Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Punk-rock, ská e reggae conflúen en Millo

Xénero: Fusión | 29 / 2 / 2016

millo_millo_cd.jpg

Cando están a facer catro anos de existencia, os gondomareños Millo presentan o seu primeiro álbum. Millo achega dez temas, todos orixinais agás unha versión dunha muiñeira. Punk-rock, reggae, ská e acompañamentos de gaita e frauta atópanse nun traballo no que o humor acedo e o ritmo son constantes. Temas como Galiza Ceibe, Curriculum ou Grande e poderoso amosan o incisivo ollar do quinteto. O álbum, autoeditado, gravouse entre Breaker Studios e Xílgaro Estudios. A xira de presentación levará o grupo a Allariz (4 de marzo), O Porriño (5 de marzo), Barrantes (12 de marzo) e Pontevedra (19).

A Mesa homenaxea a Manuel María cun Libro-CD

Xénero: Melódica | 25 / 2 / 2016

avozdovento_fran_amil_manuel_maria.jpg

A se sumar ás celebracións do Día das Letras dedicado a Manuel María, A Mesa pola Normalización Lingüística presentaba onte A voz do ventro. Este libro-CD reúne poemas do autor chairego con versións musicadas por Fran Amil e a tribo incomprensíbel e mais ilustracións de Jano. O proxecto recolle once composicións dos poemarios Terra Chá, Proba documental, Aldraxe contra a xistra, Cantos rodados para alleados e colonizados, Versos do lume e o vagalume, A luz resucitada, As lúcidas lúas do outono e Sonetos á casa de Hortas, e conta cunha banda composta por Aarón Bouzón, Álex Bardanca, Fran Amil, Paco Cerdeira e Ricardo Casás. Canda a eles, no disco colaboraron as voces de Jasper, Paula Romero, Antón Díaz, Xurxo Souto, Belén Tajes, O Leo, M. J. Pérez e Xosé Antón Bocixa.

Malandrómeda racha cinco anos de silencio con dous discos simultáneos

Xénero: Hip-Hop | 24 / 2 / 2016

cada_can_que_lamba_malandromeda.jpg

O quinto lanzamento de Malandrómeda é tamén o sexto. Logo de cinco anos de silencio o dúo compostelán composto por Hevi e O Master do Son lanza hoxe 24 de febreiro a edición en liña e pasado día 26 a física de Cada can que lamba o seu carallo e Os corenta e oito nomes do inimigo. Matapadre corre coa edición destes dous traballos de longa duración (10 e 11 temas respectivamente) que foron autoproducidos entre 2012 y 2015 e que exploran diferentes vertentes do hip-hop na nosa lingua. Así, Cada can que lamba o seu carallo amosa a orientación máis festeira do grupo, mentres Os corenta e oito nomes do inimigo preséntase como máis sobrio e intimista, sen deixar en ningún momento as letras surrealistas e punzantes que marcan a identidade do dúo.

Uxía canta a Manuel María, agora ao vivo

Xénero: Melódica | 23 / 2 / 2016

Uxia_canta_manuel_maria_2016_casa_museo.jpg

Uxía non para de cantar a Manuel María. Para alén de Canta o Cuco, na que achega poemas do autor aos máis cativos en colaboración de Magín Blanco, a artista xa gravara hai uns anos Andando a terra. Uxía canta a Manuel María. Agora, da man da Casa Museo Manuel María ve a luz un novo volume, tamén titulado Uxía canta a Manuel María. Nesta ocasión trátase dun libro-CD gravado ao vivo durante un recital na propia casa do poeta o pasado mes de outubro. Aínda que comparte maioritariamente o repertorio do anterior álbum, a nova edición achega tres novos temas e inclúe dúos con Xabier Díaz. Ademais o volume inclúe 52 poemas do autor cun portapoemas personalizado cunha folla do carballo da casa, e permite a descarga do audiovisual De amor e cantería.

Xosé Constenla fai unha Virada por avante

Xénero: Cantautor | 22 / 2 / 2016

imaxe non dispoñible

A Casa das Crechas, en Santiago, acolle este venres 26 o concerto de presentación do novo disco de Xosé Constenla. O cantautor compostelán lanza Virada por avante, unha colección de once novas cancións nas que o artista asegura fai un xiro cara ao son folk-rock americano. O álbum, autoeditado baixo o selo Setestrelo, foi producido por Fredi Marugán e masterizado nos Staterooms Studios por Oscar Herrador. A xira continuará o 27 de febreiro por Ourense e o 12 de marzo cun grande recital no Salón Teatro de Compostela

Libremente é o disco debut de Labregos do tempo dos Sputniks

Xénero: Fusión | 16 / 2 / 2016

libremente_labregos_tempo_sputniks.jpg

Da man de Ouvirmos saía onte á luz Libremente. O novo álbum supón a presentación discográfica de Labregos do tempo dos Sputniks, un proxecto que integra o traballo de O Leo i Arremecághona, García de Dios Ke Te Crew e Lydia Botana de Lydia Bolboreta. Doce temas dun grupo "rapeiro, punkeiro, enxebre e irmandiño", no que o hip hop se mestura con rock e música de raíz para achegar mensaxes comprometidos. O proxecto gravouse en Rapapoulo Estudio agás Un vento vén que se rexistrou nos estudios A Ponte Estudio.

Sinestesia pregunta ¿Quien va a poder con esto? no seu novo álbum

Xénero: Pop | 15 / 2 / 2016

quien_va_poder_esto_sinestesia.jpg

O segundo álbum de Sinestesia preséntase cunha cuestión clara: ¿Quien va a poder con esto?. O grupo Compostelano chega con nove temas do trinque nos que continúa a súa aposta por un blues-rock no que incorpora toques pop, especialmente nas voces. Guitarras suaves e letras coidadas intégranse no álbum, autoproducido e gravado nos estudios A Ponte de Tomás Ageitos. O pub Sónar en Compostela acollerá o vindeiro venres 26 de febreiro o concerto de presentación do novo traballo da banda, que continuará xira, por Betanzos (19 de Marzo), Madrid e Vigo (9 de abril).

Chega Tiberevi con Mentres as baleas dormen

Xénero: Fusión | 10 / 2 / 2016

baleas_dormen_tiverevi.jpg

Como nados neste mesmo ano que acaba de comezar preséntase Tiberevi. Xabier e Beatriz Blanco exploran as posibilidades do acordeón diatónico con este dúo, que acaba de presentar Mentres as baleas dormen, o seu primeiro traballo. Sete temas como O blues da lus, Olas de alas, Mar de plástico ou Nómada amosan o seu dominio deste instrumento e presentan melodías envolventes e contemporáneas con base popular.

Xeografías do Deserto explora os límites entre música e poesía

Xénero: Fusión | 9 / 2 / 2016

xeografias_do_deserto_ramon nunhez_sito_suarez.jpg

"Un produto da interfase, da interferencia entre creadores libres de distintos campos que son quen de ir ao límite das súas capacidades e mesmo alén das súas competencias". Así se presenta Xeografías do deserto o libro-CD que acaban de presentar os cantautores Moncho Nuñez e Sito Suárez e no que exploran a relación entre música e poesía sobre textos de Ramón Caride Ogando. O proxecto conta coa produción de Iago Lorenzo, e con fotografía de Sara Caride entre outras colaboracións. "XDD non é poesía musicada, nin música poetizada", advirten. O volume, que inclúe os textos orixinais de Caride, toma estes poemas como puntos de partida para desenvolver cancións envolventes de liña indie-rock. O proxecto prevé unha segunda entrega para o vindeiro ano, As Flores Salgadas na actualidade en pre-produción. O dúo ten fechadas presentacións o vindeiro 9 de abril en Betanzos, e o 6 de maio en Cambados.

Bea a de Estrella debuta en Mar de fóra

Xénero: Cantautor | 4 / 2 / 2016

mardefora_bea_a_d_estrella.jpg

Once cancións en galego e en castelán sérvenlle de presentación a Bea a de Estrella. A cantautora de Culleredo autoedita Mar de fóra un proxecto no que integra sons cubanos, toques de blues e de jazz e achegamentos ao pop con letras líricas e persoais. A artista achégase tamén á experimentación sonora con toques folk no recitado de O Mar, e o volume achega parte das súas vendas á Asociación Galega de Afectad@s e Familiares de Acondroplasia, á que tamén está dedicado o tema Mi punto de vista. A xira de presentación, que comezou o pasado mes de decembro, non ten aínda datas confirmadas para os vindeiros meses.

<< Inicio / Anterior . 581 a 590 de 1446 . Seguinte \ Fin >>