Leopoldo Pardo -Leopardo-, ex-presidiario e antigo vixilante xurado, traballa agora na cidade de Auria como axente de seguros da compañía Nationale Switzerland. Un día recibe un encargo especial dun cliente extravagante: asegurar sete obxectos paradigmáticos da cultura galega entre os que están a máquina de escribir de Blanco Amor ou a caveira de Breogán. Os sete obxectos están asociados a sete contravalores que rexen a sociedade actual e Leopardo deberá documentar graficamente a existencia deses antivalores para cobrar as primas das pólizas. Unha tarefa considerada fácil en primeira instancia…Bóveda ofrece, agora en Xerais Narrativa, o terceiro volume das andanzas do inefable Leopoldo Pardo, comezadas en Asasinato no centro comercial e continuadas en A morte vén en chancletas. [Presentación editorial]