Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
O festival Womex de Sevilla contará con representación galega
Xénero: | 23 / 10 / 2007
O festival Womex, o maior que existe dedicado ás músicas do mundo, contará por primeira vez cunha representación galega. O Instituto de Artes Escénicas e Musicais e mais as asociacións profesionais desta industria achegan ao encontro un posto, representacións dunha ducia de empresas do sector, proxeccións audiovisuais e mais un CD con cancións seleccionadas desde asociacións do sector e un libro promocional, todo baixo o lema “The spirit of Finisterrae”. O evento, que se desenvolve entre o 24 e o 28 deste mes en Sevilla, inclúe tamén un concerto do grupo Marful.
Máis información no web de Cultura, web de Galiciantunes e nos nosos arquivos
O Concello de Ames quere o Conservatorio Folque de Lalín
Xénero: | 22 / 10 / 2007
Varios concellos están interesados en se facer co proxecto do Conservatorio de Música Tradicional e Folque que actualmente funciona en Lalín. Segundo publicaba “La Voz de Galicia” esta fin de semana, o concello de Ames recoñeceu que está desenvolver contactos coa dirección do centro sobre esta posibilidade e que existen outras propostas municipais no mesmo sentido. Ao tempo en Vigo comezaban o pasado mércores os cursos da Escola de Artes e Oficios (antiga Universidade Popular) coa ausencia da metade dos profesores, pendentes aínda de regularización laboral. Entre as materias afectadas, está unha boa parte das que compoñen a oferta do Conservatorio de Música Tradicional.
Máis información en La Voz de Galiciaedición Santiago e Edición Vigo e no noso tema sobre estas cuestións
The Homens xa teñen na rúa o seu novo disco en CD e vinilo
Xénero: | 16 / 10 / 2007 + AUDIO + VIDEO + IMAXES
O terceiro disco do trío The Homens xa está na rúa en tres formatos, ante isto o nome do disco, “Tres”, estaba cantado. O novo traballo do grupo compostelán de powerpop comezouse a gravar no mes de xullo nos estudos Ultramarinos Costa Brava de Santi García, tomou forma no verán e agora xa está nas tendas de todo o país. Trátase dun disco cargado de letras acedas, retrousos pegadizos e moita diversión. Apostando por un deseño atrevido e atractivo a discográfica Falcatruada edita este disco en formato especial: 500 copias en vinilo de 12”, incorporando un disco cos temas en mp3 e un póster no interior; tamén hai unha versión en CD en formato económico en digipack. O trío formado por Martin Wu, Roi e Xocas xa ten como costume publicar as súas composicións baixo licenza Creative Commons e o disco enteiro agás dúas cancións pode descargarse desde o sitio web do grupo.
Máis información en La Voz de Galicia
O selo PAI-Música editará o novo traballo discográfico de Lamatumbá
Xénero: | 11 / 10 / 2007
O grupo ourensán Lamatumbá ven de preparar a post-produción do seu próximo traballo discográfico nos estudios Casa de Tolos de Gondomar segundo ven de informar nun comunicado a discográfica PAI-Música. Lamatumbá ficha con este novo traballo por PAI- Música despois de que o anterior “Lume (para que saia o sol)!” o editara con Falcatruada no 2005 e que no 2001, da man do selo Xingra sacara “Pachangüilanuí”, o seu primeiro disco. O grupo entrará nos estudios de Gondomar para empezar a gravar os novos temas a partir do 5 de novembro. Lamatumbá vendeu máis de tres milleiros de copias do seu anterior traballo e recentemente formou parte da embaixada musical española no PopKomm.
Máis información sobre Lamatumbá nos nosos arquivos
Xa está en marcha a preparación do segundo congreso de ensinantes de música tradicional
Xénero: | 10 / 10 / 2007
A Asociación de Gaiteiros Galegos está xa a preparar o II CONGRESO DE ENSINANTES DE MÚSICA TRADICIONAL GALEGA, que terá lugar o 7, 8 e 9 de Decembro de 2007 en Santiago de Compostela. O Auditorio de Galicia será o marco que acolla a congresistas, mestres, gaiteiros, artesáns ou simples afeccionados á música tradicional. Unha das formas de participar, ademais da presencial, é a través do envío de comunicacións. O prazo de presentación dos resumos das comunicacións será ata o 16 de Novembro de 2007. O pasado ano na primeira edición deste congreso presentouse por parte da Fundación Sondeseu o primeiro libro branco de educación do sector con relevantes cifras.
Máis información na Asociación de Gaiteiros
e o noso tema sobre Educación en música tradicional
O Conservatorio de Música Tradicional de Vigo pasará a ser Escola
Xénero: | 10 / 10 / 2007
A Concellaría de Educación de Vigo informa de que teñen a intención de converter o Conservatorio de Música Tradicional nunha Escola que se integre na Escola Municipal de Música. Novas dependencias e a estabilidade laboral dos ensinantes, “facendo fixos ou interinos a toda a xente posible” son as novas propostas para o centro, segundo asegura a titular do departamento, Laura López Atrio, que engadiu que o novo espazo terá "mellores condicións" e “unha orientación educativa avanzada".
Máis información no noso tema sobre os problemas dos conservatorios de música tradicional
Luar na Lubre presenta o seu novo disco e inicia xira na Coruña
Xénero: | 8 / 10 / 2007 + VIDEO
Con “Camiños da fin da terra”(Warner Music) a formación liderada por Bieito Romero acada o décimo disco da súa carreira musical. O álbum sairá a venda o vindeiro día 23 de outubro presentarse nas instalación da Fnac da Coruña ese mesmo día; contén catorce cancións inspiradas nas tradicións, lendas, paisaxes e personaxes que conforman a identidade galega e a súa ascendencia celta. Luar na Lubre dará o seu primeiro concerto oficial da xira de presentación de “Camiños da fin da terra” no Teatro Colón da Coruña o día 25 deste mes seguindo despois polo resto do Estado e en Alemaña. A banda folk xa adiantou o seu primeiro videoclip do disco, a canción “Os Animais”, unha popular melodía de orixe irlandesa cunha letra de inspiración bíblica adaptada neste caso polo poeta Xabier Cordal.
Dezasete localidades acollerán os encontros de sesenta e dúas corais do país
Xénero: | 5 / 10 / 2007
A Consellaría de Cultura e a Federación Coral Galega organizan un programa de encontros de corais para dar a coñecer o traballo musical que elaboran estas formacións musicais no noso país. As actuacións comezarán mañá na Casa da Cultura do Milladoiro, no concello de Ames e durarán até o 23 de decembro. Os concellos nos que haberá actuación son os seguintes: Brión, Carballo, A Coruña, Ferrol, Narón, Noia, Outes, Sada, Santiago de Compostela, Vimianzo, O Rosal, Oia, A Gudiña, Vigo, Vilaboa e Ourense. En total serán 62 as corais participantes nas actuacións que se desenvolverán en 17 localidades. Nos eventos a coral local encárgase de darlle a acollida ás corais visitantes.
Máis información na Consellaría de Cultura e Deporte
Artistas da discográfica Falcatruada participarán dunha mesa redonda sobre a proxección internacional da súa musica
Xénero: | 24 / 9 / 2007
No Forum das instalacións da Fnac na Coruña reuniranse hoxe ás 19:30 horas diferentes artistas cun nexo común: editar co selo discográfico Falcatruada. Baixo o título de “Sons de Galiza. Enfeitizando o mundo” membros de Lamatumbá falarán da súa experiencia no Popkomm de Berlín; a coruñesa Silvia Penide falarán da súa traxectoria polos escenarios de Italia, Eslovenia ou Croacia; Tamén estará alí Guadi Galego, nomeada aos Grammy latinos, membro de Espido, voz e gaita de Berrogüetto, e unha dos tres integrantes de Nordestin@s, xunto con Abe Rábade, que tamén participará na mesa redonda. A proxección da música galega que percorre o mundo e cómo o fenómeno da Internet fai que estes artistas teñan miles de fans inscritos nos seus foros web son algúns dos temas que sairán a debate neste interesante encontro.
A Escola de Gaitas da Deputación buscará outro local para dar clases en Cangas
Xénero: | 21 / 9 / 2007
O deputado provincial e ex-alcalde de Cangas José Enrique Sotelo acusou de sectarismo ao actual goberno local cangués por rexeitar o servizo da Escola de Gaitas da Deputación. Noutro episodio deste enfrontamento entre visións contrapostas da didáctica da tradición musical Sotelo asegurou que, pese a non dispor das instalacións municipais , o prazo de matrícula segue aberto e xa hai conversas para conseguir un novo local para as clases. Sotelo asegurou que de manterse a demanda por parte dos alumnos o curso seguirá adiante aínda que non dispoñan do Auditorio. Este é o segundo desencontro da deputación no tema das escolas de gaitas, hai dous anos romperon relacións coa Asociación de Gaiteiros galegos polo mesmo asunto.
Máis información en La Voz de Galicia e nos nosos arquivos


