Ir ao contido directamente.


Noticias

Cultura compromete o seu apoio á Orquestra Gaos

Xénero: Clásica/Lírica | 15 / 7 / 2009

imaxe non dispoñible

A orquestra Gaos, que reúne 150 músicos de entre 15 e 25 anos, presentouse onte na Coruña con bo pé. O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, comprometeu o apoio do seu departamento á nova formación, sinalando que "queremos facer algo con eles no vindeiro Xacobeo e, na medida do posible, levalos de xira dentro do Via Stellae ou outros festivais". Varela amosou o seu interese en integrar a orquestra nos circuítos de música clásica do país e comparou o compromiso coa mesma cos apoio que a Xunta xa mantén coa Sinfónica de Galicia e coa Real Filharmonía.

A experiencia de mesturar sons

Xénero: Folk | 15 / 7 / 2009

imaxe non dispoñible

Ameaza con ser un dos fenómenos musicais deste verán. Os tres concertos do proxecto Descarga ao vivo achegan ao noso país, da man da Central Folque unha experiencia única de fusión entre música galega e cubana. O evento reúne unha quincena de músicos que interpretan alboradas, danzón, rumbas ou pezas clásicas do repertorio galego en versións inéditas ata o momento.

A 25ª edición do festival de Ortigueira conseguiu chegar aos 100.000 asistentes

Xénero: Folk | 13 / 7 / 2009

imaxe non dispoñible

A crise non parece ter afectado ao Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira que este ano conseguiu incrementar o seu número de asistentes. Segundo as estimacións do Concello de Ortigueira foron 100.000 as persoas que este ano se achegaron á localidade nos catro días do festival. Esta cifra supón un incremento de 10.000 persoas respecto ao ano anterior nun evento que adoita ser, segundo os anuarios da SGAE, o que máis público convoca en todo o Estado. Segundo un estudio da Cámara de Comercio de Ferrol o festival xera cinco millóns de euros de ingresos á comarca. Neste contexto de éxito da convocatoria o gaiteiro Xosé Manuel Budiño realizou a gravación en directo da súa actuación no festival o sábado, un concerto que integrará un proxecto audiovisual en DVD.

A revista Rockzone distribúe o terceiro disco de Aphonnic

Xénero: Rock | 8 / 7 / 2009 + VIDEO

not_15067.jpg

O terceiro disco do grupo vigués Aphonnic pode atoparse estes días nos quioscos de toda España incluído como agasallo co número 50 da revista Rockzone. Dez milleiros de copias de 6 Bajo Par saen así as rúas dun só golpe. O disco, terceiro da formación despois de Silennce (PAI Música, 2003) e Follproof (Autoedición, 2006), está editado por Maldito records e foi gravado e masterizado nos xa pechados estudios Areamaster de Vigo. 6 Bajo Par presenta 10 novos temas da formación “metaleira” nos que hai unha maior presenza de letras en castelán fronte ao inglés predominante en traballos anteriores. Xa está na rede o videoclip do tema “Dios da”, deste disco.

Os músicos ao vivo reúnense para crear unha plataforma

Xénero: Miscelánea | 3 / 7 / 2009

imaxe non dispoñible

Os artistas que se dedican á música en directo no noso país teñen unha cita o vindeiro domingo 5 de xullo ás 17:00 horas no Auditorio de Galicia. O encontro pretende crear unha "plataforma de intercambio de información e opinión" e desenvolver unha Asociación Galega de Músicos ao Vigo que outorgue unha voz común ao colectivo. A iniciativa pretende abranguer tanto afeccionados coma profesionais que teñan coma nexo común o tocar en directo.

Coanhadeira presenta o seu primeiro disco Haique

Xénero: Folk | 3 / 7 / 2009 + AUDIO

not_15041.jpg

Cunha festa- concerto no Café Grándola de Ourense celebrará o grupo Coanhadeira este sábado a saída do seu primeiro disco HAIQUE. A formación inicia tamén con esta actuación a xira de presentación deste traballo que xa ten 18 concertos fechados para este verán. O grupo está formado por Patrícia López, voz e pandeireta; Xerardo Quintela, acordeón; Xesus Pérez ”Chechu”, gaitas, whistle e zanfona; Marco Pérez, batería e percusións; Óscar Freire, gaitas e saxos e Fran X. Gómez, clarinete e guitarra. Xurde primeiro como grupo de “gaiteiros”, partindo dunha base eminentemente tradicional e baseándose na recollida da tradición musical popular. HAIQUE recolle o principal do repertorio do grupo dende a súa formación, con renovacións de arranxos nalgún caso, e conta coas colaboracións de Guadi Galego e Fonso “Skarnio”. O grupo está detrás de todos os procesos que levaron a sacar HAIQUE, dende a pre-produción, a idea orixinal ( plasmada por Heitor Real), até a mestura e seguramente a distribución. Asemade Coanhadeira xa está a preparar os temas do que será o seu segundo traballo, con data prevista de saída a comezos do 2010.

A banda Invivo presenta o seu primeiro disco Introvisión

Xénero: Rock | 2 / 7 / 2009

not_15038.jpg

A banda compostelá de metal cru INVIVO edita coa empresa valenciana Producciones Malditas o seu primeiro longa duración, INTROVISIÓN. O disco físico aparece distribuído en tendas por Lonxa Cultural e en formato dixital a través de Maldito Digital. Consta de 13 temas propios gravados e mesturados por Yago Pico en Pousada Son Studios de Ames e masterizados por Peter In de Betou en Tailor Maid Studios de Suecia . O grupo gañou recentemente o III Festival Millarock conta con outras gravacións anteriores para os discos colectivos Apostolocausto (2007) e Derrameidea (2008). Invivo formouse a primeiros de 2006 polos músicos veteranos da escena metal e rock galega Ricardo González (batería), Mario César (voz e guitarra), Roberto Couto (guitarra) e Roberto Filgueira (baixo e coros).

Juan Carlos Fernández Fasero é o novo director de AGADIC

Xénero: Miscelánea | 2 / 7 / 2009

not_15035.jpg

O Consello da Xunta deste xoves oficializou o nomeamento do novo director da Axencia Galega das Industrias Culturais. O músico Juan Carlos Fernández Fasero será o responsable de AGADIC substituíndo a Miguel Martín. Fasero é membro do grupo folk Mutenrohi, ademais de ter publicados varios discos en solitario. Ademais, é creador do selo discográfico Zouma Récords e responsable do estudio de gravación Desfase Sound. Fasero é tamén secretario de AGAPHONO (Asociacion Galega de Fonograficas) e vicepresidente de AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) ademais de formar parte da corporación municipal de Arnoia polo Partido Popular.

Mugardos e Keresú publican un disco en galego e guaraní

Xénero: Cantautor | 1 / 7 / 2009

not_15027.jpg

Coa intención de establecer un diálogo musical entre dúas linguas minoritarias o galego Xavier Mugardos e a arxentina Natalia Carossi "Keresú", publican Cantos das dúas beiras, o primeiro disco gravado en galego e na lingua guaraní da comunidade indíxena amazónica. O traballo conxunto dos dous músicos presenta once cancións, sinxelas pero fermosas, construídas con dúas guitarras e a cálida voz de Keresú. O disco foi gravado co mesmo son que o dúo presenta nos seus directos para reivindicar a música como un traballo artesán sen intervención das máquinas.

Descarga ao vivo fusionará a música cubana e a galega

Xénero: Fusión | 1 / 7 / 2009

imaxe non dispoñible

A Central Folque está a coordinar a xira galega do proxecto Descarga ao vivo, que mestura música galega e cubana. A iniciativa, que se presentou na Habana en febreiro de 2008, chega ao noso país con tres concertos que se celebrarán na Coruña (23 de xullo), en Compostela (25 de xullo) e en Vigo (30 de xullo). Os espectáculos contarán coa presenza de músicos dos dous países, coma Guadi Galego, Quim Farinha, Ugia Pedreira, Oscar Fdez., Xabier Díaz, Edelmiro Fdez., Pablo Castanho, Pablo Pascual, Gutier Álvarez, Raciel Jiménez, Adonis Ríos e J.M. Díaz. A organización puxo en marcha un concurso de fotografías de época no que se repartirán dez entradas.

<< Inicio / Anterior . 2801 a 2810 de 3576 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR