Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Ana Belén Monís gaña o concurso de cantantes “Son de estrelas” da TVG
Xénero: | 28 / 6 / 2007
Cunha cota media de pantalla de 16,8 % e 145.seguidores rematou a primeira edición co concurso de cantantes “Son de estrelas” da TVG. A verinense de 25 anos Belén Monís resultou a gañadora deste certame de voces, impoñéndose no reconto de chamadas á outra finalista, María Chenlo, de Caldas. Na gala final Monís, que leva máis de cinco anos actuando con orquestras, interpretou os temas “Voa alto” e Lela. A resolución do concurso estivo marcada por un empate porcentual moi axustado das dúas finalistas que tivo que resolverse co reconto das chamadas gañando Belén Monís por 3.403 fronte ás 3.363 de María Chenlo. A gañadora gravará un disco e leva ademais un coche e unha viaxe ao Caribe.
Máis información en La Voz de Galicia
Quempallou mesturan o folk con hip-hop no seu terceiro traballo discográfico
Xénero: | 27 / 6 / 2007 + IMAXES
O terceiro disco de Quempallou rompe un silencio relativo da banda, xa que aínda que xa van tres anos desde a gravación de “Estremonías”(2004) o grupo non deixou en ningún momento as actuacións en directo. Na gravación de “Polo aire” (Zouma Records) a banda contou con diversos colaboradores. Unha das propostas musicais máis atípica chega da colaboración co colectivo de hip-hop Dios ke te Crew co que asinan o tema “Ninguén”, nunha mestura á que dan en chamar “hip-folk” con letra de reivindicación social. Os dezaoito temas do disco son, maiormente, composicións propias de Guillerme Ignacio e Roi Maceda e abundan os arranxos de corda grazas á integración de Xulio Abal despois de tres anos dentro da banda. O disco tira dunha estética radiofónica incluíndo cortes con eses son característico da radio e introducións dos locutores Xurxo Souto e Emilio Espadañedo da Radio Galega.
Máis información en La Opinión
A banda folk Kérkennai saca o seu segundo traballo con renovación musical e da formación
Xénero: | 26 / 6 / 2007 + IMAXES
Neste segundo traballo da banda nacida na Limia en 1999 volve a integrarse un dos músicos fundadores, o violinista Felipe Rodicio. A formación que presenta “Nas beiras do Lethes” está integrada por Pepe Quintas, ó baixo e guitarra; Sindo Otero, ás guitarras e voz; Pepa Rodríguez ó clarinete e voz; Felipe Rodicio, ó violín e viola; Juan Seara, á gaita, flautas e voz. O disco presenta dez temas e está editado pola discográfica ourensá Zouma Records, igual que o primeiro disco do grupo “Vía nova” (2003). "Nas Beiras de Lethes" conta coas colaboracións de David González Outumuro na batería e percusións e Sabela Dacal ao acordeón.
Flook, Kroque, Kepa Junkera e Mercedes Peón encabezan o programa do Festival de Ortigueira
Xénero: | 22 / 6 / 2007
Aínda que os grupos galegos terán unha importante presenza no Festival de Ortigueira, as cabezas de cartel serán os anglo-irlandeses Flook, os polacos Kroque e mais o vasco Kepa Junkera. Canda a eles, Mercedes Peón, Milladoiro, Daniel Bellón e Diego Maceiras, Os Zarambeques ou Pepe Vahamonde Grupo compartirán escenario con outras formacións internacionais. O espectáculo "Vacuo", do Centro Coreográfico Galego, tamén estará presente no evento.
Máis información en La Voz de Galicia; e no web do Festival, e nos nosos arquivos
Crema de Gaita presenta o seu primeiro disco no selo VIR de Ouvirmos
Xénero: | 21 / 6 / 2007 + AUDIO + IMAXES
Na mesma semana en que confirmou a súa presenza no Festival de Ortigueira, o grupo vigués Crema de Gaita o seu primeiro disco “TanGalego” (Ouvirmos). Editado no selo VIR, que Ouvirmos reserva para novos creadores, este disco presenta quince temas nos que a formación folk achégase a ritmos latinos e versións de música tradicional, buscando amosar as múltiples posibilidades que ofrece a gaita como instrumento versátil. A formación leva existindo desde 1994 e Ernesto Campos, membro da banda e compositor das pezas ten composto temas para Carlos Núñez, Budiño ou Susana Seivane. O disco conta tamén con colaboracións de outros músicos como Kin García, Marcos Valcárcel, Ioana Pérez e a Banda de Gaitas Xarabal. O CD contén unha pista de datos coas partituras dos temas e un karaoke para voz e gaita.
Gandarío acollerá un campamento onde os nenos elaborarán partituras
Xénero: | 20 / 6 / 2007
A Asociación Cultural Musical Solfa de Fontiñas en Santiago, a Banda da Escola de Música de Rianxo e a Agrupación Músico Cultural de Ribadumia traballan xuntas da man en “Musigalizando”, un curioso campamento de verán onde o protagonista é a música. A actividade está destinada a persoas de entre 8 e 25 anos e a principal actividade será a elaboración de partituras que se interpretarán en dous grandes concertos en Santiago e Pontevedra.
Máis información no web da Xunta
A orquestra folk Sondeseu presenta en Vigo o seu segundo traballo discográfico
Xénero: | 14 / 6 / 2007 + IMAXES
"Trastempo" está producido e editado pola Fundación Sondeseu e ofrece doce pezas interpretadas pola orquestra Sondeseu no seu conxunto, mantendo espazos nos que cada sección convértese en protagonista nalgún momento. “Trastempo”, sae á rúa cunha tirada de 3.500 exemplares para a venda. Xunto con temas tradicionais e arranxos contemporáneos o disco achega dúas pezas orixinais concibidas para a formación e tamén un DVD con actuacións da orquestra en vivo. O disco foi gravado entre xullo de 2006 e marzo de 2007 no estudio Casa de Tolos de Gondomar. A Orquestra Sondeseu é a primeira orquestra de música folk de España, naceu hai seis anos e publicaba no ano 2003 o seu primeiro CD, "Mar de Vigo". O Salón de actos da da escola de Artes e Oficios acolle este venres ás 19 horas a presentación deste novo disco.
A Fundación Seoane xunta a arte electrónica e a música nun festival de verán
Xénero: | 13 / 6 / 2007
Música + arte electrónica= Artec. Esta é a combinación que a Fundación Luís Seoane ten prevista para amenizar as noites dos xoves do verán coruñés. “Un contorno de diálogo onde se dean a man a alta e a baixa cultura” segundo apuntou Juan de la Colina na presentación dun evento que ten a súa orixe nas Block Parties celebradas en 2006.
Máis información en La Voz de Galicia, Galicia Hoxe e no web da Fundación Seoane
Alberto Conde Trío presentan o seu último disco en concerto en Ourense
Xénero: | 13 / 6 / 2007
A Praza Maior de Ourense acollerá este sábado durante as Festas do Corpus un concerto do trío formado por Alberto Conde, Baldo Martínez e Nirankar Khalsa no que presentarán o seu último traballo discográfico. En “Andaina” (Karonte Jazz) presentan dez temas dos que seis son de composición propia de Alberto conde e catro son versións como o “Teño saudade”, de Andrés Dobarro, “Time remenbered” de Bill Evans e dous arranxos sobre cancións tradicionais galegas. Igual que na gravación do disco, o directo conta tamén, coa colaboración puntual de tres artistas invitados de recoñecido prestixio, o guitarrista flamenco Cuchús Pimentel, o saxofonista Roberto Somoza e a voz de Maite Dono. Con “Andaina” o Alberto Conde Trío fai unha viaxe de ida e volta entre Galicia e Latinoamérica interpretando o fenómeno da emigración desde o jazz.
O programa Alalá da TVG recibirá un galardón da Academia de Televisión
Xénero: | 7 / 6 / 2007
O programa da Televisión de Galicia Alalá, que dirixe Senén Bernárdez e presenta Pilar García Rego, recollerá este sábado en Sevilla o galardón ao mellor programa de Tradición musical outrogado pola Academia das Ciencias e das Artes de Televisión. Alalá naceu como documental musical que se interna nas historias e vidas cotiás da xente que loita para que non se esqueza a sabedoría tradicional. Alalá é un dos programas que a TVG presentou dentro da súa renovación de contidos e supón unha revisión do xeito en que a televisión difunde a tradición musical, encadrando a actuación dun grupo ou artista dentro do seu marco social, laboral ou persoal. A gala de entrega dos premios, que tamén celebra o décimo aniversario da Academia das Ciencias e das Artes de Televisión retransmitirase por todas as canles autonómicas da FORTA.
Máis información na Academia de Televisión
e sobre Alalá na TVG


