Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
O ciclo de concertos Xacobeo Raíces 2010 ofrece unha escolma da música folk contemporánea
Xénero:
| 23 / 2 / 2010Xacobeo 2010 ven de presentar o ciclo de concertos Xacobeo Raíces, unha escolma da música galega contemporánea no que participan artistas e grupos galegos. Xacobeo Raíces preséntase como unha mostra do que está a acontecer hoxendía na nosa cultura musical, “propostas que beben da tradición, que evolucionan cos tempos que nos toca vivir e que se experimentan na creatividade vital do contemporáneo.” O ciclo, que dará comezo o vindeiro sábado 6 de marzo na Coruña coa actuación de Fuxan os ventos, comprende un total de 13 concertos diferentes ao longo de tres meses con nomes tan consolidados como Luar na Lubre, Mercedes Peón, Bonovo, Leilía Cristina ato, Mutenrohi, Berrogüetto, Fía Na Roca e ata un total de 25 artistas ou grupos. Só un dos concertos, o que dará a Orquestra Sondeseu no Circo Price de Madrid o 1 de maio, terá lugar fóra da comunidade, rematando o ciclo o 6 de xuño en Santiago.
Sons do Leste
Xénero: AUDIO
| 23 / 2 / 2010 +Conceyo de cantares é un disco que recompila traballos dunha serie de grupos que cantan en galego. Se isto en por si xa resulta unha iniciativa interesante, gaña relevancia se temos en conta que tanto os grupos como o disco xorden da comarca de Navia, en Asturias. A Oficina de Coordinación Cultural y Llingüística do Parque Histórico do Navia é a responsable deste proxecto, que nos amosa a vitalidade da nosa lingua nesta área. Folk, pop, ou fusión son algúns dos estilos que nos descobre este interesante proxecto. Iván Iglesias, responsable da iniciativa, explícanos como xurdiu e como está a música en galego na comarca.
Os ourensáns Ergom presentan o seu primeiro disco Fronkiria
Xénero: AUDIO
| 19 / 2 / 2010 +Folk, Rock e Funky mesturados en temas instrumentais son os sinais de identidade musical do ourensáns Ergom, que levan ao que o grupo ven de chamar “Estilo Fronky” e de aí ao seu primeiro CD recentemente presentado Fronkiria (autoeditado). A banda gravou este traballo durante varios meses nos estudios Mafia Records de Carballiño baixo a batuta de dirección de Oscar Fernández “Chichi”, Ergom naceu como banda no ano 2002 e gravou unha primeira demo en 2003, no ano 2004 participaron no Festival Internacional do Mundo celta en Ortigueira. O grupo está integrado por David Nóvoa (guitarra), Alberto Godoy (baixo), Santi Rodríguez (gaita), Lorena Negreira (batería) e David Blanco (teclados). Na actualidade, Ergom prepara a xira de presentación de Fronkiria.
Luar na Lubre e Carlos Bau son os únicos galegos nos XIV Premios da Música
Xénero:
| 17 / 2 / 2010Só dúas das 28 categorías dos Premios da Música 2010 teñen nome galego. O álbum Ao vivo de Luar na Lubre fíxose co galardón ao mellor disco de música tradicional. Pola súa banda, Nada de Carlos Bau, impúxose aos outros candidatos como mellor canción en galego. A Academia das Artes e das Ciencias da Música facía pública esta mañá a lista de gañadores, mentres a gala de entrega celebrarase o vindeiro 4 de marzo no Teatro Häagen-Dazs Calderón de Madrid.
Cultura recupera o proxecto Rosalía 21 para o aniversario da poeta
Xénero:
| 16 / 2 / 2010O vindeiro 24 de febreiro cúmprense 173 anos do nacemento de Rosalía de Castro. Para o conmemorar, a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura organizou, ás 20 horas, un concerto no Salón de Teatro de Compostela co título Homenaxe a Rosalía. O evento contará coa presenza do Abe Rábade Quartet, Anxo Angueira, Guadi Galego e a participación especial de Uxía Senlle, que interpretarán os temas do disco Rosalía 21, editado por Falcatruada, e que recupera en clave de jazz textos clásicos desta autora. A obra xurdiu como un proxecto multimedia que fixo parte da representación galega na Feira do Libro da Habana en 2008.
Do conto á canción, e volta
Xénero:
| 11 / 2 / 2010OQO editora acaba de presentar A nena e o grilo un proxecto que integra música e literatura da man de Magín Blanco. O libro-disco, dirixido aos máis novos, inclúe unha serie de contos deste autor e cancións que van do folk ao reggae pasando pola rumba ou o pop. Acompañan a Magín no apartado musical figuras coñecidas coma Guadi Galego, Ugia Pedreira, Uxía ou Fred Martins. As ilustracións do volume corren a cargo de Iván Prieto. O lanzamento terá continuidade nos vindeiros meses da man dun espectáculo ao vivo que percorrerá o país.
O Salón Teatro ábrese á música para presentar os últimos proxectos discográficos
Xénero:
| 10 / 2 / 2010Linho do cuco, Emilio Rúa, Ophiusa e Diego Bellón son as catro formacións que inaugurarán unha nova liña de programación do Salón Teatro. Un formato que pretende dar a coñecer os últimos traballos dos artistas galegos cun pequeno concerto. Agás esta novidade, o espazo xestionado por AGADIC seguirá fiel aos mesmos criterios de “combinar traballos feitos aquí como fóra”, segundo apuntou o seu director, Juan Carlos Fasero. Teatro, novo circo e danza serán os xéneros programados ata o mes de abril e que arrinca esta fin de semana con Saltimbanquis, o primeiro musical galego pensado para público infantil.
Cristina Pato presenta o seu novo traballo The Galician Connection
Xénero: IMAXES
| 10 / 2 / 2010 +Nove anos despois do seu anterior disco en solitario, a gaiteira e pianista Cristina Pato lanza un novo traballo coa súa discográfica habitual, Zouma Records. The Galician Connection é o titulo deste álbum que desde o selo ourensán presentan como “ un disco íntimo, maduro e introspectivo” que segundo eles mostra “a madurez dunha artista que soubo evolucionar”. Pato ven ademais de ser parte galardoada na cerimonia dos Grammy por ter participado no disco Yo-Yo Ma and Friends: Songs of Joy and Peace que acaba de obter un destes galardóns como "Best Classical Crossover Album". Para The Galician Connection a gaiteira contou coas colaboracións de Rosa Cedrón, Victor Prieto Trío, a mezzosoprano canadense Patrice Jegou, o violín de Javier Cedrón e o seu cuarteto de corda, o bouzouki de Carlos Beceiro e unha longa lista. de amigos e artistas, incluíndo aos membros habituais da súa banda Laura Amado (voz) ou David G. Outumuro (percusión), Raquel Pato e Xan Padrón. O disco, gravado entre Nova York, Madrid, Galicia e Lisboa, é unha produción íntegra da propia Cristina Pato que ofrece 12 temas de autor compostos por Cristina Pato, Victor Prieto, Xan Padrón, Rosa Cedrón e Raquel Pato entre outros. Os temas teñen o seu título en galego tamén traducido ao inglés.
O reino da gaita
Xénero:
| 10 / 2 / 2010O mundo dos instrumentos tradicionais non é monolítico. Nel conviven desde clásicos instroducidos en pleno século XIX ata restos do paleolítico. Pablo Carpintero presentaba recentemente Os instrumentos musicais na tradición galega, unha obra que cataloga e analiza tanto os aparellos cos que se facía música e ruído como mesmo a propia idea de música da sociedade tradicional.
Sumrrá xa está a mover o seu cuarto disco polos escenarios
Xénero:
| 3 / 2 / 2010Como xa fixeran no seu disco “2” Sumrrá presentou un disco gravado en directo con tres días de concertos na Sala Nasa, un dos seus hábitats naturais. O trío formado por Xacobe martínez Antelo, Lar Egido e Manuel Gutiérrez presentou “Sumrrá 4.0” (Freecode Jazz Records)oficialmente o pasado 23 de xaneiro abrindo do ciclo Sons da Diversidade no Auditorio de Galicia en Santiago, onde tocaron pezas tamén dos seus anteriores traballos. Sinxelo no seu deseño gráfico -feito por Andrea López- as seis pezas do disco noméanse tamén segundo o título, indo da 4.1 á 4.6. O seu vindeiro concerto de presentación de “4.0” será no club coruñés Garufa o vindeiro día 12 de febreiro.
novidades discográficas
O Noso Tempo
Hugo Guezeta
Cāldo
Catuxa Salom
Vertentes
Garza
Obra social
ORTIGA
Barullo
Baiuca