Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Homenaxe musical a Luz Pozo Garza polo seu centenario
Xénero:
| 21 / 7 / 2022A Xunta promove o concerto 'Sol de Medianoche' hoxe no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia co que completa a súa homenaxe á escritora Luz Pozo Garza (1922-2020) no ano do centenario do seu nacemento. Os seus poemas musicados en composición de Gabriel Bussi (Montevideo, 1975) poderán escoitarse hoxe, coincidindo co día no que cumpriría cen anos. As 12 pezas que compoñen o programa de Sol de Medianoche serán interpretadas polo Quinteto de Cordas Schubert, formado por Gabriel Bussi e Ángel Marote (violíns), Raymond Arteaga (viola), Elena Escalza (violonchelo) e Fernando Rodrigues (contrabaixo). A mezzosoprano brasileira Joana Thomé porá voz ao ciclo de poemas de Luz Pozo Garza. O concerto terá lugar ás 19,00 horas, con entrada de balde previa reserva de praza na web www.cidadedacultura.gal.
Xacarandaina estrea en Santa Comba o espectáculo 'Endaterra'
Xénero:
| 18 / 7 / 2022Xacarandaina porá ata 80 artistas en escena para estrear este sábado, 23 de xullo, en Santa Comba a súa nova montaxe de música e baile 'Endaterra'. O espectáculo creado e dirixido polo coreógrafo Henrique Peón fusiona distintas artes escénicas como son o teatro, o baile e a música tradicional galega (melódica e vocal) tradicional para poñer en valor a arte inmaterial da ruta xacobea que transcorre dende A Coruña até Santiago e a que leva até Fisterra e Muxía. O corpo de baile constitúese con trinta persoas de entre 17 e 35 anos que, mentres que o grupo de pandeiretas está formado por doce mulleres que se encargarán da percusión de man. A peza tamén incluirá un grupo de gaitas que abrangue tres destes instrumentos, tamboril, bombo e pandeireta que, xunto co saxo, clarín, trompeta e tubo da charanga tocarán pezas tradicionais de distintas épocas. O coro contará con 35 voces e o amplo despregue artístico completarase con Os do fondo da barra, grupo doce homes e un acordeonista que se encargarán de representar coa compaña de percusión os antigos cantos de taberna.
O vigués Iago Galego debuta con Filloas
Xénero:
| 20 / 6 / 2022Filloas é o proxecto máis persoal do artista vigués Iago Galego Ferreiro que agora distribúe a plataforma A Regueifa 2.0. Iago Galego aposta pola música urbana pero non renuncia a engadir sonoridades de diversa orixe que van dende o synth-pop, o autotune, guitarreo eléctrico e sintetizadores, trap e Eurobeat. Once temas nun álbum de nome homónimo no que abundan as pezas para bailar. Todo isto sempre acompañado de letras persoais e profundas e nas que sempre hai un oco para a comedia. Filloas ofrécenos letras introspectivas ("Cuncha emocional", "Mediocre" ou "A morte vai comigo") nas que tamén hai espazo para a cultura pop ("Robin" ou "Replicantes") e mesmo a reivindicación máis explícita ("Galicia"). Iago Galego busca un recuncho recoñecible de seu nesta escena musical actual desinhibida e sen complexos, facendo aumentar o rico panorama da música urbana en galego. Segundo A Regueifa 2.0 "se puideramos trazar unha liña imaxinaria dende Radio Océano até Boyanka Kostova, pasando polo Caimán do Río Tea, Projecto Mourente e Verto, sen dúbida chegariamos a Filloas".
A décima edición do Surfing the Lérez ofrece tres días de música galega
Xénero:
| 17 / 6 / 2022O Surfing the Lérez máis longo celébrase a semana que ven e preséntase hoxe xa cun concerto de Tony Lomba. O festival pontevedrés da Illa das Esculturas presentou este ano a súa décima edición cun programa de tres xornadas e cun cartel de propostas da escena musical galega en exclusiva, moitas delas locais. Durante os días 23, 24 e 25 de xuño -o cal inclúe a noite e festividade de San Xoán- volverá á Illa das esculturas este evento tras o parón pandémico e no seu formato habitual aberto e de balde con recollida de alimentos. Hoxe dáse a saída a estas edición tan especial cunha festa de presentación en forma de concerto de Tony Lomba ás 22 horas en El Pequeño. Este ano o festival incluirá un novo escenario reservado para o público infantil, no que haberá contacontos, teatro e obradoiros infantís. A proposta inclúe un obradoiro sobre memoria histórica a cargo de García MC.
Volve a Duendeneta aos Camiños das Músicas Galegas
Xénero:
| 8 / 6 / 2022A Duendeneta volverá a percorrer as rutas xacobeas de Santiago en Galicia co obxectivo de dar a coñecer a música feita en galego desde Andrés Dobarro ata as Tanxugueiras. Hoxe tivo lugar en Santiago a presentación da segunda xira Os Camiños das Músicas Galegas co que por segundo ano consecutivo a furgoneta musical máis famosa de Galicia percorrerá o camiño de Fisterra, o francés e a Vía da Prata durante os meses de xuño e xullo. Nesta nova edición, a discoteca móbil viaxará por diversas prazas e vilas, ofrecendo ata 32 sesións musicais de carácter didáctico, que mostrarán a historia da música da nosa comunidade e na nosa lingua propia, tanto a peregrinos como a habitantes destes enclaves. O DJ desta iniciativa é o xornalista Carlos Crespo, que deseñou e conduce as sesións musicais, cunha duración aproximada de hora e media ou dúas horas de duración, coas que achega a música de galegos e en galego, cunha selección musical coa que percorrerá toda a historia musical galega, comezando con Andrés Dobarro e chegando, nesta actualización respecto ao pasado ano, coas Tanxugueiras. En concreto a Duendeneta percorrerá os concellos de Fisterra, Muxía, Corcubión, Cee, Negreira no Camiño de Fisterra; O Pedrouzo, Arzúa, Melide, Palas de Rei, Portomarín, Sarria, Triacastela e O Cebreiro no Camiño Francés; Vedra, Silleda, Lalín, Ourense, Allariz, Xinzo da Limia na Vía da Prata e tamén no Monte do Gozo, onde rematará a súa xira deste ano.
Boyanka Kostova apostan forte pola muiñeira-trap con 'Ranaeira'
Xénero:
| 6 / 6 / 2022Retranca, trap, música tradicional, hip-hop, electrónica, verbena e máis retranca son os ingredientes cos que o dúo Boyanca Kostova enchen o seu segundo traballo , "Ranaeira" (Mushroom Pillow). Chicho González (Ortiga) e Cibrán García seguen ensanchando o espazo da reinterpretación do tradicional a través dos ritmos urbanos e electrónicos coa súa muiñeira-trap como bandeira. "Ranaeira" tivo como adiantos dous temas que xa deixaban ver os camiños que ía tomar o álbum. O primeiro deles ese "Ázido Úriko", unha colaboración cos Dios Ke Te Crew na que tiran de retranca para renovar os tópicos sobre mariscadas, mentres que no segundo sinxelo presentado "A Quincena Do Apóstol", atopan na vida compostelá e na música tradicional materiais para crear un himno propio cun retrouso para enganchar ben nas verbenas, concertos e festivais. O disco inclúe unha remestura "club" desa "Muinheira de interior" reinventada coa colaboración da cantante Pili Pampín. En total once temas para esta nova entrega que chega para marcar distancias con calquera outro proxecto musical actual de música galega malia poder compartir puntos de encontro con algúns. A presentación en directo comezará na casa, coa participación no festival O Son do Camiño de Santiago o vindeiro 16 de xuño. Tras diso pasarán tamén polo festival AstroMona Fest, de Valladolid o 2 de xullo e xa hai outros concertos programados na axenda dos músicos.
Unha foliada para recuperar a festa furtada
Xénero:
| 6 / 6 / 2022Recuperar a festa furtada pola represión fascista e homenaxear a artistas de todo o país que a padeceron son os obxectivos da 'Foliada da Memoria' que vai facer a Deputación de Pontevedra sábado 2 de xullo en Moneixas (Lalín). A entidade provincial organiza este evento a través do programa ‘O Pasado Por Vir' do departamento de Memoria Histórica, coa colaboración da agrupación Os Dezas de Moneixas e do Concello de Lalín. A xornada será de memoria festiva e durará todo o día, con actividades para todos os públicos e homenaxes non só á xeración arrebatada senón tamén á quen tomou o relevo e non deixou que a música cesase de sonar. Xurxo Souto conducirá este acto. A actual agrupación dos Dezas de Moneixas e a súa escola farán vibrar as gaitas e a percusión en honor de quen xa non están.
A pandeireta como eixo do Serán '03
Xénero:
| 1 / 6 / 2022A pandeireta será a protagonista absoluta do Encontro Galego de Cultura Popular, Serán'03. A Cidade da Cultura acollerá do 10 ao 12 de xuño a terceira edición deste evento no que se darán cita ao redor dun milleiro de artistas e intérpretes de música e baile tradicional. Ao redor da pandeireta levantarase un programa de tres xornadas intensas de concertos, espectáculos, festivais, masterclasses profesionais, un desfile de traxe tradicional, unha feira sectorial ou conferencias, e no que tampouco faltarán obradoiros e espectáculos para público familiar.
Trinta anos de pasos no 'Camiño longo' de Treixadura
Xénero:
| 30 / 5 / 2022Trinta anos leva a formación tradicional Treixadura camiñando polos escenarios do país e con esa celebración presentan un novo traballo discográfico, 'Camiño longo', co que tamén seguen a andar por auditorios e eventos. Como xa fixeran en anteriores aniversarios "redondos", celebrando os vinte anos con "Esa si que é muiñada" (2011) e os 25 co álbum gravado en directo "Vendima tarda" (2014) agora os de Cambados celebran o trinta aniversario cunha forte aposta que en forma dun libro - disco no que fan un percorrido pola súa propia traxectoria. Este oitavo disco, 'Camiño longo' é un documento de 17 temas musicais e 104 páxinas que amosa o propio percorrido da formación a nivel musical e histórico, un intento de deixar rexistro de 30 anos de emoción compartidos con moitos seguidores, que grazas as cancións os datos e as fotografías poderán revivir moitos momentos de Treixadura, achegándose á traxectoria desta importante formación. O disco, autoeditado, foi gravado nos estudios Casa de tolos, en Mañufe, Gondomar, e Edisco, A Estrada, durante os meses de xaneiro a marzo de 2020 e conta coas colaboracións da Banda Municipal de Música de A Coruña e do Coro Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela ademais da de Rodrígo Romaní. Treixadura xa está a presentar este traballo en diferentes escenarios cunha axenda cuxa seguinte parada será o vindeiro día 3 en Crecente (Albeos) no marco das Festas das Dores e o Santo Cristo.
Os Grupos de Vigo en Loita organizan un concerto de protesta contra o Concello
Xénero:
| 25 / 5 / 2022A plataforma Grupos de Vigo en Loita, creada por músicos da cidade olívica para canalizar as súas protestas sobre as condicións dos locais de ensaio municipais Vigosónico, organizará o vindeiro venres un concerto de reivindicación das súas reclamacións. O club Molotov acollerá o venres 3 de xuño este acto que inclúe a sete bandas da escena viguesa, para reclamar a mellora das salas de ensaio de Vigosónico e tamén servirá para reivindicar a presencia de bandas viguesas na programación de verán do Concello, que, para o colectivo organizador "brilla pola súa ausencia, especialmente cando esta podería servir de altofalante da cultura da cidade xuntando aos artistas da cidade cos grandes nomes internacionais". O evento contará con músicos de diferentes estilos, dende o rap de La Cloaka Sound e JCA, pasando polo punk dos Vacalouras, o metalcore de Arson Tides, a mestura de rap e rock do Puto Show, o pop punk de Gracias por Nada, o rock duro de West Ride ou o rock de Einconscientes. A entrada será de balde.