extensión, mais enormes ao nos transportaren ao lugar máis inseguro, capitais a arder de ruído, continentes especiais, espaciais”. Dentro da viaxe á que invita o disco hai tres pequenas pezas instrumentais dedicadas a cada un dos aeroportos galegos. O grupo muda minimamente a súa formación neste disco coa incorporación de Lois, que se ocupa dos teclados, e que substitúe o acordeón de Francesc. A grande Evasión gravouse no Home Studio do Edificio Avante (Santiago de Compostela) durante o mes de marzo e foi mesturado e masterizado en abril de 2009 por Marcos Payno e Tomás Axeitos.

<< Inicio / Anterior . 2831 a 2840 de 3576 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR