Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Morre a artista Ana Kiro

Xénero: Melódica | 24 / 9 / 2010

imaxe non dispoñible

Era un dos rostros máis populares da televisión, aínda que comezou a súa carreira artística no mundo da música, onde editou máis de trinta discos. Ana Kiro (o seu nome real era María Dolores Casanova González) finou esta mañá no seu domicilio de Mera (Oleiros) por mor dun cancro que a mantivo apartada dos escenarios desde o ano 2006. A capela ardente cos seus restos quedarán instalados no auditorio Gabriel García Márquez de Mera.

Noitarega presenta o seu novo disco XXI

Xénero: Folk | 17 / 9 / 2010

not_17489.jpg

Para conmemorar os seus 21 anos de existencia desde o 1989 até o presente a agrupación Noitarega ven de sacar o seu terceiro disco XXI (Autoedición). O disco propón vinte temas e foi gravado nos Estudios Muu de Vigo baixo a produción de Pedro Feijoó e do mesmo grupo que, fiel ao seu estilo, nos amosa a clara evolución da banda e que conta coas colaboracións de Anxo Pintos (Berrogüetto), Ernesto Campos, Xaime Estévez (Os Terribles de Donas) ou Luís “O Caruncho”, entre outros.

Galantería revisada

Xénero: Melódica | 7 / 9 / 2010

not_17435.jpg

Twist, slow, swing, pasodobles, jotas, mambos…Marful colle o testemuño das pistas de baile dos anos sesenta para presentar un Manual de seducción. Un segundo traballo que dá paso á galantería e ao cortexo permanecendo fiel á súa esencia: o son das orquestras e dos cafés cantantes. O vindeiro día 16, o teatro Colón acollerá a estrea deste manual nun concerto anegado de sorpresas.

Dous discos inaugurarán o selo discográfico Matapadre

Xénero: Pop | 23 / 8 / 2010

imaxe non dispoñible

Alex Mera, Iago Martínez e Cuco Pino, ou o que é o mesmo, o colectivo Oruga están a traballar nun novo traballo fiel á súa fusión de pop e electrónica. Un disco que estreará o novo selo discográfico, Matapadre, vencellado á produtora Work on Sunday. Canda o traballo dos pontearáns, o do grupo Disco Las Palmeras! abre este novo selo que, como aseguran no seu web de Myspace, “estilisticamente está aberto está aberto a calquera cousa de vaia do pop ao rock e as novas tendencias”. Os traballos editaranse para o vindeiro outono.

Pablo Costas gaña o premio do xurado e Gustavo Almeida o do público no concurso musical da Radio Galega

Xénero: Miscelánea | 23 / 8 / 2010

imaxe non dispoñible

Tras catro meses de concurso, o certame da Radio Galega “VAS-SACAR-NOTA”, que veu substituír ao pioneiro A polo Ghit!, xa ten gañadores. O Premio do Xurado, escollido por profesionais da música, recaeu en Pablo Costas , que grazas ao tema Que nos pasou, terá a oportunidade de gravar unha maqueta nas instalacións da Radio Galega. A Radio Galega recibiu un total de 51 cancións, das que 15 foron seleccionadas polo público. Dos 44.000 votos recibidos, saíu vencedor co “Premio do Público” por case 15.000 apoios Gustavo Almeida, polo tema O Camiño das Estrelas e que terá un paquete de concertos como galardón. Noutras categorías o certame premiou como “Letra Máis Inspirada” a Pulpo en Salsa, composta por Joselito; o “Ritmo con Máis Ritmo” concédese a Kallaikoi por Rodaballo, e un último galardón que destaca a “Mellor Imaxe Xeral do Grupo” é para O Tren da Unha. O broche final do concurso chegará cun concerto que terá como escenario o concello ourensán da Veiga o próximo venres, día 27 de agosto.

O cuarteto vigués Matamá Ensemble gaña o festiva Folk de Plasencia

Xénero: Folk | 20 / 8 / 2010

imaxe non dispoñible

Xurxo Fernández, David Bello, Noa Vidal e Lucía Comesaña, ou o que é o mesmo, Matamá Ensemble, están estes días de noraboa. Son os gañadores da segunda edición do Festival Internacional Folk de Plasencia, un certame no que participaron 24 formacións. A aposta deste grupo vigués, que se caracteriza por revisar música tradicional con arranxos modernos, impúxose ás propostas dos andaluces Stolen Notes e os vascos Sokaide.

Lucía Pérez aposta integramente pola lingua galega no novo disco

Xénero: Melódica | 28 / 6 / 2010 + VIDEO

not_17174.jpg

Descuberta artisticamente no ano 2002 cando gañou o certame de canción “Canteira de cantareiros” do programa Luar na Televisión de Galicia Lucía Pérez xa vai polo seu cuarto disco. A cantante do Incio presenta agora Dígocho en galego, un álbum integro na súa lingua materna con temas que xa foron publicados nos anteriores tres discos, algúns deles inicialmente en castelán e agora adaptados ao galego. Entre os doce temas deste disco destacan por novidade un tema dedicado á súa localidade, O Incio, unha versión do Himno Galego e unha nova versión da súa canción Torres de Compostela dedicada ao Camiño de Santiago e na que conta coa colaboración especial de Bieito Romero, gaiteiro e líder de Luar na Lubre.

En Volta Xosé Manuel Budiño destila a esencia dunha xira por catro continentes

Xénero: Folk | 24 / 6 / 2010 + VIDEO

not_17149.jpg

O gaiteiro de Moaña xa ten nas tendas o CD e DVD Volta un traballo que, en verbas do propio Budiño, “non é exactamente un disco en directo nin un recopilatorio. É un experimento”.

Déixate sorprender

Xénero: Jazz/Blues | 23 / 6 / 2010

imaxe non dispoñible

“Un non pode chegar á butaca sabendo de antemán o que vai escoitar. Necesitamos que se sorprenda”. E neso traballa Baldo Martínez, director do Imaxina Sons para que cada ano a xente descubra novas propostas musicais. Este ano, o festival ofrecerá desde unha banda que reinterpreta os sons africanos a ritmo de jazz ata un proxecto pensado para iniciar aos máis pequenos neste xénero pasando por master class, mesas redondas, concertos… a cita co jazz arranca hoxe en Vigo.

O Mozart galego

Xénero: Clásica/Lírica | 10 / 6 / 2010

imaxe non dispoñible

Tocaba o piano moito antes de que soubera ler e como tampouco sabía escribir, garabateaba debuxos que resultaron ser composicións que só el entendía. Pepito Arriola (Betanzos, 1885- Barcelona, 1954) foi un neno prodixio e, como moitos destes pequenos talentosos, tivo unha vida marcada por unha nai dominante que non soubo canalizar ese torrente creativo. Pasou á historia por ser un virtuoso pianista pero a súa faceta compositiva adormeceu no imaxinario duns poucos porque todo o seu legado de destruíu cos bombardeos da Segunda Guerra Mundial. Ata agora. Quixo a casualidade que apareceran no faiado dunha residencia de anciáns ferrolá unha serie de partituras inéditas que o Consello da Cultura recuperou e editou nunha publicación que se presenta hoxe.

<< Inicio / Anterior . 941 a 950 de 1407 . Seguinte \ Fin >>