Alexandre Marrube, un galeguista exiliado en México, retorna a súa cidade natal, despois de case corenta anos de ausencia, para asistir ao enterro da súa nai. Naqueles días, o exiliado atoparase cunha comunidade despolitizada que apenas lembra nin a guerra nin os anos da fame e nin sequera posúe conciencia de que vive na ditadura. Marrube enfrontarase tamén a unha familia, que apenas o recoñece (sexa a súa irmá ou o seu cuñado, o maxistrado, que quedaron en Galicia sobrevivindo), e a un mozo, militante antifranquista con quen ten dificultades de empatar o seu discurso político. Alexandre Marrube regresa a Galicia intentando atopar ou reconstruír o seu mundo perdido, aínda que coa desolación de se decatar de que todo é inútil, imposible, pois os seus ollos chocan cunha sociedade apática e desmemoriada, á que non entende, pero satisfeita cun precario, pero novidoso, consumismo. [Presentación editorial]