Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
A produción galega é finalista en catro categorías dos Premios da Música
Xénero:
| 26 / 1 / 2010Álbum de música tradicional -Alborada do brasil de Carlos Núñez e ao vivo de Luar na lubre-, mellor intérprete de música clásica -a Real Filharmonía de Galicia-, mellor canción en galego -A nosa estrela de Juan Carlos Fernández Fasero-, máis coñecido actualmente polo seu traballo como director da Axencia Galega das Industrias Culturais; Madama de Guadi Galego e Nada de Carlos Bau e mellores arranxos -Carlos Núñez por Alborada do brasil- son as categorías ás que optan varios músicos galegos. Ademais, a produción galega Cela 211 está presente nos premios da música grazas á candidatura a mellor álbum de banda sonora cinematoráfica -composta polo andaluz Roque Baños-. Os gañadores da 14 edición dos premios da música daranse a coñecer o vindeiro 17 de febreiro nunha rolda de prensa.
Sons miúdos
Xénero:
| 12 / 1 / 2010Moito se ten falado nos últimos anos do bo momento que vive a música galega, cunha grande cantidade de grupos e variedade de estilos. Ao carón dos nomes máis coñecidos, existe toda unha serie de producións que sobreviven centradas nun sector de público que a miúdo pasa desapercibido no panorama musical: os máis novos. Aínda que poida semellar o contrario, no noso país contamos cunha boa lista de propostas musicais pensadas especificamente para nenos e nenas.
Música: Os mellores de 2009
Xénero:
| 7 / 1 / 2010O ano musical en Galicia caracterizouse por exitosos debuts e polas gravacións en directo dos estilos máis variados. Cando menos así se desprende das preferencias dos críticos e especialistas que consultamos para facer a selección dos álbums do ano. Descarga ao vivo, Cuba-Galiza é un dos poucos títulos que se repiten preferencias de Raquel Gamallo, Xurxo Souto, Pepe Cunha e Xavier Valiño.
La Tuna Rastafari lanza Carne de pachanga
Xénero:
| 5 / 1 / 2010Reggae, corrido, tango, rock ou rumba danse cita en Carne de pachanga. O grupo do Morrazo La Tuna Rastafari lanza o seu primeiro traballo discográfico da man de Zouma Records mantendo o estilo festeiro que xa amosaron nos seus múltiplos directos por toda a xeografía galega. Un total de once temas, entre eles a versión rock dun tema tradicional, compoñen este lanzamento.
Pablo Díaz publica o libro-disco Tic Tac con dezaseis temas dirixidos ao público infantil
Xénero: AUDIO
| 28 / 12 / 2009 +Tic Tac é o novo libro-disco de Kalandraka, escrito, gravado e interpretado por Pablo Díaz, con ilustracións de Marc Taeger e coas colaboracións musicais de Xabier Díaz, Guadi Galego, Carmen Rey, Ruote, Brais Maceiras e unha longa lista de colaboradores musicais. Conta tamén coas achegas de Santiago Auserón e de Xurxo Souto no prólogo e no epílogo, respectivamente. As 16 cancións do disco abordan temas próximos aos máis novos, como a natureza, o mar, os animais ou o fogar, proporcionándolles vocabulario e fórmulas de expresión a través da música. Un libro-disco para ver, escoitar e cantar, tanto en familia como na escola, que se complementa cunhas espectaculares ilustracións elaboradas coa laboriosa técnica do linogravado a cargo do deseñador suizo afincado en Bueu, Marc Taeger.
Preséntase o CD e DVD do espectáculo Ovay de Quique Peón Cia.
Xénero: VIDEO + AUDIO
| 17 / 12 / 2009 +O espectáculo de danza en solitario que a acompañía de Quique Peón estreou este verán , Ovay, preséntase de novo agora no seu formato de “levar para casa”. O só de danza galega sae publicado por Falcatruada nun elegante formato DVD-book, acompañado cun CD con dez temas que conforman a banda sonora do espectáculo con música de Xose Lois Romero e Suso Vaamonde. Baile, canto, teatro, música ao vivo e sen pausa, durante 50 intensos minutos gravados ao vivo no Teatro Rosalía Castro da Coruña, e que sae agora publicado por Falcatruada. Ocay quere amosar a forma de expresión masculina e feminina empregando un amplísimo abano de movementos tradicionais galegos que evolucionan ata chegar aos nosos días. Para isto mestúranse as frases tradicionais no marco da danza contemporánea, tentando non perder o esencial, o cerne do noso espírito, a nosa expresividade e sentimentalidade. A obra vai máis aló do virtuosismo do bailarín: amósanos o seu interior, fusionando os instrumentos, o canto e o teatro co mesmo baile, e tentando que o espectador recoñeza e redescubra, a un tempo, o seu. En verbas de Quique Peón “Ovay é unha viaxe ao interior de min mesmo no que se percorren os catro puntos cardiais da ialma”.
O VI Día do Orgullo Gaiteiro enche de música Ourense
Xénero:
| 11 / 12 / 2009O Día do Orgullo Gaiteiro volta a Ourense na súa sexta edición, que se celebra hoxe e mais mañá. Desta volta, o evento homenaxeará o gaiteiro Faustino Luís Seoane, canda a Dorothé Schubarth e Antón Santamarina, compiladores do cancioneiro tradicional galego. Schubarth e Santamarina impartirán unha conferencia sobre o seu traballo co noso legado musical. Un acto de homenaxe, actuacións musicais e unha cea completan o programa desta xeira.
Chotokoeu faise co GZ Crea de música
Xénero:
| 11 / 12 / 2009Nos últimos días coñecéronse os gañadores de tres novas categorías dos premios GZ Crea. En concreto, na categoría de música levou o primeiro premio o grupo Chotokoeu polas cancións Co paso do tempo e Tappin. Pola súa banda, María Rosa Martínez Isla impúxose na categoría de moda coa súa colección Nipona, mentres David Brey Vázquez levou o premio ao mellor graffiti con Fetosintesis. Precisamente as obras gañadoras desta última categoría estarán expostas nos vindeiros días no IES Rosalía de Castro de Compostela. Ao tempo, están dispoñibles na rede os traballos vencedores de seccións coma videocreación, banda deseñada ou carteis, entre outros.
Sonhos fusiona estilos desde a bossa ao pop no seu novo traballo
Xénero: AUDIO
| 3 / 12 / 2009 +Sonhos é unha formación xurdida no ano 2003 en Salamanca e que como trío xa presentaron en 2007 un disco a través do netlabel A Regueifa do que agora recuperan tres temas para a súa primeira edición en CD. O novo disco Sonhos, homónimo do grupo, ofrece nove temas máis un engadido dos que tres son versións escollidas de Bruno Martino, Meredith Wilson e Peninha e os outros seis son temas propios. A súa musica basease nunca viaxe a través de diferentes xéneros, sen fronteiras musicais e apostando pola fusión de estilos conxugando matices de fado, de bolero, de bossa, de folk, de jazz e a variedade de idiomas, con letras en galego, inglés, portugués, castelán e italiano. O disco esta editado polo grupo a través do selo Autoedita de Falcatruada e distribuído pola Lonxa Cultural. Sonhos está formado pola voz e composición de Susana Garrido, a guitarra de Jose Patricio Saura, o contrabaixo de Óscar López e a trompeta de Pedro Garrido.
Vetiver abre a programación do Xacobeo Importa
Xénero:
| 2 / 12 / 2009O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle esta noite a actuación da banda folk Vetiver, que abre deste xeito o festival Xacobeo Importa. O grupo, que actuará acompañado de Fruit Bats, está considerado como un dos máis importantes do panorama indie folk internacional. Segundo explica a Consellaría de Cultura, o festival programará ata o final de 2010 dez concertos de artistas do circuíto independente que nunca visitaron Galicia. Entre estes, está prevista presenza de Joan Baez no Centro Cultural Caixanova de Vigo o vindeiro 5 de marzo.
novidades discográficas
O Noso Tempo
Hugo Guezeta
Cāldo
Catuxa Salom
Vertentes
Garza
Obra social
ORTIGA
Barullo
Baiuca