Puntuación: 2.0/5 (77 votos)
"Corre corre, cabaciña" é un conto popular portugués, de gran tradición no país veciño, e que, sen embargo, nunca tiña sido editado en galego. Conta a historia dunha velliña que, de camiño á voda da súa neta, atopa un lobo, un oso e un león que a queren comer. Ela convence os animais para que a esperen á volta do convite e, despois da celebración, a neta e a velliña argallan algo moi orixinal para burlar as tres feras.
Escritores da talla de Alice Vieira e compiladores de contos tradicionais lusos como Adolfo Coelho, S. Romero, A. Oliveira ou L. Vasconcellos, teñen recollido variantes desta historia en todo Portugal e mesmo Brasil, con historias que deron en chamar "A vella e os lobos"," O macaco e a cabaça" (na variante brasileira), "A cabacinha" ou "A vella que ia na calabaça e encontrou um lobo". Nalgunha destas versións os animais comen á avoa, mais nesta versión optouse por un final no que a vella e a neta, xuntando enxeño, humor e imaxinación, conseguen superar os conflitos e darlle as tres feras o seu merecido.
Cun ritmo áxil e empregando "Ienga lenga" -case un trabalinguas-, presente nas versións portuguesas que aínda hoxe circulan, este conto ofrece moitas posibilidades expresivas de narración e representación teatral.
André Letria, ilustrador de gran prestixio en Portugal e gañador en varias ocasións do Premio Nacional de Ilustración do país veciño, crea personaxes con moita forza e personalidade, acentuando a súa expresividade e enriquecendo as imaxes cun imaxinario humorístico moi definido.
[Presentación editorial]