Noticias
Alalá continúa na TVG para a vindeira temporada
Xénero: | 30 / 6 / 2009
As dúbidas sobre a continuidade do programa Alalá na programación da TVG despéxanse. O blog deste espazo anunciaba o pasado día 25 que está confirmada a emisión da quinta temporada para o vindeiro outono. O equipo do programa sinala tamén que no último ano conseguiron unha media dun 18,6 % de audiencia, a mellor da súa historia.
Cultura encarga unha composición musical de gran formato para estrear na Catedral no Xacobeo
Xénero: | 30 / 6 / 2009
Cando en febreiro se presentou o programa do festival Via Stellae (Festival de Musica de Compostela e os seus camiños) para este 2009, xa se apuntou que sería unha edición de transición, xa que os ollos estaban postos no Ano Xacobeo. Agora, un día antes de que comece a programación oficial deste encontro, o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, acaba de adiantar unha das sorpresas da vindeira edición: a Catedral acollerá unha obra musical de gran formato que se lle encargará a un “de renome e de recoñecido prestixio”. Isto únese ao xa presentado en febreiro, a presenza de Daniel Baremboim coa Saatskapelle de Berlin ou a escenificación da ópera de Haendel, Rodelinda.
Concertos e conferencias achegan o contrabaixo ao público compostelán
Xénero: | 30 / 6 / 2009
Para moitos, o contrabaixo leva o nome de Ludwig Streicher, o vienés que tocou este instrumento como ninguén. Na súa memoria, a Escola de Altos Estudos Musicais organiza desde hai oito anos un programa lectivo para os seus alumnos que, en cada edición, gaña máis proxección pública. Chámase Festival Ludwig Streicher e desenvólvese do 1 ao 8 de xullo en Santiago. Ademais das clases, esta edición contará con tres concertos abertos e dous recitais abertos ao público, así como unha serie de conferencias e master-class.
Fecha o estudio vigués Áreamaster
Xénero: | 30 / 6 / 2009
Un dos maiores espazos destinados á gravación de música en Galicia, o estudio Áreamaster de Vigo, fecha as súas portas. As débedas acumuladas provocaron que os responsables da empresa optasen por cesar a súa actividade, deixando así o noso país sen 1.500 metros de superficie dedicados a rexistro sonoro, ensaios e formación, así coma á sala de concertos Breogáin. O último traballo que saiu da mesa deste estudio foi o DVD cun directo de Vargas Blues Band que se gravou a finais de 2008.
Dez anos de tolemia
Xénero: | 30 / 6 / 2009
O estudio Casa de Tolos, unha das referencias no campo da gravación musical en Galicia, está a facer estes días dez anos. Unha década que deu para arredor de 300 gravacións de todo tipo e que nos permite reflexionar, de man de Segundo Grandío, responsable do proxecto, sobre o traballo de rexistrar sons.
O Festival Mozart estrea unha versión galega do Esquío esperto
Xénero: | 26 / 6 / 2009
Hai cincuenta anos Nino Rota, coñecido por ser o compositor da banda sonora do Padriño, compuxo unha ópera baseada nun conto de Eduardo de Filippo. Unha composición e libreto que os organizadores do Festival Mozart quixeron traer á Coruña no marco do seu ciclo “Öpera en Familia”. Joám Trilho foi o encargado de facer a adaptación para esta produción propia que ten un reparto de voces galegas case na súa totalidade. O papel do esquío é para a soprano Paloma Silva, que chega de acaba de participar na ópera Werther. Nesta montaxe participan a Orquestra Sinfónica de Galicia e o seu coro. Alfonso Romero Mora, vencellado ao Staatstheater de Darmstadt, é o director de escena.
Veciños de Redondela participan nunha zarzuela baseada en Xan Carallás
Xénero: | 26 / 6 / 2009
Conta a lenda popular que Xan Carallás foi o veciño que fundou a vila de Redondela. Unha historia que Suso Cameselle estivo investigando e analizando durante máis de dous anos e que agora pon en escena a fronte do grupo de teatro xuvenil, Disonada. A zarzuela estréase hoxe no multiusos da Xunqueira (20:30) e conta coa participación de sesenta persoas entre actores, músicos e bailaríns de entre 10 e 16 anos. A zarzuela sobre Carllás é a segunda dunha triloxía que Cameselle está a realizar sobre lendas redondelás. Ademáis da representación, o multiusos acollerá unha exposición sobre o protagonista desta historia.
A música que chegou do leste
Xénero: | 24 / 6 / 2009
“Aquí temos o estereotipo de que o jazz é unha música tocada por xente de raza negra, principalmente, afroamericanos , e que se compón dunha serie de instrumentos como a trompeta, contrabaixo, o saxo, a batería, e un par de instrumentos máis” explica Baldo Martínez, o director artístico do Imaxina Sons, o festival de Jazz de Vigo. Un encontro que leva cinco anos a romper con eses tópicos exhibindo o máis vangardista e, por suposto, o lado europeo do jazz. Escoiten ben porque hoxe abre as súas portas.
New York Dolls e The Wedding Present encabezan os carteis do Cultura Quente de Caldas
Xénero: | 24 / 6 / 2009
O Festival Cultura Quente de Caldas celebrará este ano a súa duodécima edición condicionado baixo o sino da crise económica. A ausencia de patrocinadores sumada ao feito de que as axudas públicas solicitadas á Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e Ministerio de Exteriores levou á Produtora Esmerarte a reducir as expectativas desta cita musical, que con 113.000 euros máis IVE procedentes do Concello de Caldas presenta un cartel de 14 propostas musicais programadas consecutivamente nun só escenario. Así o venres 10 de xullo o cartel estará encabezado polos mítico New York Dolls e tamén actuarán Igloo, Arizona Baby, os franceses Kap Bambino, os belgas Vive la Fête e o produtor inglés Jeff Automatic. No sábado 11 actuarán na Carballeira de Caldas os británicos The Wedding Present, Lagartija Nick, Facto Delafé y Las Flores Azules, os franceses Atomic Garden, Zahara, os pontevedreses Delahoja e pecharán a noite Pin&Pon Djs.
Ourense e Compostela celebran con actuacións o Día da Música
Xénero: | 19 / 6 / 2009
A celebración este domingo 21 do Día Europeo da Música deixa a súa pegada nas programacións culturais da fin de semana. Deste xeito, en Ourense celébrase o Festival Heineken, que conta con Dj Torgal, Sevigny, Elodio y los seres queridos e Lori Meyers, entre outros, nun proxecto que agrupou en dúos os participantes para facer versións inéditas. Pola súa banda no Concello de Santiago céntranse as celebracións no Casino da Cidade, onde haberá actuacións de jazz, música clásica ou folk desde as 12 da mañá ata ás nove e media da noite. No mesmo día a Praza do Toral acollerá os concertos de José Nine Cuarteto e Bakin Blues Band, e en Praterías actuará Lobalú Trío. Pola súa banda, Milladoiro celebra a data achegando un 25% de desconto a todos os discos que se mercen no seu web neste día.


