Ir ao contido directamente.


Noticias

O festival de Jazz de Pontevedra comeza hoxe a súa 29ª edición

Xénero: Jazz/Blues | 7 / 8 / 2023

imaxe non dispoñible

A Praza da Ferraría de Pontevedra acollerá hoxe co concerto de Gisele Jackson and The Shu Shu’s o comezo da 29ª edición do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra que terá lugar ata o 11 de agosto. A edición deste ano, que se moveu das súas datas tradicionais de xullo a agosto, porá o foco no blues e no soul, sen esquecer o jazz que quedará nas mans dos músicos galegos presentes nesta edición. Estas músicas terán representación a través das artistas internacionais Gisele Jackson, Acantha Lang e Vanessa Collier, namentres a parte máis "jazzera" do cartel recaerá nos pontevedreses Pablo Patiño e Mr. River. Todos os concertos serán de balde e tamén a Street Band Chivinjazz percorrerá as rúas da cidade todos os días que dure o festival ás 12.30 e ás 20 horas. O concerto de hoxe supón un cambio de última hora ao caer do cartel a artista Carolyn Wonderland por razóns de saúde. A organización, nun movemento áxil e a contrarreloxo, logrou confiar este día a Gisele Jackson and The Shu Shu’s.

Un documental para conmemorar 30 anos da Mostra de Instrumentos de Pardiñas

Xénero: Folk | 4 / 8 / 2023

imaxe non dispoñible

Este sábado e domingo terá lugar en Pardiñas (Guitiriz), Lugo a Mostra de Instrumentos de Música Tradicional de Pardiñas e o festival a ela asociado. Será a 30ª edición deste evento que supón una das máis importantes citas co artesanado musical da península. En conmemoración polo aniversario ven de estrearse o documental "Labrando Músicas", un traballo audiovisual de 25 minutos presentado pola Asociación de Gaiteiros/as Galegos/as, producido polos cineastas Olaia Tubío e Alejandro Gándara ("Dorothè na vila") que, ademais, é o director artístico do mesmo. O documental xa está dispoñible na canle YouTube da AGG.

O festival de rúa Feito a Man celebra o seu 20 aniversario

Xénero: Miscelánea | 2 / 8 / 2023

imaxe non dispoñible

Este xoves, 3 de agosto dará comezo unha nova edición, a vixésima, do festival Feito á Man de Santiago de Compostela, que encherá de música ao vivo as rúas e prazas da cidade vella ata o 24 de agosto e contará con máis de corenta propostas artísticas de diferentes estilos musicais. O festival está organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella que, desde 1987, reúne establecementos de hostalaría da zona vella compostelá cun claro compromiso coa cultura e coa cidade. O Feito á man dará comezo hoxe, día 3 de agosto na rúa Xelmírez co grupo Maricarme e rematará o día 24 de agosto na praza de San Martiño Pinario co grupo Grampoder.

Xoel López presenta disco en directo do concerto ' X Aniversario Atlántico'

Xénero: Pop | 1 / 8 / 2023

xoel_x_aniversario_atlantico.jpeg

O concerto na Coruña co que Xoel López celebrou o pasado ano o décimo aniversario do seu primeiro disco en solitario Atlántico( 2012) ven de converterse nun novo disco na súa carreira. O artista presenta estes días ' X Aniversario Atlántico' (Esmerarte) en todas as plataformas, un disco directo que recolle os temas interpretados naquel concerto de conmemoración. O lanzamento sae acompañado do vídeo correspondente á canción 'Hombre de ninguna parte' coa que abre o disco no que ofrece ata 12 temas. Xoel é tamén noticia porque ven de presentar fai unhas semana a canión "Fort Da", primeiro adianto do seu vindeiro disco de estudio 'Caldo Espírito' que se estreará o vindeiro outono.

O Trad Fest fai un repaso á diversidade da música de raíz

Xénero: Folk | 28 / 7 / 2023

imaxe non dispoñible

Unha nova edición do Trad Fest encherá o próximo domingo a praza da Quintana e o parque de Bonaval de Santiago de Compostela cunha selección de voces da música de raíz dos panoramas galego e internacional. O festival inclúe na súa programación obradoiros, ruadas, espazos gastronómicos e unha feira de artesanía e un cartel musical con artistas como Xurxo Fernandes, Xoán Curiel ou Verónica Codesal para brindarlle ao público máis de 12 horas ininterrompidas de música, baile, tradición e vangarda. O evento representa unha oportunidade de achegarse á variedade e calidade dun dos xéneros musicais máis puxantes da nosa escena musical.

Silvia Penide renova o seu compromiso coa música en "Mientras dure el aplauso"

Xénero: Cantautor | 27 / 7 / 2023

mientraduraelaplauso_Spenide.jpg

Silvia Penide cumpría anos este pasado día 26 de xullo e aproveitou o momento para facer a presentación do seu novo traballo discográfico que é, nas súas propias palabras "resumo de vida e de compromiso". Con este disco a artista de Arteixo celebra neste 2023 dúas décadas sobre os escenarios e faino co seu primeiro traballo discográfico publicado en vinilo e de edición limitada, "Mientras dura el aplauso". Neste peculiar álbum de cor blanca, mesturado e masterizado por Arturo Vaquero, do que só aparecerán nas tendas 250 exemplares numerados a man pola propia Silvia, os seus seguidores poderán escoitar algúns dos temas máis coñecidos da súa traxectoria, interpretados na compaña de outros músicos aos que admira da escena musical galega e española. Contén ademais un tema inédito, entre os dez que o conforman, titulado "El colchón y el diván". Con "Mientras dura el aplauso" Silvia Penide renova o seu compromiso coa música, condicionado, iso si, a que soen os aplausos da xente que a segue e vai aos seus concertos.

A Pobra do Brollón presenta o seu Festival de Improvisación Oral

Xénero: Miscelánea | 19 / 7 / 2023

imaxe non dispoñible

O primeiro encontro de improvisación oral da Pobra de Brollón bota a andar na fin de semana do 22 e 23 de xullo. O festival Brindadeira nace cunha programación na que participarán "improvisadoras de brindo e regueifa de toda Galicia e mais da tradición vasca de bertso". Segundo explica o concello, con esta iniciativa quérese recuperar a tradición do brindo, forma de improvisación oral propia da zona.

Pablo Sanmamed transforma en música a inquietude migratoria

Xénero: Jazz/Blues | 18 / 7 / 2023

imaxe non dispoñible

"Zugunruhe" é un termo alemán que se usa para describir un comportamento animal de ansiedade visible nas especies de costumes migratorias, especialmente nas aves, cando lles chega o momento de iniciar o seu periplo. Pódese traducir como "inquietude migratoria" e así co termo alemán e a súa tradución serve de título ao terceiro disco de estudio do compositor, contrabaixista, director musical e produtor, Pablo Sanmamed. O concepto mesmo do que fala ese título motiva parte das composicións deste disco, como tamén o fai o seu antónimo, a quietude, ou a ausencia des necesidade de movemento. Sanmamed, que pasa por un período especialmente fértil de escritura, gravacións e recoñecemento, presenta este álbum acompañado por Iago Mourinho ao piano e Bruno Couceiro á batería, habituais do seu trío, aos que se engade nesta ocasión o óboe e o corno inglés de Benxamín Otero, para dar forma a un cuarteto que forxa un son comunitario inmersivo.

Luar na Lubre bota o ollar atrás no seu vixésimo álbum

Xénero: Folk | 14 / 7 / 2023

encrucillada_XX_luar_na_lubre.jpg

Da man de Baía Edicións este 14 de xullo preséntase ao público XX- Encrucillada. O novo traballo de Luar Na Lubre, vixésimo da súa carreira discográfica, é unha ollada atrás á historia dunha banda que cumpre 37 anos en activo en 2023. Ademais, a formación sinala que este será probablemente o seu último traballo en formato físico.

O XXIV Memorial Ricardo Portela homenaxeará a Concha de Luneda

Xénero: Folk | 13 / 7 / 2023

imaxe non dispoñible

Esta fin de semana (14, 15 e 16 de xuño) terá lugar en Pontevedra a XXIVª edición do Memorial Ricardo Portela, un evento da nosa cultura tradicional que serve para festexar a figura deste gaiteiro histórico. A AGG (Asociación de Gaiteirxs Galegxs) organiza este encontro que durante tres días reunirá nas inmediacións da praza da Ferrería de Pontevedra un feixe de actividades, concertos, pasarrúas e mostras de artesáns que son reflexo da cultura tradicional arredor da música. Este encontro que leva o nome do gaiteiro de Viascón servirá este ano para homenaxear tamén a outra figura pola súa achega ao patrimonio musical do país. Este ano será Concepción Rodríguez Álvarez (Arbo, 1926 –2019), "Concha de Luneda" a que reciba este recoñecemento.

<< Inicio / Anterior . 231 a 240 de 3538 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR