Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Cantautor
Música Cantautor
Fernando Tato presenta Aún más animal en mi
Xénero:
| 21 / 10 / 2016Un ano despois de presentar El animal en mí, o cantautor e actor naronés Fernando Tato volve á carga e reedita aquel primeiro álbum. Aún más animal en mi completa os temas daquel debut a achegar demos, directos, vídeos, material inédito e o documental do concerto que deu o artista o pasado mes de marzo na compostelá Sala Capitol. O álbum está marcado por cancións sobre o amor e o desencontro, e sae como o anterior da man do selo Granja Beat. Logo do lanzamento da edición física este 21 de outubro, a partir do vindeiro 24 estará dispoñible o álbum na versión dixital.
Héctor Lorenzo musica a Raúl Gómez Pato
Xénero:
| 15 / 9 / 2016Un libro de dezasete poemas para os lectores e as lectoras máis novas. Esta é a proposta de Cousas de papá, o libro de Raúl Gómez Pato que xa se pode atopar nas librarías da man edicións xerais. Segunso explica a presentación do volume "é un libro de poemas escritos por un pai algo tolo e moi divertido, que viaxa en vasoira, constrúe hidroavións de papel, escorrenta os pesadelos e domina á perfección a linguaxe da fantasía". Para alén dos versos, o volume achega moito máis, xa que os textos están arroupados polas ilustracións de Blanca Barrio, e dez dos dezasete foron musicados por Héctor Lorenzo e conta con colaboracións de Ana Domínguez Senlle, Lucia da Fonte, Manolo Carballo, Paulo Silva, Sérgio Tannus, Quim Farinha e Uxía.
Arturo Rodríguez é Indomable
Xénero:
| 14 / 7 / 2016O músico Arturo Rodríguez faino todo. Voz, guitarra, bombo, harmónica e pandeireta compoñen o seu arsenal en Indomable, un proxecto unipersoal co que acaba de presentar o seu primeiro traballo. Incondicional e imperfecto achega oito temas de aires indie-folk acústico con ambientes naturais gravados e arranxos de piano da man de Sergio Delgado. Neste novo proxecto o creador afástase das súas experiencias en xéneros como a electrónica e do seu traballo como parte de El Cuerpo del Ritmo para se centrar en temas íntimos e melódicos, que gravou nos estudios Bruar da Coruña. Logo de presentar o disco no Playa Club da Coruña a finais do pasado mes de xuño, a xira está prevista a partir do vindeiro mes de setembro con paradas en Pontevedra, Laxe, Ferrol, Ourense, Vigo ou Baiona.
Xosé Constenla fai unha Virada por avante
Xénero:
| 22 / 2 / 2016A Casa das Crechas, en Santiago, acolle este venres 26 o concerto de presentación do novo disco de Xosé Constenla. O cantautor compostelán lanza Virada por avante, unha colección de once novas cancións nas que o artista asegura fai un xiro cara ao son folk-rock americano. O álbum, autoeditado baixo o selo Setestrelo, foi producido por Fredi Marugán e masterizado nos Staterooms Studios por Oscar Herrador. A xira continuará o 27 de febreiro por Ourense e o 12 de marzo cun grande recital no Salón Teatro de Compostela
Santiautor bate marcas na súa sétima edición
Xénero:
| 17 / 2 / 2016A sétima edición do Santiautor, o ciclo que cada ano se lle dedica á canción de autor e Compostela, bate marcas. En total, o programa do evento inclúe 25 conciertos, nos cales participarán 16 artistas galegos, entre o 4 de marzo e o 14 de maio. A Sala Sónar, o Auditorio La Salle, o Teatro Principal, o Salón Teatro e a Sala Capitol son espazos confirmados para esta xeira, que inclúe nomes recoñecidos como Guadi Galego, La Bien Querida, Ismael Serrano, Marwan, El Kanka, Nastasia Zürcher, Amaro Ferreiro ou Tom Trovador e Silvia Penide entre outros.
Bea a de Estrella debuta en Mar de fóra
Xénero:
| 4 / 2 / 2016Once cancións en galego e en castelán sérvenlle de presentación a Bea a de Estrella. A cantautora de Culleredo autoedita Mar de fóra un proxecto no que integra sons cubanos, toques de blues e de jazz e achegamentos ao pop con letras líricas e persoais. A artista achégase tamén á experimentación sonora con toques folk no recitado de O Mar, e o volume achega parte das súas vendas á Asociación Galega de Afectad@s e Familiares de Acondroplasia, á que tamén está dedicado o tema Mi punto de vista. A xira de presentación, que comezou o pasado mes de decembro, non ten aínda datas confirmadas para os vindeiros meses.
Roger de Flor estrea Apelón en Ferrol
Xénero:
| 8 / 1 / 2016Cancións en galego, castelán italiano e inglés compoñen o novo traballo do cantautor fenés Roger de Flor. Apelón toma o seu nome da rúa de Mugardos onde viviu o músico e achega unha selección de temas propios combinados con adaptación de temas alleos. Así, De Flor transforma The Wind de Cat Stevens en A néboa, ou o Dirty Old Town de Ewan Mckoll en Ferrol Vello. O álbum autoeditado preséntase este sábado 9 de xaneiro no Centro Cultural Torrente Ballester, nun concerto que contará con colaboracións como as de Álvaro Lamas, Cabe García, Javier Polo, Sergio Galego ou Eugenia Sanmartín e no que se repasarán, canda aos temas desde álbum, clásicos do autor. A entrada custa seis euros e inclúe unha copia do disco. De Flor continuará a partir de febreiro a xira de presentación do traballo.
Sofía Espiñeira debuta con Alá onde agroman as herbas
Xénero:
| 4 / 1 / 2016Meses despois de se facer cos premios do público e do xurado no II Certame de Canción de Autor en Galego Concello de Teo, Sofía Espiñeira acaba de lanzar o seu primeiro álbum. Alá onde agroman as herbas achega nove temas nos que a autora integra influencias da música tardicional e transcende a perspectiva máis canónica da música de cantautor. A Arca da Noe, en Vilar de Santos, acollerá o vindeiro 12 de febreiro a próxima cita da artista.
Emilio Rúa lanza Querida alegría
Xénero:
| 29 / 12 / 2015O sexto disco de Emilio Rúa xestouse moi rapidamente. Mentres está a preparar un álbum de duetos para o que conta con destacadas figuras da canción estatal, o cantautor ourensán artellou Querida alegría, un disco financiado vía crowdfunding que presenta este trinta de decembro no Liceo de Ourense. O traballo mestura versións e temas orixinais con colaboracións como as de Daniel Minimalia, Kepa Junquera, Carlos Blanco, Xestreu ou Queixumes dos Pinos.
Unha inédita alianza de cantautores lanza Cincoparedes
Xénero:
| 11 / 12 / 2015Teñen carreiras en solitario e apostan polos temas propios. Iso non quita que os cantautores Silvia Penide, Félix Arias, Luis Moro, César de Centi e Nando Deibe teñan apostado por unha alianza para o proxecto común Cincoparedes, que presente esta noite o seu primeiro disco, homónimo. O que comezou como un proxecto escénico puntual en xaneiro deste ano deu nunha serie de concertos e finalmente nesta gravación, que achega quince temas orixinais que os membros do colectivo interpretan en conxunto, incorporando ás guitarras instrumentos como piano, ukelele, armónica ou percusión. O Ágora da Coruña acolle esta noite a presentación do proxecto, que se gravou nos estudios Bruar da Cidade Herculina.